Nova xornada do Fútbol da Costa esta a cabalo entre xaneiro e decembro. O temporal afectou bastante e se a chuvia foi protagonista durante a tarde sabatina, o vento fixo o seu durante o domingo.
Pero aínda así xogáronse máis de 70 partidos, e xa comezamos a análise da xornada pola Preferente - Senra Sport, na que os nosos volveron, unha semana máis, a intercambiar posicións. Desta volta tocou vitoria xalleira e derrota dumbriesa, e xa varias xornadas nas que non podemos cantar doble alegría. O Dumbría caía pola mañá en Arteixo despois de poder ter sentenciado na primeira metade. Mentres, o XSC vencía en O Val, ante un dos de abaixo, e se coloca con 31 puntos, a 5 da Promoción, que precisamente ocupa o Arteixo. O Dumbría queda con 29.
Primeiros 2 puntos que se deixa o líder da 1ª Autonómica - Clínica Vértebra no Carral. O Sofán non pasaba do empate ante o Cordeiro, pero aínda así aumenta a vantaxe sobre un Villestro que era arrollado por un gran Malpica. Por detrás o Baio non podía co Bertamiráns B, un dos matacosteiros, queda a 9 do liderato. A 12 están Malpica e Soneira, trala vitoria dos vimianceses en Esteiro, ante un cadro blaugrana no que xa saltan todas as alarmas, pois está a 11 da salvacións. Alarmas tamén saltan en Corme, e iso que o xogo está sendo fantástico, pero fallan os resultados. Os de Lentejo non conseguían gañar no Cairo ao Silleda, o penúltimo, e ven como o Amio vencía en Agolada e os supera, deixando a marea azul en postos de descenso.
Intensa a xornada na 2ª Autonómica - ES Bazarra, na que o líder non conseguía gañar no Pinguel ante un Ponteceso que colleu a boa marcha (3 vitorias seguidas) e a ver quen o para. O partido da xornada xogábase no Cunchido, nun fantástico choque que puido caer dos dous lados e quedou en táboas, deixando ao Outes a 3 do liderato e ao Volantes, na 5ª praza a 8. Non fallaron por detrás Zas e Castriz, que manteñen as súas aspiracións intactas, a 4 e 5 puntos do San Lorenzo, respectivamente.
Na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira, o Ameixenda non fallaba ante o Castrelo, e co descanso do Ameixenda, aumenta a renda a 4 puntos, cos mesmos partidos xogados. A 6, pero cun partido máis, queda o Corcubión, que tampouco fallaba ante un Lira en mala xeira de resultados. Demais, o Muxía vencía a todo un Coristanco con rotundidade, e se coloca a só 2 puntos do Lira, que marca a Promoción, e do Nantón, non pasou do empate ante un novo Laxe dende a chegada de Rochi.
Os Xuvenís ferven
Interesantísima ponse a cousa na Liguilla Previa á Fase Ascenso á Liga Galega Xuvenil. O Dumbría parece que non vai ceder e vencía aos Miúdos, o único que chegaba con dúas vitorias en dous partidos, con bastante solvencia. Aínda así, o cadro muradán mantén o segundo posto, pois o Camariñas caía, na sorpresa a xornada, no derbi co Porteno, un Porteño que recibira 12 goles nos dous primeiros partidos. Queda o Camariñas con 4 puntos, os mesmos dun Cabana que gañou ao XSC en Santa Comba, rematando case por completo cas aspiracións dos xalleiros, que aínda non estrearon o taboleiro dos puntos.
Menos tensa está a Liguilla Previa da Copa da Costa Xuvenil, na que, repetimos, se clasifican aos Oitavos 10 equipos de 13 participantes. Esteirana e Coristanco quedan como únicos equipos que conseguiron as 3 vitorias, despois de superar a Ponteceso e Baio. Por detrás. con 6 puntos, métese o Muxía, tras vencer a un Malpica que sumaba 2 de 2; o Outes tras golear ao Corcubión; e o propio Malpica; polos 5 do Fisterra tralo seu empate ante o Zas, que sumaba o seu primeiro punto, igual que Cee e Castriz co seu empate no San Paio de Refoxos. Só queda o Baio sen sumar.
Nas Ligas Autonómicas, malísima xornada para os nosos. O Dumbría da División de Honra Cadete - Aluminios Dumbría caía na casa ante todo un Pontevedra pero deixando a sensación que pode competir cara a cara ata co 3º mellor equipo de Galicia nestes momentos. Máis sufríu o XSC de Liga Galega Cadete, e o Dumbría da Liga Infantil, ao que lle queda un partido da primeira fase.
Xa nas competicións comarcais, Corme e Cabana continúan co seu duelo na 1ª Cadete, mentres que na 1ª Infantil, no partidazo da xornada das Ligas base, o XSC gañou ao Fisterra, quedandó así con 3 puntos de vantaxe no alto da táboa.Os Miúdos chega por detrás.
E nos peques, o Outes e o Cee seguen pelexando no alto da F8 Alevín Costa Sur, mentres que o Fisterra colócase líder en solitario da F8 Benxamín Costa Sur trala súa apurada vitoria ante o 3º, Os MIúdos A, e aproveitando o empate do Outes ante o XSC B.
O San Román manda agora nos Veteranos
Tocaba partidazo no cumio da 2ª División, boa xornada para o lider destacado, o Agualada, e iso que descansaba. I é que dos seus perseguidores, só o Erbecedo, o que parece con máis papeletas para acompañalo no ascenso, e o Corcoesto, vencían. Desínflanse os Porteño e San Isidro-Razo con dúas derrotas, longas, na casa.