15 anos de Doces de Entroido en Malpica


Tralo Deembarco Pirata, e antes da Mikaela de Buño do vindeiro sábado, o Entroido malpicán tña unha cita cos doces. O martes acolleu o Concurso Gastronómico de Doces de Entroido de Malpica, que este ano celebrou o seu 15º aniversario, e reuniu a centos de persoas no polideportivo municipal. Os máis pequenos puideron gozar durante toda a tarde cos xogos inchables, o karaoke, o futbolín, o touro mecánico e, por suposto, a degustación de doces que puxo o punto final á celebración.

Foron un total de 25 os participantes nas tres categorías establecidas: infantil, amateur e profesional. O xurado, integrado por representantes do Concello e das entidades colaboradoras, Asociación de Redeiras Mar da Illa e ANPA Ventorillo, tivo que enfrontarse a unha difícil tarefa dada o elevado nivel. Sabor, presentación, orixinalidade e tradición mesturáronse nunha tarde que encheu de animación o polideportivo municipal.

Na categoría infantil o primeiro premio foi para as “Borlas de froita” de Alba Villanueva; o segundo, para as “Magdalenas multicolor” de Noelia Garrido, e o terceiro, para o “Brazo de xitano de Entroido” de Brais Casal. Na categoría profesional o gañador foi o “Queique con máscara” do JB, mentres que o segundo posto correspondeu ao “Flan de mandarina” do Cachón e o terceiro, ao “Flan de café con nata” do Brebaxe. Polo que respecta a categoría amateur, na que se rexistrou a maior participación e que foi, polo tanto, a máis rifada, trunfou o “Queique de laranxa e canela” de Luisa de Spellos. O segundo premio foi para a “Tarta de cereixas” de Isabel Camiño Mouzo, e o terceiro, para a “Tarta de trufa” da Asociación de Amas de Casa.


Novas relacionadas
- O vindeiro sábado, a Mikaela.
- Entroido 2016: Desembarco Pirata no Entroido malpicán.
- Entroido 2015: A Mikaela de Buño, a raíña do Entroido da Costa da Morte.
- Entroido 2014: Unha de enterros para o End-troido.
- Entroido 2013: O Entroido costeiro viviu unha completa traca final ca Mikaela.
- Entroido 2012: A Mikaela peregrinou por todas as tabernas de Buño.
- Entroido 2012: Os pequenos de Cerqueda abriron o entroido.
- Entroido 2011: A Mikaela, un Vía Crucis de bares.
- Entroido 2011: Cerqueda recupera o seu patrimonio coa gravación dunha Polafía.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).