XEAL comeza a semana de concentración ante a Xunta con reunións cos grupos parlamentares

O Comité de Empresa de XEAL concentrarase este mércores en San Caetano, diante das oficinas da Xunta de Galicia. Entre as 11:00h e as 12:00h continuarán berrando polos numerosos motivos que os levan á rúa, reiterando ademais a solicitude de reunión co vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, pola que levan meses agardando.
Pero mentres, para quecer a semana, o Comité pechou unha rolda de contactos institucionais para abordar a situación das fábricas de Cee e Dumbría e o deterioro progresivo das condicións laborais. A primeira reunión será hoxe martes co grupo parlamentario do BNG, mentres que o mércores o comité manterá unha xuntanza coa directora xeral de Relacións Laborais e posteriormente reunirase cos grupos parlamentares do PP e PSOE.
”Resulta intolerábel a inacción da Xunta de Galiza ante o progresivo desmantelamento das capacidades produtivas das fábricas de ferroaliaxes, a destrución de emprego e os ataques aos dereitos dos traballadores e das traballadoras, mentres XEAL segue engordando os seus beneficios co negocio eléctrico a conta de explotar os recursos de todos e todas as galegas”, consideran.
Solicitude de mediación
Paralelamente o Comité solicitou unha nova mediación no marco das negociacións rotas para aprobar un novo convenio colectivo. Fíxoo despois de interpoñer conflito colectivo para que se siga aplicando o convenio de empresa mentres non se chega a un acordo para un novo convenio.
Apoio do BNG
O BNG local quere amosar o seu apoio ás mobilizacións do Comité. O voceiro Serxio Domínguez lamenta que "a situación en Xeal non fai máis que empeorar", en relación á política de despidos da empresa, afondando no proceso de desmantelamento progresivo das fábricas de ferroaliaxes que está levando a cabo, "coa complicidade inconcebible da Xunta de Galiza e dos concellos, especialmente o de Cee e Dumbría, que non fan o necesario para reverter a situación".
Novas relacionadas
- 17-02-22: Os traballadores de XEAL volveron a concentrarse diante do Concello de Cee.
- 11-02-2022: A Xunta non mediará no conflito XEAL.
- Febreiro 22: Os traballadores de XEAL volveron ás mobilizacións, cada vez con máis motivos.
- Xaneiro 21: A CGT critica o despido dun traballador de XEAL só por defender no xuízo á compañeira vítima de abuso sexual.
- Xaneiro 22: O Comité de XEAL pide que a Dirección tome medidas “contundentes” contra o responsable condenado por acoso sexual.
- Decembro 21: A CIG levará a agresión ao presidente do Comité de XEAL aos Xulgados.
- Decembro 21: XEAL rompe as negociacións e deixa sen convenio colectivo aos seus traballadores.
- Decembro 21: A CIG denuncia unha agresión contra o presidente do Comité de XEAL.
- Novembro 21: O Comité de XEAL apoia nos Xulgados á traballadora que sufríu acoso dun superior.
- Xullo 21: O Comité de Xeal denuncia un presunto caso de acoso sexual dun alto cargo próximo á dirección.