Martes. 23.04.2024
El tiempo

O escenario invisible das verbenas: as comisións de festas

comisión vilaseco
Tres dos seis membros da comisión de festas de Vilaseco. De esquerda a dereita: Diana, Adrián e Ana. Antía Sacedón.
O escenario invisible das verbenas: as comisións de festas

Se hai algo que nos gusta na Costa da Morte son as verbenas. Saír cos amigos, botarlle uns bailes, consumir na barra... Pero, que hai detrás de organizar unha festa? Está realmente valorado o traballo das comisións? Coñeceremos de primeira man un punto de vista ás veces esquecido por todos nós: o das comisións de festas.

OS INICIOS DAS COMISIÓNS

O mundo das verbenas é o costume festivo máis asentado na Costa da Morte. Galicia é sen dúbida o epicentro do negocio das orquestras, representando o 70% do mercado nacional. A día de hoxe existen en Galicia arredor de 400 orquestras que xeran un total de 4.000 empregos directos entre equipo artístico e técnico.  As case 2.500 festas patronais ao ano converten a Galicia nunha verbena constante segundo os últimos datos publicados por El Español.

Non obstante, cada día escóitase máis nos pobos iso de que non hai quen colla a comisión de festas. Á xente cada vez cóstalle máis tomar a decisión e inclusive hai vilas, coma Laxe, que a escasos dous meses da súa primeira celebración atópanse sen comisión de festas que a organice. Tamén é certo que é moi fácil falar dende fóra. Criticar dende a casa que ninguén se atreva a poñerse á fronte é, canto menos, contraditorio. A pesar diso, aínda hai mozos e mozas valentes que traballan para que as festas non morran e todos poidamos desfrutalas.

comision carantoña
Os membros da comisión de festas de Carantoña dende 2017. De esquerda a dereita: Pablo, Noelia, Rosa, Rebeca e Sergio. Debaixo: Verónica e Laura. Cedida. 

Se hai algo no que coinciden as comisións de Vilaseco, Carantoña, Laxe e Baio é en que o feito que os levou a coller a comisión foi principalmente que a anterior ía deixar de facerse cargo e non querían que a festa morrese. “Á falta de dous meses para ser a festa do pobo, recibín unha chamada dicíndome que a persoa que facía a festa non ía continuar. Díxenlle que tiña que falar con máis xente. Eu tiña moi claro con quen quería formar equipo”, explica Sergio Miñones, presidente da comisión de festas de Carantoña dende xuño de 2017. A actual comisión de Baio está formada dende o ano 2018 e a de Vilaseco leva máis de dez anos, coa incorporación neste último de tres rapaces mozos.

“A falta de dous meses para ser a festa do pobo, recibín unha chamada dicíndome que a persoa que facía a festa non ía continuar” – Sergio Miñones

Outro aspecto importante nos inicios é a organización. Aarón Rodríguez, presidente da comisión de Laxe entre os anos 2014 e 2023, afirma que a falta de tempo foi unha das principais razóns para que a deixasen, pois estivo formada a maioría dos anos por soamente tres membros. “En 2014 éramos dez, despois fomos cinco e acabamos sendo tres. Os tres estábamos traballando e non nos daba tempo. Ademais diso estábamos moi queimados”, explica Aarón. A maioría das comisións oscilan entre os seis e os dez membros e o traballo sóese dividir de maneira equitativa. No caso de Vilaseco, Adrián Sendón, máis coñecido como Oli, comenta que organizan o traballo “como poden”. “Somos seis membros e en xeral non temos un papel determinado cada un. Intentamos sempre estar o maior número de membros coa tarefa”, explica. En Baio, Olalla Rodríguez, presidenta da comisión, destaca que o tema das orquestras si que é unha decisión máis conxunta.

“Somos seis membros e en xeral non temos un papel determinado cada un. Intentamos sempre estar o maior número de membros coa tarefa” – Adrián Sendón

oli
Este ano incorporáronse tres rapaces á comisión de Vilaseco. Na fortografía: Adrián Sendón. Antía Sacedón.

O TRABALLO INVISIBLE

Detrás de organizar unha festa hai unha cantidade de traballo incrible do que sociedade non é consciente. Dende ir polas casas da vila recadando cartos para a contratación das orquestras ata os trámites administrativos que, por certo, cada vez son maiores e dificultan máis o traballo das comisións. “As administracións cada vez fano máis complicado. Esixen papeis ata o punto de pensar que xa non é viable e que non vas organizar nada. De seguir así, moitas das festas pequenas acabarán desaparecendo”, reflexiona Adrián, membro da comisión de Vilaseco. Dende Carantoña, Sergio considera que o máis complexo para eles é a elección das orquestras. “O peor de todo é elixir as orquestras porque sempre queres estar á altura do pobo pero axustándote a un presuposto”, comenta.

