O Vákner xa dinamiza a comarca
Fermoso sábado o vivido este sábado 28 de maio en Dumbría. A recén inaugurada estatua do Vákner no marco do Couto acollía pola mañá o acto de entrega dos premios do Concurso literario Territorio Vákner.
O rexedor Pequeño Castro asegurou que esta iniciativa “é só a primeira fase dun proxecto territorial que abarca de Santiago a Fisterra”, e que servirá de “motor cultural e turístico para a comarca”. Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso sinalou que Territorio Vákner “é un proxecto de innovación, aínda que baseado nunha personaxe ancestral conta cun gran valor dinamizador e transformador da economía local”.
Algo de música xa houbo pola mañá, da man de Luar Na Lubre, que interpretou os temas “Vákner” e “Fisterra” antes de proceder ao descubrimento dunha placa conmemorativa. Os dous cativos gañadores do concurso Relatos Vákner na categoría de primaria e secundaria, Xiana Pousa e Miguel Mosteyrín, foron os encargados de descubrila.
Festival musical
Xa pola noite, a música foi a protagonista no Campo de Fútbol de Dumbría. Os Gaiteiros de Buxantes saíron ao escenario para abrir un concerto no que, trala súa aplaudida actuación, Luar Na Lubre compartiu escenario con convidados de excepción: Ismael Serrano, Carlos Goñi (líder de Revólver), Víctor Manuel e Alexandra Suárez.
O concerto tivo un gran éxito de convocatoria e foron moitas as persoas, chegadas de diferentes puntos do mapa, as que se achegaron ao Campo de fútbol de Dumbría para disfrutar de éxitos de Luar Na Lubre como "Chove en Santiago", cantada nesta casión xunto a Ismael Serrano. Carlos Goñi interpretou "Mártiros", entre outros temas, mentres que Víctor Manuel puxo a voz a outras como "Afiador". A historia do monstro que se lle apareceu a un bispo armenio hai seis séculos na súa peregrinaxe polas terras de Dumbría non podería estar máis viva.
Foi unha noite histórica, non só por ser un concerto nunca visto ata o momento, senón tamén por poñer en valor ao Vákner. A besta que atemorizaba aos peregrinos xa é moi familiar na Costa da Morte e máis aló, despois de que tamén nos actos do Festival Vákner se descubrise a estatua do lobishome, no Marco do Couto de Dumbría.
NOVAS RELACIONADAS
- O Vákner volve vixiar os montes de Dumbría.
- Maio 22: “O Vákner vai ser o noso monstro do Lago Ness”.
- Xa disponibles as entradas gratuitas do Festival Vákner.
- Dumbría prepara o seu I Festival Vákner con Luar na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano.
- Luar Na Lubre estrea o seu novo disco no que a Costa da Morte é protagonista.
- Novembro 21: O Vakner invadiu Inglaterra.
- Outubro 19: O Vákner como motor inmaterial do Camiño.