Vinculan o desmantelamento das fábricas de Cee e Dumbría coa falta de práctico no porto de Brens
A decisión da Xunta de recortar ao 50% o servizo de practicaxe do portos da Costa da Morte supón un novo golpe para o futuro das fábricas de Cee e Dumbría, xa que, a causa da rebaixa dos custes e subvencións, a licitación vai quedar deserta por segunda vez.
Así o entende a CIG que considera que "a carencia deste servizo ten un importantísimo impacto na actividade das fábricas de ferroaliaxes porque os barcos non poderán cargar e descargar no porto de Brens, xa que a figura de práctico e a súa tripulación é preceptiva para a entrada de tráfico marítimo nos portos".
Por iso, o Comité de Empresa de XEAL alerta que con este recorte, "a Xunta está contribuíndo ao peche das fábricas xa que tanto a materia prima que se necesita para o proceso produtivo - mineral de manganeso, hullas etc-, como o produto acabado terán que ser transportados por estrada, co conseguinte aumento dos custes, facendo así inviábel a produción de ferroalixes".
O Comité ve unha estratexia detrás: "á Xunta estalle facilitando a XEAL a escusa perfecta para facer inviábeis as fábricas de ferroaliaxes. Estamos ante unha evidencia máis do abandono e o castigo ao que o Goberno galego ten sometido a esta comarca, buscando agora inutilizar os portos de Cee, Laxe e Muxía".
Así mesmo, a grúa que estaba no Porto de Brens vai ser desmantelada para trasladala ao Porto Exterior da Coruña, co cal os buques que traían mineral de manganeso para a súa descarga xa non poderán vir, o que contribúe na práctica o abandono do peirao de Brens polo que tanto se loitou.
Manifestación en Santiago este xoves
Mentres os traballadores seguen coas mobilizacións para "exixir o cumprimento das cláusulas concesionais, un plan industrial e de viabilidade para as fábricas, que se fagan todos os investimentos comprometidos, se recuperen os postos de traballo perdidos e se nos devolvan os dereitos roubados coa non aplicación do convenio colectivo propio".
Por todos estes motivos, este xoves volven manifestarse ás 10:30h, dende o edificio administrativo da Xunta en San Caetano até as oficinas de Augas.
Novas relacionadas
- Setembro 22: A Xunta volve abrir unha convocatoria para o práctico portuario sen atender ás demandas da Costa da Morte
- Xullo 22: Os portos do Corredor de Fisterra poderían quedar sen servizo de practicaxe.
- Xuño 22: Piden a revisión do prego de condicións para cubrir a praza do práctico dos portos da Costa da Morte.
- Maio 22: O “práctico” dos portos, un posible novo recorte da Xunta.
- Maio 22: “As cotas do abadexo son un paso máis para desguazar a pouca frota que queda de pesca artesanal”.
- Marzo 22: O BNG denuncia un novo recorte nos servizos do ISM.