Domingo. 09.05.2021
El tiempo

O TSXG anula o ERTE de XEAL

Manifestacion do Comite de XEAL ás portas da fabrica
Imaxe dunha concentración dos traballadores ás portas da fábrical de Brens
O TSXG anula o ERTE de XEAL

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de emitir sentenza pola que anula o ERTE que XEAL aplicou nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas entre o 21 e abril de o 3 de xullo de 2020, xa que “non existían causas organizativas e que o único que buscaba a dirección era aproveitarse da pandemia para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción”.

A anulación do ERTE, segundo a CIG, “supón que a empresa ten que pagarlle aos traballadores e ás traballadoras os correspondentes salarios deixados de percibir durante o tempo que estiveron no paro e ademais XEAL deberá reintegrar todas as prestacións por desemprego que foron abonadas polo Servizo Público de Emprego”.

O sindicato maioritario considera que a ”sentenza do TSXG constata a mala fe da empresa durante todo o período de consultas ao non facilitar toda a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións e incluso critica a conduta de XEAL por ocultar información de relevancia como a substitución da produción do forno 14 (de silico manganeso) polo forno 12 (de ferro silicio). Este cambio produtivo executouse o día despois de rematar o período de consultas (20 de abril de 2020), malia que a empresa xustificaba o ERTE en que ía concentrar toda a produción ordinaria en dúas unidades produtivas, pero con esta mudanza dende o 21 de abril xa non habería produción de silico manganeso na fábrica de Cee”.

A resolución recolle que “na operación de compra venda debería garantirse para as plantas da Costa da Morte un trato equivalente ao do resto das fábricas de Ferroglobe, pero mentres que as factorías de FerroGlobe estaban naquela altura a plena produción, XEAL paraba fornos e formulaba este ERTE”.

A sección sindical da CIG lembra que “non houbo en ningunha outra industria electrointesiva un ERTE por causa da pandemia, xa que tivo a consideración de esencial, e mantivéronse a pleno rendemento aproveitando o baixo prezo da enerxía”.

Para a CIG “volve confirmarse a fraude e o absoluto despropósito que supuxo a operación de venda do complexo industrial e enerxético e, cunha sentenza favorábel máis na man, reclámalle a Xunta que interveña para evitar a situación de inviabilidade e ruína á que XEAL está levando as fábricas”. Así mesmo, “a Xunta debe actuar para garantir que se cumpre o obxecto concesional: a viabilidade e pleno funcionamento dos fornos e das fábricas".

NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA

comentarios