Mércores. 24.04.2024
El tiempo

1ª Autonómica: O barco do Cee afunde e o Ponteceso sae a flote

1ª Autonómica: O barco do Cee afunde e o Ponteceso sae a flote
Nova derrota do cadro ceense nesta xornada 20 que deixa tremendamente tocado aos de Llanero. Desta volta foi o cadro coruñés do Silva, da parte alta da táboa, quen levou os puntos do desterro de Arasolis nun choque no que os locais mereceron algo máis. A derrota agrávase coa vitoria do Villestro, que deixa ao Cee afundido a 5 do Villestro e a 8 da salvación, que ostentan Cariño e Imperátor. Aínda así, nada máis rematar o encontro a presidenta do club anunciaba no facebook do equipo que Llanero conta coa total confianza da Directiva, semella que o proxecto é de máis longo prazo e non o condicionan aos resultados. O que segue nunha máis que positiva boa liña de resultados é o Ponteceso. Os de Marco xa están 11º con 27 puntos tras vencer en Arteixo, con algo de fortuna e moita fe en San Norberto, ante un dos de arriba, e xa miran máis cara a parte alta que para abaixo.

Cee - Silva (0-1)

  • CEE: Parroto, Nico (Rubén, min.57), Luís, Julio (Uri, min.83), Rafa, Fermín, Piquero (Jorge, min.77), Isma, Tasky (Victor, min.57), Llanero e Fer.
  • Gol: 0-1 min.83: de penalti.
Segue sen sorte o Cee, e volvía caer na casa ante un centenar de afeccionados. Ambos equipos saíron a polo partido, pero foi o Silva quen levou a batuta durante os primeiros 45 minutos, demostrando por que está na parte alta da táboa. Co vento a favor os coruñeses tiveron as mellores ocasións, como un balón ao pau ou dúas de mérito de Parroto. Espertaba o Cee á volta do descanso, e co vento a favor tomou o mando do choque. Pero as ocasións seguían sendo do lado visitante. Nunha boa contra Fer intérnase na área e pide penalti por agarrón, pero o colexiado non sinala nada. O Cee buscaba sempre a Llanero, moi só en punta, pero que cos cambios foi quedando máis arroupado. E cando mellor estaban os ceenses, un penalti de Rafa sobre Banban adiantaba aos visitantes a 7 minutos para o final. Pese ao gol o Cee non se rendiu, e o mesmo Llanero na seguinte xogada mandaba un balón á madeira tras rematar de cabeza un bo centro de Isma Leis. Aínda había tempo para máis, pero o colexiado anulaba un gol de Llanero tras un gran roubo e pase de Víctor, pero que o asistente considerou que saíra por liña de fondo, ante a incredulidade dos ceense.

Atl. Arteixo - Ponteceso (1-2)

  • PONTECESO: Norberto, Rubén, Dani Pallas, Carlos Mato, Ramón (Alex, min.82), Luisete (Pitu, min.52), Josito, Fabián, David (Manu Urbieta, min.34), Pablo Vázquez e Toniño (Bolón, min.65).
  • Goles: 0-1, min.4: Ramón a pase de Carlos Mato rompendo o fóra de xogo; 1-1, min.49; 1-2, min.60: Toniño de penalti cometido sobre el.
  • Expulsión: o local Javi no min.60 e o pontecesán Carlos Mato, min.82.
  • Lesión: Luisete e David que xa levaban molestias musculares.
"Hai que facer os deberes antes de que chegue a marea", así valora Marco estas últimas e importantísimas vitorias do cadro pontecesán. I é que o equipo costeiro está nun dos mellores momentos da temporada, e por riba, conta con ese petisco de fortuna imprescindible para escapar da zona baixa. Onte encomendouse a San Norberto para sacar adiante 3 puntos que os deixan nunha comodísima 11ª posición. O Arteixo comezou mandando, pero o cadro visitante se puña por diante nunha xogada na que Ramón rompe o fóra de xogo con Toniño e Pablo Vázquez parados, e asina o 0-1. O Arteixo apretou e foi na primeira metade cando o meta pontecesán tivo que esforzarse máis. Salvou un paradón cunha estirada ao segundo pau, un man a man e mesmo mandou coa mirada un balón ao longueiro. Pouco a pouco comezou o Ponteceso a recuperar o tono. Pero á volta do descanso o Arteixo empartaba. Aparecía aí Toniño para sacarse unha boa xogada persoal, e forzaba un penalti que el mesmo transformaba. Aínda quedaba tempo para que Norberto seguise ampliando a súa lista de tarefas e a falta de 10 minutos paraba un penalti clave. 8 minutos despois Bolón puido sentenciar tras un centro de Pitu pero o balón marchou arriba. Así, ademais da boa nova do meta, Marco segue recuperando efectivos, e desta volta debutaron Bolón (que volve dunha lesión grave e aínda non xogara esta campaña) e Manu Urbieta.

Máis información

Crónicas da semana

Máis novas

Fonte

Comentarios