“As administracións cada vez fano máis complicado. Esixen papeis ata o punto de pensar que xa non é viable e que non vas organizar nada”- Adrián Sendón

festa vilaseco
A última festa de Vilaseco acolleu unha gran cantidade de xente. Cedida.

O tema das orquestras é un mundo complexo. Á subida incrible dos prezos hai que sumarlle a anterioridade coa que hai que reservar as datas, pois a día de hoxe hai un gran número de comisións que deciden mover as súas festas á fin de semana e acaban coincidindo moitas delas. “É difícil conseguir as orquestras que queres porque están reservadas con moitísima anterioridade. Cada vez costan máis, pero igual que todo. Todo sigue subindo e as orquestras tamén”, reflexiona Olalla, da comisión de Baio. Adrián Sendón, dende Vilaseco, aporta un punto de vista un pouco máis crítico. “As orquestras a día de hoxe teñen máis espectáculo ca música, encarecen o prezo e ademais teñen unhas infraestruturas que en pobos pequenos, coma Vilaseco, son imposibles de traer por mor do espazo”, finaliza. 

Un punto de vista interesante é o dos membros que recentemente deixaron a comisión. Aarón Rodríguez, de Laxe, considera que para eles o máis importante era ter o apoio do seu concello, o cal foi inexistente durante todos os anos. “Estivemos nove anos e economicamente o concello só nos axudou o primeiro ano. O resto de anos non tivemos axuda económica”, puntualiza. O ex presidente da comisión de Laxe xa non fai referencia só aos cartos, senón ao apoio en xeral. “O concello debería colaborar e non rirse. Nós sentimos que se rían de nós. Aquí hai unha deixadez incrible”, sentenza Aarón.

“O concello debería colaborar, non rirse. Nós sentimos que se rían de nós. Aquí hai unha deixadez incrible” – Aarón Rodríguez

comisión laxe
Aarón Rodríguez no lugar onde se colocaba a cantina da comisión nas festas. Antía Sacedón.

Un dos traballos máis característicos das comisións é o feito de ir pedir polas casas. Neste apartado hai todo tipo de pensamentos e opinións, dende quen denuncia malas contestacións e risas ata quen está conforme coa situación que viven. A pesar de ter intentado introducir novas formas de recolecta de cartos, como as contas bancarias, en Laxe a experiencia demostrou que na Costa da Morte somos máis de vellas tradicións. “O primeiro ano que puxemos a conta ingresaron cartos dúas persoas e unha o segundo ano”, conta Aarón.

A SÚA PROPIA EXPERIENCIA

Despois de tanto traballo, o normal sería ter o agradecemento por parte do teu pobo ou que, polo menos, non todo sexan críticas. Aínda que poida parecer mentira, todos nos temos queixado algunha vez do traballo dunha comisión sen ter feito nada por colaborar con ela ou botarlle unha man. Na maioría dos casos, as comisións entrevistadas afirman que os veciños colaboran e son agradecidos co seu traballo. Olalla Rodríguez, dende Baio, puntualiza que para a comisión tamén é difícil que todo o mundo estea conforme. “Non vai estar sempre todo ao gusto de todo o mundo. Hai quen prefire orquestras dun tipo, outros doutro... Ou incluso que as cousas se fagan doutra maneira”, explica.

“Non vai estar sempre todo ao gusto de todo o mundo. Hai quen prefire orquestras dun tipo, outros doutro... Ou incluso que as cousas se fagan doutra maneira” – Olalla Rodríguez

 

comisión baio
Olalla Rodríguez é a actual presidenta da comisión de festas de Baio. Cedida.

A pesar de todo o traballo, non dubidan en afirmar que o balance da experiencia é completamente positivo. A loita por non deixar que as festas morran fai que o negativo se esqueza cando conseguen encher de xente o campo da festa. “As verbenas son patrimonio da nosa zona, é algo que deberíamos coidar sempre e non deixar que morran. Son momentos de festexo, reencontro, diversión e unión cos teus veciños”, reflexiona Sergio Miñones.

CARANTOÑA
Os veciños de Carantoña cos suadoiros da comisión de festas. Antía Sacedón- 

Dende logo, á Costa da Morte sería imposible imaxinala sen verbenas. A pesar da incerteza que depara o futuro por mor da subida dos prezos e as esixencias administrativas, non está de máis facer autocrítica e recordar que, todas esas veces que nos queixamos de algo das comisións, seguímolo facendo sen aportar absolutamente nada. Hai que estar... pero a que prezo?

REPORTAXES DE ANTÍA SACEDÓN

Comentarios