O Fisterra Experience descentraliza a oferta cultural de Galicia

Foi presentado onte no Hotel Bela Fisterra o renovado festival Fisterra Experience, un evento que vén substituír ao desaparecido Fisterra Blues Experience, deixando de lado a focalización na música americana e apostando neste caso por un menú variado en estilos e formas, pero centrado na produción galega.
Non faltou a presentacuión da Xunta da man da Delegada Belén do Campo, que lembrou que o festival conta con 40.000€ de axuda. Docampo subliñou “a importancia deste tipo de festivais como unha oportunidade para trasladar aos turistas e peregrinos que Galicia é unha comunidade cunha oferta turística sen precedentes, coa excelencia e a calidade como bandeira duns recursos e medios sen parangón”, indicou.
Antes Paula González explicou as causas da renovación deste festival, que xorde “cunha nova liña e un novo concepto”, mantendo Fisterra como sede por ser un “territorio singular, no que se teñen que celebrar eventos culturais deste tipo”. González remarcou a intención por parte da promotora de “descentralizar a oferta cultural galega”, hoxe condensada nos núcleos urbanos.
Por último, a alcaldesa Áurea Domínguez agradeceu aos patrocinadores, Xunta de Galicia e Estrella Galicia, e en especial á promotora do festival, Nordesía Producións.
Un programa con varias actividades de balde e The Rapants como prato forte
O Fisterra Experience inciará o venres 28 cunha sesión Eme DJ durante o solpor no Semáfaro de Fisterra. O sábado, a programación dará comezo cunha sesión vermú a cargo de Ukestra do Medio no Hotel Bela Fisterra e a actividade “Música a Bordo”, que correrá a cargo do cantautor Indomable a bordo dun barco de Cruceros Fisterra. Pola noite, no Escenario Xacobeo da rúa da Foliada, a festa iniciará co concerto de Brais Morán & Nasaufunk, seguido de The Rapants e cunha sesión DJ de Peter Sélek para pechar a velada. Para finiquitar a experiencia, o domingo, Cachas & Cousins ofrecerá unha sesión vermú no Hotel Bela Fisterra.