Domingo. 03.11.2024
El tiempo

FSF: O Fisober xa sabe gañar na 2ª Estatal e o Ponteceso confirma o seu dominio na Provincial

FSF: O Fisober xa sabe gañar na 2ª Estatal e o Ponteceso confirma o seu dominio na Provincial
Vitoria do Fisober no derbi galego

Completa xornada de Fútbol Sala Feminino. Con varias novas salientables, como a que protagonizou o Fisober, que acadou a primeira vitoria da tempada despois dun intenso, emocionante e vibrante derbi en Pontevedra, no que todas e cada unha das xogadoras costeiras tiveron que facer un enorme esforzo e deixar ata a última gota de suor nun partido que superou as dúas horas de duración.

Pero a fin de semana tivo o ollo posto noutro derbi feminino da Costa da Morte na Likga Provincial. Unhas 100 persoas viviron a vitoria do Ponteceso FSF ante o Vila de Cee, nun choque que demostra que as pontecesás están a un gran nivel este curso, e quedan na 3ª praza a só 3 puntos do líder e empatadas cas 2ª, o filial do Viaxes Amarelle.
Estaremos atentos ao vindeiro derbi do 13 de decembro (a vindeira semana hai parón pola ponte) entre Vila de Cee e Concello de Carnota Lira.

2ª División Estatal, xornada 10

  • Resultado: LEIS PONTEVEDRA – FISOBER F.S.F. (1-2).
  • FISOBER: Leti, Ana, Inés, Myrella e Noelia; tamén xogaron: Raquel e Mai.
  • Goles: 0-1 Noelia, 0-2 Inés; (descanso) 1-2 Patri.

Os dous equipos eran conscientes da importancia do partido e querían golpear primeiro. E quen o fixo foi o Fisober cando os tres minutos un lanzamento dende fora do área de Noelia se coaba na portería local para poñer en vantaxe as costeiras. Ese gol deu tranquilidade as visitantes, que vían como o partido se xogaba o ritmo que elas querían. O partido transcorría sen demasiadas ocasións por ningunha das dúas escadras. Co paso dos minutos apretaban un pouco máis as pontevedresas. Pero atopáronse con Leti ou cos paus en dúas ocasións. A falta de trinta segundos para finalizar a primeira metade, nun saque de esquina a visitante Inés foi a máis lista e fixo o cero a dous a prol das costeiras.
Saían de vestiarios as visitantes con dous goles de vantaxe e ca tranquilidade que isto lles daba. E o partido parecía seguir co mesmo guión da primeira metade.

Pero todo trocou cando os cinco minutos a local Bibi vía o segundo cartón amarelo e deixaba en inferioridade as súas, o partido xa non volveu a ser o mesmo. Neses momentos apareceu a porteira local Helena para manter a salvo as locais ante o acoso visitante.
O partido volvíase tolo e máis aínda cando a piques de recuperar a inferioridade as locais era o Fisober quen perdía a Myrella tamén por dobre cartón amarelo. A película trocaba de lado e agora era Leti a que mantiña as súas.
Máis aínda cando o Fisober viviu os últimos dez minutos co pesadelo das cinco faltas sobre as súas costas. Algo que permitiu as locais disfrutar de ata tres dobres penaltis, e os tres foron desviados por unha Leti que se voltaba infranqueable para as xogadoras do Leis.
O Leis apretaba e o Fisober tentaba aproveitar unha contra e matar o partido, as porteiras tomaban máis protagonismo. Pero o que chegou foi un libre indirecto a prol das locais no borde do área a pouco máis de dous minutos para o fin do partido. Un lanzamento de Patri e unha serie de rexeites puxeron o un a dous no electrónico.
O que fixo o final deste interminable partido máis emocionante e tolo se cabe pero o marcador xa non se moveu máis. Os dous equipos deixaron todo sobre a pista pero os puntos viñeron cara a Costa, como premio o traballo que viñan facendo sobre a pista as costeiras nos seus partidos e que por fin atoparon a súa recompensa.

A vitoria permite saír do descenso o Fisober e disfrutar dunhas semanas de tranquilidade antes da visita o próximo día 13 do líder Soto del Real, xa que a vindeira semana non haberá liga.

Liga Provincial, xornada 10

  • Resultado: Ponteceso FSF - FSF Villa de Cee (3-1)
  • Goles: (0-0 ao descanso) 1-0: Cintia de penalti (p); 1-1: Andrea; 2-1: Sandra; 3-1: Cintia.

