O Fútbol Feminino volveu demostrar o seu potencial nunha Gala do Fútbol da Costa-QPC na que triunfaron Xallas e Castriz
- A Gala rendeu homenaxe ás xogadoras da Selección da Costa sub11 Campionas de Galicia, e entregou o Premio Histórico a Doro.
- Os muxiáns Manu Nogueira e Patri Romaní levaron os Premios a Mellor Xogador e Mellor Xogadora.
- O Castriz levou o Premio ao Mellor Equipo Masculino e o Dumbría a Mellor Equipo Fem.
- O Xallas levou o Premio á Mellor Directiva.
Miguel Chouza e Rubén Souto levaron os premios a Mellor Adestrador Masculino e Fem. - Así foron as votacións dos premios.
- A completa galería na páxina de Facebook de Fútbol da Costa.

Máis de 300 persoas ateigaron o auditorio do Edificio Multisusos de Santa Comba para acoller a IX Gala do Fútbol da Costa - QPC. Un evento, artellado gracias á colaboración do Concello de Santa Comba e dos máis de 20 patrocinadores que o fan posible que volveu servir de punto de encontro de todo o fútbol costeiro, no que os protagonistas foron os e as xogadoras do noso deporte rei. Un acto de todo o Fútbol da Costa, que nos serve para lembrar xentes que xa non están como Lucas Vicente Vidal, Alex Pombo, Abdoulaye ou Alejandro. Precisamente para o cormelán foi o primeiro, longo, aplauso da noite, lembrando o querido que foi en todos os campos da comarca.
Ata 42 premios (a meirande parte escollidos pola votación de máis de 100 persoas dos nosos clubs, que publicaremos estes días), eses prezados balóns da Olería de Buño, entregaron os azafaif@s do Xallas FC, guiados por unha excepcional presentadora, Mónica Martínez, que soubo regatear as simpatiquísitmas interrupcións en clave de imitación de Roi da Costa, o animador da noite.


Xallas e Castriz foron os grandes triunfadores da noite en clave masculina (así o ratificou tamén o rexedor; Alberto Romar, e as concelleiras Patricia Val Antelo e Noelia Baleato cunha homenaxe municipal, na que destacaron ademais o auxe do futbol feminino da man do Xallas), se ben o premio de Mellor Xogador foi para Muxía, pero novamente temos que poñer en valor o papel do noso FUTFEM, moito máis implicado e entregado, cunha marea de xogadoras e adestradores apoiando ás nominadas e enchendo o auditorio de enerxía. Xallas, Dumbría, Muxía e Corme coparon os principais premios, pero tamén levaron para casa un balón xogadoras do Cabana, do Cee, do Fisterra ou do Ponteceso.

A sub11 da Costa. As Campionas de Galicia
A Gala tivo un aquel moi especial coa homenaxe ás bravas xogadoras da Selección da Costa sub11 que quedaron campionas de Galicia. Un triunfo que demostra ademais que a Costa da Morte está na vangarda da revolución do fútbol feminino en todo o país.
Non faltou ningunha das 20epico rapazas que fixeron historia na comarca, botando outra foto que quedará para a lembranza, arroupadas por Eloy García Feteira e Andrea Barbeira.
Tamén en clave de base, o equipo de QPC quixo loubar o traballo e o crecemento, a través da inclusión e o labor social, que están facendo as Escolas de Fútbol Concello de Carnota. Unha expedición carnotá acodiu a recibir o Premio Abdoulaye, lembrando aquel neno senegalés que nos deixou sobre o céspede Arliña.

Doro, premio histórico
Impresiona ver unha persoa como Doro tan emocionada. O equipo de QPC, sen afán de xubilalo, quixo render homenaxe a unha das carreiras máis incribles que ten o noso fútbol, poñendo en valor ademais o seu paso adiante como presidente do club, sendo xente un exemplo para todo o mundo, e para as súas crianzas. O auditorio rendeulle un reiterado aplauso acorde coa súa calidade humana.

Os árbitros
Coma sempre nestas galas paritarias de QPC, os colexiados son igual de protagonistas. E o colectivo arbitral costeiro, dirixido por Manuel Espasandín e xa formado por case 50 colexiados (xa hai 7 árbitras!), decidiron os Premios Lucas Vicente Vidal ao Árbitro do Ano (lembrando ao benquerido colexiado cormelán) e o Premio Saunier Duval ao Delegado do Ano.
Os colexiados escolleron a Manuel Castro Mouzo como Árbitro do Ano, e o colexiado vimiancés puido recibir a mans de Eva Vidal, a nai de Lucas, este sentido premio.
Rubén Martínez, do UC Cee, foi o escollido polos votos dos colexiados como Delegado do Ano.

