Fixo estragos abondos, pero non tráxicos, o Entroido da Costa da Morte. A fin de semana de Enterros deixou unha xornada completa do fútbol costeiro, con moito en xogo.
Comezamos o repaso pola Preferente - Senra Sport, na que os nosos colleitaron resultados tan dispares como pouco esperados. Vaia, a vitoria do Dumbría pode que non sexa unha sorpresa, se ben os de Canosa, cunha gran primeira metade, superaron a todo un Mugardos, 3º da táboa. Pero o XSC recibía ao Castro, un equipo que chegaba cun punto de vantaxe a Fontenla, e que levou demasiado premio.
Viña con derbi a xornada na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra, e o Baio fixo máis mella na mala xeira do Sofán, líder durante moitas xornadas e que hoxe baixa xa ata a 4ª raza a 5 do liderato. Os baieses sitúanse a 3 dos carballeses tras un fermoso e igualado partido. Polo demais, gran vitoria do Soneira nada menos que no campo do Unión, ata hoxe líder. E que dicir da segunda vitoria consecutiva da Esteirana, ante un rival directo como é o Amio, o que marca a salvación. Hai vida para o cadro blaugrana na categoría, quedando agora a 3 partidos. Aí está o Corme, tralo seu empate en Padrón, empatado con Amio e Lesende con 27 puntos. O que non sumou foi o Malpica ante un gran Puebla.
Menuda xornada na 2ª Autonómica - ES Bazarra, Zas, Outes e Castriz achéganse ao liderato tralo empate do San Lorenzo na casa ante o Carnota. O Zas superaba ao Cabana nas Redondas, o Outes non podía pasar do empate ante o Ponteceso no Cunchido e perdeu a ocasión de alcanzar aos carballeses, e o Castriz vencía en Camelle. En 2 puntos quedan os 4 equipos, formando o grupo destacado. Por abaixo, o Porteño salvou unha bola de partido vencendo ao Montelouro nunha Grixa cascada, pero o cadro loureán segue quedando a 3 da teórica salvación, sen aínda ter presentes os arrastres da 1ª. O que tamén salvou unha final foi o Cee, vencendo en Malpica ao Seaia e pegando un salto importante para non pasar apuros.
Non sufríu a Mikaela o Cerqueda, que sumou a 10ª vitoria seguida na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira cun resultado moi tenístico. Tamén gañou o Ameixenda ao Corcubión, no debut de Pato no banco trala dimisión de Manolín, ao que todo o equipo quere adicar esta vitoria. Os dous equipos teñen todas as papeletas para acadar o ascenso directo. Na Promoción, o Coristanco vencía en Nantón, e métese na 3ª praza adiantando aos corcubioneses. Lira e Nantón manteñen a praza trala derrota do Muxía ante o líder.
De base
Xa na Liguilla Previa á Fase Ascenso á Liga Galega Xuvenil, o Dumbría confirma que segue ao seu, mentres o resto pelexan pola segunda praza que dá acceso á Fase. Os Miúdos non pasaban do empate ante o Porteño, polo que o XSC, que vencía en Camariñas, se coloca a só un punto. En todo caso, Cabana e Camariñas quedan a só 3 do cadro muradán, polo que a loita está moi aberta.
Doble xornada esta semana da Liguilla Previa da Copa da Costa Xuvenil, que deixa á Esteirana invita con 7 de 7, e xa 5 puntos de vantaxe sobre o Coristanco, e 6 sobre Corcubión e Fisterra. Por abaixo, Baio e Castriz suman só un punto, e Castriz 3, polos 5 do Cee, os 6 do Malpica, os 7 do Corme e os 8 do Ponteceso. Todos loitarán por evitar as 3 últimas prazas que deixan fóra dos Oitavos de Copa.
Gran vitoria do Dumbría en Santiago na División de Honra Cadete - Aluminios Dumbría, deixando ao propio cadro santiagués a 10 puntos e dando un paso de xigante que lle dá moita tranquilidade aos Juan e Joaquín. Pola súa parte, o XSC empataba en casa co Compostela, quedando aínda con 2 puntos de vantaxe sobre o cadro santiagués e con 3 sobre o descenso. O que vivíu unha nova xornada negativa foi o Dumbría infantil, que caia na casa ante o Residencia nun partido que era fundamental para intentar salvar a categoría. Os de Huelvis e Pablo quedan xa a 9 puntos da salvación.
Nas ligas comarcais, cando só faltan 3 partidos para o final, o Corme deu un paso fantástico na 1ª Cadete, tralo empate da semana pasada, ao vencer en Outes e aproveitar o empate do Cabana ante o Muxía, deixando así a vantaxe en 3 puntos sobre os cabaneses. Mentres, na 1ª Infantil, o XSC non fallou ante o Zas e mantén os 5 puntos sobre o Fisterra, que iso si, ten un partido menos.
Ademais, aínda con media liga por diante, Outes e Cee A manteñen unha boa pelexa na F8 Alevín Costa Sur, mentres en F8 Benxamín Costa Sur o Fisterra vai destacado con 6 puntos sobre o Outes.
De Veteranos
Descansaba o líder da 1ª División das Ligas de Veteranos, pero só o Coristanco aproveitou para recurtar e colocarse a 3 puntos. A 3 queda tamén o Hosgran que non podía na sempre complicada saída ao Conco, e caía ante o Dumbría. O Milagrosa non fallaba na casa e queda a 5, co San Lorenzo a 6 e o propio Dumbría a 7. Na 2ª División, o Agualada segue ao seu, e descansaba o Erbecedo, recurtándolle puntos o Corcoesto, pero aínda queda a 4 e con 2 partidos máis, nesa loita polas dúas primeiras prazas de ascenso.