Comezaron ambos equipos a primeira parte, intentando controlar o xogo sen ariscar demasiado ningún deles, cun Ponteceso que dominaba o xogo pero sufría coas contras do FSF Villa de Cee, rematando así a primeira parte cun empate a cero.

Na segunda parte o Ponteceso veuse máis arriba, pero repetíase o guión da primeira parte, o FSF, cerraba ben atrás e saia o contraataque. Pero unhas mans na área ceense provocaba un penalti a favor do Ponteceso que Cintia non desaproveitou para poñer por diante ás de Barca.

Pouco despois, nunha contra de Andrea, conseguía o empate para o FSF Villa de Cee. Estando co resultado de 1-1 e faltando poucos minutos o Ponteceso dominaba o partido, e as de Juan Jesús, con Andrea lesionada e acusando o pouco banquillo que tiñan, fisicamente pegou un baixón, sufrindo en defensa, o que permite que a superioridade do Ponteceso se manifeste en dous novos tantos nos últimos minutos que deixaron o marcador no definitivo 3-1.

Liga Provincial, xornada 10

Choque do Fisober B
  • Resultado: Fisober F.S.F. "B" - BeArt 5 Coruña (1-2)
  • FISOBER B: Anabel, Andrea Muíño, Andrea Piroja, Alejandra e Paula Fandiño; tamén xogaron: Nuriña, Antía, Natalía, Laura e Paula Lema.
  • Goles: 0-0 ó descanso; 1-0 Alejandra, 1-1 Lupe, 1-2 María.

Partido disputado na tarde do sábado no Pavillón Municipal de Vimianzo, onde o filial se lle escapou un partido nuns últimos dous minutos tolos, xa que gañaba a falta de dous minutos e perdeuno a falta de cinco segundos, pecados de xuventude. Pero de todas formas deixou unha magnífica imaxe ante o líder.

Sabía o filial que non debía cometer erros e deixalo todo na pista se quería competir o partido e así o fixo. Todas e cada unha delas, dende as dúas porteiras ata a última das xogadoras de pista amosaron que poden competir con calquer equipo si saen concentradas o partido. E así un filial moi concentrado foi capaz de parar as acometidas do líder e poñelo en apuros cando tocaba. Despois dese gran traballo e un bo xogo combinativo foron quen de chegar o tempo de lecer con igualada no electrónico.

A volta dos vestiarios mesmo guión e mesmo traballo das costeiras. E mellor se lles poñía cando Alejandra, que facía o seu primeiro gol da tempada, adiantaba o filial. Entraba a ansiedade nas visitantes que non querían deixar escapar os puntos. As locais defendían a súa vantaxe. E cando a pouco máis de dous minutos as herculinas estaban a piques de tirar a toalla, lograban a igualada.

Foi un mazazo para o filial que aínda así non se rendeu. A trinta segundos para o fin un lanzamento de Paula Fandiño foise bicando o pau no que parecía o dous a un para as locais. Pero o partido non rematara e o destino tíñalles gardada unha desagradable sorpresa o magnífico traballo das costeiras , que foi cando a cinco segundos para o fin as herculinas aproveitaban un rexeite para facer o segundo gol e levarse un partido que tiñan perdido dous minutos antes.
De todos modos alabar o traballo do filial que amosou a maneira de como debe saír a pista, agora toca tentar ser máis regulares e corroborar a boa imaxe nos partidos seguintes.

A vindeira semana non hai liga, o filial volta a competición o día 13 visitando as coruñesas do C. Meca.

Liga Provincial, xornada 10

  • Resultado: Concello de Carnota Lira - Cafetería Meca (1-5)

(Estamos pendentes de recibir e compartir a crónica).

Categorías inferiores

Os peques do Fisober en Muxia

E nos envía esta fin de semana a familia Fisober como lle foi a súa fin de semana nas categorías inferiores. Visitaban este venres as categorías inferiores do equipo soneirán a vila de Muxía para enfrontarse as E.D.M. de Muxía adestradas por Fran Toba, e deste curioso enfrontamento saíron vitoriosos os conxuntos do adestrador, pero caeron os equipos do presidente é o que ten ser xuíz e parte.
En benxamíns o resultado foi de 9-3, para o Fisober marcaron Sharay de Baiñas en 2 ocasións e María.
O partido alevín foi máis igualado e as rapazas compricáronlle a vida o seu presidente chegando a gañar por cero a dous pero finalmente a vitoria tamén caeu do lado local por 5-3, para o Fisober marcaron Marina, Paula e María.

Os peques do Fisober en Muxia

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Colabora o Fisober, do Lira FSF, e o Vila de Cee FSF, e Viaxes Amarelle.

Comentarios