1ª FUTGAL: Esteirana e Fisterra reaccionan e o Muxía colócase a 1 punto do liderato
Xa reaccionou o Castriz, que leva 3 partidos sen perder despois de rescatar no descontísimo un valioso empate na casa do 2º clasificado. Pero esta xornada 20 pode ser clave para Esteirana e Fisterra. Aínda os 3 ocupan os postos de descenso, pero se os xalleiros teñen a salvación a 1 punto, esteiráns e fisterráns quedan tralas súas importantes vitorias a 7 puntos de Tordoia e Bastavales.
Tamén venceu o Muxía, que fai soñar a toda a parroquia Corviña, situándose na 4ª praza, pero empatado con Arzía e Calo, 2º e 3º, e a só 1 punto do líder, o Bertamiráns.
Pola contra, o Camariñas volveu queixarse da arbitraxe da súa visita ao Calo, e sumou unha nova derrota.
Muxía - Boimorto (2-1)
- Muxía: Iván Bouzón, Mateo, Michael, Alex, Carlos Costa, Mauro, Antón, Manu Martínez, Iago, Manu Nogueira. Tamén: Joel, Fran Moreira, Víctor Alcaina, Javi Vilela, Carlos Antelo e Brais.
- Goles: 1-0, m.36: Carlos Costa; 2-0, m.61: Manu Nogueira de penalti; 2-1, m.80: Manu Casal.
Partido disputado no Conco, xa que o estado dos vestiarios da Arliña fixo que non se puidese xogarcampo muxián. Pero saíron ben, dominadores e roubando varias veces en presión alta os de Sergio Pataca, se ben non estaban acertados no último pase. Co paso dos minutos o Boimorto foron atopándose mellor e pronto acumularía unhas cantas ocasións de gol, roubando na saída muxiá ou aproveitando mellor os segundos balóns. Foi aí cando apareceu Iván Bouzón para convertirse en heroe, salvando o equipo. Aguantaron aí o chaparrón os muxiáns e nunha xogada illada Costa pon aos locais por diante no marcador.
Tras o descanso saíron mellor os Corviños, concedéndolle menos ao rival e tendo máis o balón, pero o Boimorto seguía chegando algunha que outra vez a través dos irmáns Casal, dos mellores da categoría. Pero nunha boa combinación cometen penalti que transforma Nogueira. Parecía que se calmaba o partido pero nun despiste os visitantes se meten 2-1, e cando parecía que ía tocar sufrir a morte, os muxiáns apenas cederon varios córners e manteñen as opcións intactas de loitar por todo.
Arzúa - Castriz (1-1)
- Castriz: Íker, Fabián, Marcos Mouro, Fabio Barbeira, Fabio Blanco, Brais, Anxo, Chapela, Josiño, Óscar Feal e Juanjo. Tamén: Coke, Carlos Rieiro.
- Goles: 1-0, m.83: Iván García; 1-1, m.97: Fabio Blanco.
Puntazo do Castriz de Barca, con moitas baixas, na casa do 2º clasificado. O equipo saíu cunha presión alta para non deixar sacar directo fácil, e conseguiu calmar o choque. Pero a lesión de Chapela no m.20 xa trastocaba todos os plans pois era o único cambio de xogador de cambio que tiñan. O equipo protexeuse mellor e non permitiu que os balóns directos nin as segundas xogadas se convertisen en ocasións. Si que no último treito da primeira Íker tivo que sacar un rexeite tras un balón parado.
Saíron máis replegados na segunda os xalleiros para defender os balóns aéreos. Tocaba sufrir, sobre todo en xogadas a balón parado. O último cuarto de hora foi de asedio, pero tamén sacaban algunha falta lateral ou algunha contra perigosa como a que Brais mandou ao pau a porta baleira. Pero o partido disputábase na área xalleira, e nunha boa xogada por banda, o extremo local cedía atrás e abría o marcador. Pero o Castriz é “un equipo non se rinde ante nada”, e con todo costa arriba, perdendo 1-0 ante un equipo que se gañaban na casa se metían líderes, cun par de cambios tácticos, arriscaron e aos 7 minutos de desconto, nunha boa xogada por banda entre Josiño e Fabio Blanco, este lanzaba e cazaba o empate. Aínda quedaba unha xogada, e o intentaba á desesperada o cadro local, pero roubaban os xalleiros e case marcan o gol da vitoria.
Toca esperar agora que pasa coa lesión no xeonllo de Chapela, que non pinta ben, pero que está a espera de novas probas. Un xogador clave para que os de Barca poidan conseguir a salvación.
Fisterra - Tordoia (2-0)
- Fisterra: Joselu, Isma, Maikel Mouzo, Rubén, Noé, Dani, Ángel, Pablo Velay, Martín, Guille e Isaac Fábregas. Tamén: Guille, Lois, Adrián Makaay, Javi Pacin, Quintela e Beltrán.
