Mércores. 13.11.2019
El tiempo

O Interplay aposta polos contidos en galego e crea un premio de 1.500€ para a mellor webserie

O Interplay aposta polos contidos en galego e crea un premio de 1.500€ para a mellor webserie
Evencio Ferrero, Xose Regueira e Sonia Méndez presentaron a III edicion do festival Carballo Interplay Evencio Ferrero, Xose Regueira e Sonia Méndez presentaron a III edicion do festival Carballo Interplay A terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio, ofrecerá un novo premio, de 1.500 euros, para o mellor proxecto de webserie en galego. O obxectivo deste premio é "fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo", en palabras de Sonia Méndez, directora do CIP. O novo galardón, que se resolverá cun pitching en directo durante o festival e cuxa dotación deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, súmase aos xa existentes: mellor webebserie de imaxe real, mellor webserie de animación, mellor webserie internacional e mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría, e a escolla do público, con 400 euros e trofeo. Ademais, haberá trofeos para a mellor actriz, o mellor actor e un premio AGAG ao mellor guión. En suma, o III Carballo Interplay repartirá máis de 5.000 euros en premios. As persoas que queiran participar poden onte ata o 27 de marzo a través da web www.carballointerplay.com. Segundo anunciaron en rolda de prensa o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; e a directora do certame, Sonia Méndez, o CIP chega á súa terceira edición "reforzado", cun fortalecido programa formativo e "cunha aposta clara pola innovación, pola creatividade e polo talento". Tanto o alcalde como o concelleiro recordan que o festival é "un referente de novas maneiras de crear e de difundir contidos" e que o seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia reforza "o liderado creativo de Carballo". "En Carballo estamos no mundo", asegurou Evencio Ferreiro, "e en galego tamén estamos no mundo. Contribuímos dende aquí a coñecer e a crear novas maneiras de comunicarnos co universo". Neste sentido, Sonia Méndez asegura que o Premio á mellor webserie internacional - creado na pasada edición - fai chegar o nome de Carballo e do CIP a todo o mundo e que todos os creadores e creadoras que entran en contacto co Interplay "acaban namorados do festival, de Carballo e da súa xente. Todos queren volver e todos se convirten en embaixadores da vila". Repercusión O CIP, que acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, situou Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital, ao converterse no primeiro concello nacional que contou cun festival de webseries e de novos formatos narrativos. A organización está actualmente pechando o programa de actividades da terceira edición do certame, do que Méndez adiantou que "apostaremos non só polas webseries, senón por todos os contidos dixitais: creación de contidos específicos para a rede e novas maneiras de difusión cultural a través da rede". O Concello e a organización do evento completan a oferta cun ciclo formativo que se desenvolve nos meses previos, o FormaCIP, que nesta edición amplía a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonos analóxicos son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas poderán adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, dende o vindeiro 12 de marzo ata a mesma fin de semana do Festival. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo, tamén, na web: www.carballointerplay.com. Algúns dos obradoiros xa teñen todas as prazas cubertas, polo que a organización anima a quen estea interesado a inscribirse o antes posible.  

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios