sábado. 05.07.2025
El tiempo

As mulleres creadoras toman o Carballo Interplay

As mulleres creadoras toman o Carballo Interplay
carballo-interplay-2017 Asd As mulleres creadoras de contidos para Internet toman esta mañá o IV festival de contidos dixitais Carballo Interplay. Estarán varias das youtubers de referencia, como Isa Calderón, polémica autora do vídeo "Con la Biblia no fomentaremos la igualdad entre hombres y mujeres" que lle valeu hai uns días o despido fulminante de El Español; a anti-youtuber basca Soy una pringada, que con máis de 80.000 suscritores e suscritoras xa deu o salto á cultura mainstream, sacando da súa zona de confort a presentadores tan populares e amantes da polémica como Mercedes Milá ou Risto Mejide; ou a guionista e comediante coruñesa Carolina Iglesias, aka Percebes y grelos, colaboradora habitual de Los 40 principales e VodafoneYu. Internet pode ser, tamén, unha ponte pola que saltar a traballar na televisión. E diso falará, ás 19 horas, Rubén Ontiveros, pioneiro das webseries españolas, nunha master class sobre o Humor na rede, na que fará un percorrido polos diferentes formatos da comedia e analizará as posibilidades que dá Youtube de experimentar co humor. Ontiveros foi o creador de Que Vida Más Triste, a primeira webserie do Estado e traballou como guionista de programas como Vaya Semanita, Homo Zapping ou La Hora de José Mota.   Ás 20:30 horas, os Chévere celebrarán o seu 30º aniversario repasando a súa historia a través do seu Código Fonte Audiovisual, achegando ao público do Interplay os vídeos que inspiraron as súas obras teatrais. A noite rematará coa estra mundial de Peter Brandon, un falso documental que amosa a vida do popular cómico Pedro Brandariz fóra dos escenarios e, no camiño, satiriza o sector audiovisual galego coa complicidade de caras coñecidas como Xosé Antonio Touriñán, Evaristo Calvo, María Tasende, David Amor ou Isabel Risco, entre moitos outros. A tarde comezará coa proxección dunha selección das webseries que participan na sección oficial. Serán as españolas El show de Teresa Cuesta, Caniville, Carlinos. La webserie, Cómo dejar los porros, Judge Dredge e Beto e as internacionais Amy Street, Si me volviera a enamorar, 5 baksi.net, Dang it to heck!, Dyscolcalipse e Psicóticas Inseguras. Todas as actividades do Carballo Interplay son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo. Inauguración sonia-mendez-carballo-interplay A directora do festival, Sonia Méndez, tivo palabras de agradecemento para os patrocinadores do Carballo Interplay Onte inagurabase o Festival coa intervención do alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, quen pediu "mil primaveras máis para o Interplay", parafraseando a Álvaro Cunqueiro. Un evento, asegurou o rexedor, que ofrece ao público "novos procedementos de transmisión de coñecemento e de valores", "novas propostas que tendan pontes e nos unen ao mundo". O concelleiro de Promoción Económica, Xose Regueira, abondou nesta idea, asegurando que o Interplay é "garantía de que a cidadanía o pasará ben coñecendo o que se está facendo agora na rede". A directora do festival, Sonia Méndez, agradeceu o apoio do concello de Carballo e dos patrocinadores e colaboradores: Deputación da Coruña, Flooxer, CREA, AGAG, Lodeiros, Nissan Antamotor e A Barra bar.  

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Carballo Interplay

Comentarios