- Goles: 1-0, m.74: Isaac Fábregas; 2-0, m.81: Isaac Fábregas tras un centro de Beltrán.
Igualado partido o vivido no Ara Solis, cunha primeira metade moi sosa, de moito respecto e sen apenas ocasións.
Comezaba igual de equilibrado o choque na segunda, pero a partir do primeiro cuarto de hora, o Tordoia dominaba algo máis o xogo, e froito diso tivo dúas opcións de adiantarse no marcador, unha delas desbaratada baixo paus por Dani.
Recuperou a intensidade o cadro de Leo, e pasaron a dominar ata colocarse por diante co primeiro de Isaac. Quedaban 15 por diante e o Tordoia comezou a percutir, pero os fisterráns aguantaron ben e foron quen de sacar contras para facer o segundo, de novo da man de Isaac que rematou un moi bo centro do xuvenil Beltrán.
Racing San Lorenzo - Esteirana (1-3)
- Esteirana: Guille, Kevin Rial, Godo, Aitor, Manu Luaces, Damián, Pachi, Antón, Oli, Foghete e Pablo Val. Tamén: Raúl, Adrián, Pablo Rama, Toni e Anxo.
- Goles: 0-1, m.21: Foghete nunha xogada a balón parado; 1-1, m.43: Alonso; 1-2, m.91: Raúl pola escuadra nunha contra; 1-3, m.94: Antón Olveira prántase diante do porteiro.
Por fin chegou, tras 6 partidos sen facelo, a vitoria da Esteirana. O Racing fixo unha gran primeira metade, somentendo aos esteiráns que conseguiron meterse por diante nunha xogada a balón parado. Así e todo, os locais foron mellores e acabaron empatando antes do descanso.
Os de Adán fixeron cambios e mantiveron o bloque moi unido, buscando sorprender á contra. E así foi, tras moitos minutos de doominio local, Raúl lanzou un zapatazo pola escuadra nunha contra para facer o 1-2, e xa no desconto, Antón noutra contra, marcou o que non puido a semana pasada.
Calo - Camariñas (2-0)
- Camariñas: Jorge, Víctor, Borja, Oliver, Pablo Suárez, Moriño, David (Asier), Roi, Mario, Adam (Saúl).
- Goles: 1-0, m.52: Jonathan Vieites; 2-0, m.95: Denis.
Partido marcado polas decisións arbitrais, segundo lamenta o cadro camariñán. Comezaba unha primeira metade moi disputada, cun cadro camariñán que foi de menos a más, para acabar dominando e levar a iniciativa. Certo que houbo poucas ocasións, máis alá dun longueiro dos locais e dun par de internadas dos camariñáns, que vían como a Mario, que estaba facendo dano en cada balón que lle chegaba, sufría duras entradas, como algunha de Mella, o irmán do xogador do Dépor.
Adiantábanse pronto na segunda os locais tras unha man protestada polos visitantes, que despois remataban en posible fóra de xogo. O equipo respondía e Javi e Mario daban conta da resiliencia costeira con dúas boas ocasións, ata que no m.78, unha tangana entre Mario e un xogador local, acaba só con Mario na caseta, nunha expulsión sinalada polo árbitro asistente, o mesmo que xa mandara expulsar a Juan Cabrejo en Melide.
Aínda con 10, intentárono os camariñáns ata que xa no desconto, o colexiado dá por válido un gol tralas protestas locais a pesar de que o asistente tiña a bandeira levantada.
Todas crónicas da 1ª FUTGAL
- X.19: O Muxía afunde máis ao Fisterra e soña con todo.
- X.18: Fisterra e Esteirana quedan descolgados nunha boa xornada para Muxía, Camariñas e Castriz.
- X.17: O ano comeza tan mal como acabou para os equipos costeiros.
- X.16: Xornada fatal para confirmar un mal comezo de curso.
- X.15: Sufrindo fóra de casa.
- X.14: O Castriz invade Esteiro e o Muxía cólase na zona noble.
- X.13: A Esteirana reacciona en Caión.
- X.12: Sacando rédito sobre a bocina.
- X.11: O Castriz supera ao Fisterra nunha xornada máis positiva.
- X.10: O Muxía vence o derbi e escapa do pozo.
- X.9: Esteirana e Castriz respiran.
- X.8: Só suma o Camariñas e os outros 4 equipos costeiros pechan a táboa.
- X.7: Pleno de derrotas que afunde aos 5 equipos costeiros na táboa.
- X.6: Muxía e Fisterra poñen os goles.
- X.5: Dous fermosos derbis.
- X.4: Empate de respecto.
- X.3: Probando o duro sabor da 1ª.
- X.2: O Camariñas pon pé na 1ª cunha remontada espectacular.
- X.1: Sensacións dispares nun comezo bronco.
Máis info
- Todos os resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com.