Xoves. 08.12.2022
El tiempo

A Tribuna FUTFEM: Gañar derbis para mandar na Costa

  • A xornada entrante ábrese cun novo derbi costeiro.
Miudas-Dumbria fem
Imaxe do derbi da semana pasada entre As Miúdas e Dumbría-Foto: Dumbría Vet.
A Tribuna FUTFEM: Gañar derbis para mandar na Costa

Unha nova fin de semana de fútbol feminino costeiro que nos deixa este mes de Defuntos, cheo de paixón e bo fútbol.

No grupo 2, o partido da xornada disputábase en Xaviña, onde Cerqueda e Ponteceso protagonizaron o primeiro derbi costeiro neste grupo. As rapazas que dirixe Curro saíron convencidas de levarse o partido e grazas a unha inspiradísima Andrea, que acabaría firmando un póquer de goles, deixaron o asunto resolto en apenas media hora. As cormelás caían con contundencia contra un Breixo Lema que sen dúbida será protagonista no máis alto da clasificación deste grupo. Así as cousas, na liga particular dos tres equipos costeiros, o Ponteceso aproveitou o seu primeiro derbi para adiantar ao Corme na clasificación, poñéndose con 9 puntos, a 3 das súas veciñas, e deixando co taboleiro de puntos das de Xaviña en baleiro.

O Cerqueda viaxa esta fin de semana ata O burgo, onde terá unha nova oportunidade para sumar os primeiros puntos da temporada. Pola súa parte, O Ponteceso e o Corme xogan na casa contra rivais directos na clasificación, o Carral e o Sp. Cambre B, respectivamente. A sesión dominical asómase moi atractiva para os equipos norteños. Quizais, por que non, fagamos pleno de vitorias.

Quen aproveitou tamén o seu respectivo derbi da xornada para alcanzar e superar na clasificación ao seu rival foi o Cee, que venceu no San Paio de Refoxos a un Xallas que viña de derrotar a un Cacheiras líder de grupo e que dominou boa parte do encontro, pero que non foi quen de aguantar o arroxo das locais que finalmente conseguiron materializar dúas das súas ocasións e levarse os tres puntos, cos que adiantan na clasificación ás de Santa Comba, aínda que igualadas a puntos e a só 3 puntos da cabeza da táboa.

As ceenses abrirán a 8 xornada cun novo derbi na súa visita a Miraflores, onde toparán ás Miúdas coa moral reforzada despois de conseguir un valiosísimo punto na súa visita á Cañoteira, un dos campos máis complicados desta liga, tras aguantar estoicamente ás embestidas dun Cacheiras que dominou o encontro pero que non foi capaz de imporse no marcador. Gran traballo defensivo das pupilas de Lucho, co papel destacado da que o ano pasado foi nomeada mellor porteira da Costa, unha Adriana Siaba que realizou cuantiosas intervencións durante todo o encontro, poñéndolle a guinda á súa actuación ao desviar ao longueiro un penalti no minuto 88 de partido. Este novo derbi costeiro semella novamente apaixonante, no que é sen dúbida o partido máis destacado desta fin de semana.

Tamén rascou un punto o combinado de Borja, un Mazaricos que segue sumando sensacións positivas xornada a xornada, e que a piques estivo de traer os 3 puntos da súa visita ao Pino. Na Picota teñen unha nova oportunidade de sumar puntos esta fin de semana diante dun rival da parte baixa da clasificación, o Vista Alegre.

Pola súa parte, o Dumbría conseguía volver a gañar despois de empatar os tres últimos encontros no seu particular Tourmalet de  derbis, derrotando a un Victoria que segue un punto por diante delas na clasificación. Viaxan as xogadoras capitaneadas por Fandiño ata Rois para conseguir encadear dúas vitorias consecutivas.

O último partido con representación costeira deste grupo disputarase o domingo en Santa Comba, onde as xalleiras de Rupper reciben ao Pino. Un rival, a priori, asumible para non perder a estela que marca o Calo á fronte da clasificación.

Na liga de F-7 o Corcubión derrotou ás colíderes do Marte, situándose no primeiro posto da clasificación en solitario, sendo o único equipo invicto nas 4 xornadas disputadas.

Na Liga Promesas, o Cee, que goleaba ao Dumbría na xornada anterior, ten ocasión de situarse líder se vence o seu partido na casa ante o Arteixo, xa que as carballesas da E.F. Luis Calvo Sanz descansan.  Cerqueda e Dumbría empatan a 6 puntos e terán unha nova oportunidade de seguir sumando esta fin de semana, o Dumbría viaxando á Coruña para enfrontarse a un Orzán que aínda non puntuou, e o Cerqueda recibindo na casa ao Pastoriza.

Veremos que nos depara esta nova fin de semana de derbis e goles costeiros.

A TRIBUNA FUTFEM

MÁIS CRÓNICAS DO #FUTFEM

TÁBOA DO GR.2 DA 2 DIV.- FEM

TÁBOA DO GR.4 DA 2 DIV.- FEM

comentarios