Os Premios Gordos

Mágoa que Patri Romaní estivese por Francia de vacacións, porque a muxiá foi a gran triunfadora da noite, recibindo ata 3 premios (Pichichi, unha das 4 mellores centrocampistas, e Mellor Xogadora). Foi a súa eterna compañeira Barca Toba a que recolleu os premios por ela.
No eido masculino, o Premio ao Mellor Xogador tamén marchou para Muxía, da man dun Manu Nogueira que formou tamén no 11 ideal.

Os entrenadores laureados foron Miguel Chouza adestrador do Castriz, que tamén levou o Premio a Mellor Equipo; e Rubén Souto, do Corme como Mellor Adestrador do FUTFEM. Foi o Dumbría o que lle arrebatou, por pouco ao Xallas, o premio a Mellor Equipo Futfem do curso.

Foi o Xallas o que levou a reñida votación ao Premio Restaurante Río Sil á Mellor Directiva.

Non faltaron os premios aos Pichichis e os Pombo (os porteiros menos goleados lembrando ao meta cabanés finado prematuramente).

Premio Saunier Duval ao 11 Ideal Masculino

Unha vez vistos os nominados, o Premio Saunier Duval ao 11 Ideal Masculino quedou formado por: Jose Mariolo (Porteño), Michael (Muxía), Pablo Paz (Dumbría), Breixo (Fisterra), Iván Facal (Castriz), Adrián Gacía (Castriz), Iago Lema (Corcubión) e Eze (Cee) no medio; e Bruno (Cee), Estevez (Fisterra) e Manu Nogueira (Muxía) arriba.

Premio Maquisaba ao 11 Ideal Feminino

Trascoñecer a lista de nominados, finalmente as votacións decidiron que o 11 Ideal Maquisaba do FUTFEM desta temporada sexa: Miriam (Cabana) na portería; Saskia (Xallas), Nerea (Cee) e Mai (Dumbría) en defensa; Paula Fandiño (Dumbría), Carla (Corme), Patri Romaní (Muxía) e Andrea Romero (Fisterra), no medio; e Andrea Varela (Ponteceso), Olalla (Xallas) e Kelly (Dumbría) na dianteira.

Máis información
Listado de premios
- Premio Cristalería Vilas ao Mellor Adestrador Masc: Miguel Chouza (Castriz).
- Premio Hotel Faro de Lariño ao Mellor Adestrador FEM: Rubén Souto (Corme).
- Premio Lonxa Dálvaro ao Mellor Xogador: Manu Nogueira (Muxía).
- Premio Autocares J. Pombo á Mellor Xogadora: Patri Romaní (Muxía): .
- Premio Maderas Muíño ao Mellor Equipo Masc: S.D. Castriz. .
- Premio Bar O Moncho Burguer ao Mellor Equipo FEM: C.F. Dumbría.
- Premo Restaurante Río Sil á Mellor Directiva: Xallas F.C.
- Premio Lucas Vicende Vidal ao Árbitro do Ano: Manuel Castro Mouzo.
- Premio Saunier Duval ao Delegado do Ano: Rubén Martínez (Cee)
- Premio Abdoulaye ao Fútbol Base: E.F. Concello de Carnota.
- Premio Especial á Selección da Costa Feminina sub11 Campionas de Galicia.
- Premio Histórico: Doro.
- Premio Asesoría Asfeco ao Pichichi da Pref. e 1ª Galicia: Estévez (Fisterra)
- Premio Máis Deporte ao Pichichi da 2ª Galicia: Bruno (Cee)
- Premio Iván Vilanova ao Pichichi da 3ª Galicia: Adrián Vázquez (Sofán)
- Premio As Baleas á Pichichi FUTFEM: Patri Romaní (Muxía)
- Premio Electricidade Héctor Castro ao Pombo de Pref. e 1ª Galicia: Gardu (Sofán).
- Premio Albañilería Esteban Blanco ao Pombo da 2ª Galicia: Coke (Castriz).
- Premio Seguros Roberto Mouro ao Pombo da 3ª Galicia: Iván Couto (Xallas).
- Premio Apligasa á Pombo do FUTFEM: Lissette (Dumbría)