A Tribuna FUTFEM: Unha fin de semana de fútbol contra o machismo.
- O Corcubión triunfa no F-7.
Deixounos a oitava xornada da 2ª División do Futfem moitos xestos e imaxes representativas da loita contra a violencia machista que cada 25N reivindica o feminismo. Porén, o fútbol en si, un deporte que durante décadas foi un dos máximos expoñentes da desigualdade entre homes e mulleres, grazas ao protagonismo e relevancia que están a ter os partidos do Futfem na nosa comarca estase a converter nun axente normalizador máis da igualdade de xénero. E isto é, para as persoas que amamos o fútbol, unha fantástica noticia.
No puramente futbolístico, o camiño que están a transitar as nosas representantes nas distintas ligas non tivo nesta xornada saltos de guión inesperados.
Na Liga Norte, o Corme conseguía a súa terceira vitoria, alcanzando ás veciñas de Ponteceso na clasificación. Ás de Xaviña seguen sen puntuar, pero seguen a facer equipo e a demostrar grandes valores deportivos. Nomeadamente, destacamos a boa actitude da súa capitana Paula, que non dubidou en poñerse as luvas e defender a portería do seu equipo, a pesar de que non é a súa especialidade.
Polo sur, seguen os derbis a marcar tendencia. Despois desta xeira de xornadas consecutivas con enfrontamentos comarcais, Miraflores vivía un novo e trepidante empate entre dúas das nosas representantes. O Cee de Rafa, que dominou o encontro durante boa parte do mesmo, non foi quen de romper as liñas dunhas Miúdas moi seguras e ben asentadas no terreo, que esperaron á súa oportunidade e a piques estiveron de facerse coa vitoria nos últimos instantes. Un empate xusto, que nos mostra a igualdade que hai nesta liga entre as nosas representantes. Coa excepción dun Mazaricos que volveu a sumar 3 puntos na súa casa, as outras catro escuadras do grupo 4 están a só 4 puntos de diferencia unhas doutras, e moi cerca da cabeza da clasificación.
As xalleiras, que gañaron con contundencia na casa, son ás que lideran a particular liga costeira, terceiras na clasificación xeral a só 3 puntos do Calo, que segue a marcar o ritmo da competición cun paso moi firme e aparentemente inquebrantable. A Fontenla vivirá esta tarde de sábado a última parada desta correlación consecutiva de derbis que nos brindou este grupo sureño, recibindo ás muradanas de Lucho Ferreiro que están a 4 puntos de distancia das de Rupper. Veremos se novamente vivimos un derbi igualado e apaixonante como todas estas xornadas anteriores, no que é sen dúbida o partido da semana.
O Cee, que tras empatar en Muros foi superada polas de Santa Comba na clasificación, están dous puntos por detrás do Xallas e dous puntos por diante das propias Miúdas e do Dumbría, que goleou no seu desprazamento a Rois. Teñen ás dumbriesas un partido trampa mañá domingo. Reciben ás segundas clasificadas, un Praíña que perdeu un partido no que vai de liga, mais que terá que demostrar o seu verdadeiro nivel nas próximas xornadas, xa que o calendario foi moi benévolo ata o de agora, e nesta segunda parte da primeira volta deberán de enfrontarse contra os equipos da parte alta. O Conco marcará o nivel das de Pontevea. Ás de Rafa, reciben no San Paio de Refoxos ao Victoria C, que é sempre un rival do que non te podes fiar.
Pola súa parte, as pupilas de Borja teñen unha nova oportunidade de seguir escalando postos na clasificación, ao desprazarse a Dubra onde se enfrontarán ao único equipo que aínda non foi quen de puntuar neste campionato.
Quen sen dúbida está reinar esta temporada é o novato equipo de Corcubión. Lideradas pola súa pichichi Sara Cubelo, contan os partidos por vitorias e seguen a pasearse triunfais por todos os campos desta liga de Fútbol 7. 5 vitorias en 5 partidos, con +21 na diferencia de goles, mostra o gran potencial deste equipo que pode pensar en metas maiores. Teñen mañá domingo unha nova proba diante dun Relámpago SD que so perdeu un partido dos 5 disputados.
Na liga promesas o Cee aproveitou a xornada de descanso da EF Luis Calvo Sanz para asaltar o liderado, que xunto ao Pastoriza forma o grupo de cabeza. Por detrás veñen o Dumbría e o Cerqueda separados por un so punto. Seguiremos con expectación como evoluciona esta Liga onde se están a formar as futuras protagonistas do noso Futfem.
A TRIBUNA FUTFEM
- 25-11-22: A Tribuna FUTFEM: Gañar derbis para mandar na Costa
- 18-11-22: A Tribuna FUTFEM: Igualdade, no social e no deportivo.
- 11-11-2022: A Tribuna FUTFEM: De derbi en derbi, faise o camiño.
- 02-11-22: A Tribuna FUTFEM: Unha ponte de descanso con moito que celebrar.
- 20-10-2022: A Tribuna FUTFEM: Vitorias e derrotas nesta 2ª Futfem que van deixando as cousas claras.
- 14-10-2022: A Tribuna Futfem: Rutinas de fin de semana e algunha polémica..
- 07-10-2022: Regresou o Fútbol Feminino á Costa, con máis forza ca nunca.