A nova senda que unirá a zona deportiva de Cabo da Area ca praia de Laxe estará lista para o vindeiro verán
Tras varios anos de seca na inversión autonómica en materia de sendas peonís, a pesar das continuas queixas do PSOE, a Xunta vén de anunciar a licitación da senda peonil que conectará a praia de Laxe e o Paseo Marítimo.
Unha obra que comezará a principios de 2020 e estará rematada o vindeiro verán, que conta cun investimento de 330.000€.
A senda terá un itinerario de preto de 800 metros na estrada AC-429, para unir a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila.
A senda executarase en 2 treitos, comezando o itinerario principal polo extremo da praia pola marxe dereita desta vía ata a vila, e un segundo paralelo ao Rego dos Cabalos que conectará co paseo marítimo e carril bici existente.
Para o PSOE, esto é "outro exemplo máis do sectarismo do PP, pois xa foron solicitadas dende 2015, por motivos de seguridade vial, xa que son para unir o núcleo rural cunha zona onde se desenvolven as actividades deportivas e colexio, e sen embargo aí estiveron no caixón da Xunta. Igual que a dragaxe, que temos pendente dende 2014", denuncia Loli Toja. "Todo isto con cartos públicos que se xestionan de acordo cos intereses dun partido e non das necesidades reais das comarcas", lamenta.
Outras obras
Paralelamente a Xunta explicou ao grupo de goberno popular que segue avanzando a redacción dos proxectos das sendas na AC-433, en Soesto e Serantes, así como o da mellora do firme na AC-434, en Boaño.
Con esta obra se vai completando ata o 75% o Plan de Sendas da Xunta para a comarca de Bergantiños, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.
Novas relacionadas
- O PSOE volve denunciar a discriminación da Xunta cos concellos socialistas na execución de sendas peonís.
- O PSOE denuncia, con cifras, a clara discriminación da Xunta nos investimentos en sendas peonís aos concellos non populares.
- Carballo e Coristanco estarán conectados por unha senda peonil e ciclista.