O lobiño mariño Pabbar, recollido en Barizo, recupérase no centro da CEMMA en Nigrán
O pasado sábado, aparecía un pequeno lobo mariño cincento na praia de Barizo, Malpica. Ao coñeceren a nova, colaborador@s da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA) como as funcionarias locaos Patricia e Silvia, Rubén de Protección Civil, Eva de Senda Nova ou as veciñas Begoña, Pablo, Uxía, Laura, Sara e José Manuel, se achegaban a zona, para estudar o comportamento do pequeno, pois non sabían se simplemente baixara a descansar ou se necesitaba un rescate.
Pola tarde a CEMMA decidía recollelo e trasladalo a “medio artificial controlado e iniciar labores de rehabilitación nas instalacións en Nigrán”. Pasou a chamarse “Pabar”, e se convertía en curmán de “Rube”, outro lobiño que aparecera na Ría de Cedeira hai 15 días.
Lembran que estes animais chegan directamente dende as colonias de cría do norte de Europa, tras cubrir longas distancias e, polo tanto, adoitan estar moi cansos, polo que poden baixar á terra tan só a descansar. Moitos deles son cachorros con poucos meses de vida e polo tanto, sen medo ás novidades, máis inexpertos e que ás veces non saben reaccionar ante as adversidades nin alimentarse ben. Neste sentido, non todos os animais que recalan na costa precisan ser recollidos: só aqueles que están feridos ou enfermos.
Recuperación
Este pequeno macho de menos de dous meses e 19 kg de peso, con limitación de mobilidade do terzo posterior do corpo por luxación articular, moi deshidratado e cunha pequena obstrución dixestiva, segue recuperándose no centro, estando aínda en situación crítica.
Pabbar, e Rube, permanecerán nas instalacións de Nigrán ata que se recuperen das súas feridas e vaian gañando peso, momento no que serán trasladados previsiblemente ao Instituto de Formación Acuícola da Illa de Arousa, onde contan con espazo e piscinas ao aire libre. Finalmente e cando estean en condicións de valerse por si mesmos, a Xunta e a Cemma contarán solicitarán a colaboración dalgún arrastreiro da flota galega que faena no Gran Sol para levalos para a súa liberación probablemente en augas irlandesas.
Consellos ante posibles avistamentos
Atopar algún lobo mariño na franxa costeira que discorre entre as praias de Fisterra a Ribadeo durante a tempada invernal (normalmente, desde finais de ano ata o mes de marzo) non é algo tan excepcional. Así, en caso de detectar algún exemplar nas praias, aconséllase non achegarse para evitar molestalo ou provocar unha resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente xa que poden reaccionar agresivamente; non bloquearlle a vía de fuxida cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar; se se vai pola praia cun can, atalo e procurar que non se achegue ou ataque aos animais mariños; manter silencio para non poñelos en alerta; e avisar canto antes ao 112 ou a 686989008, colaborando co persoal da Rede de Varamentos.
Novas relacionadas
- 21-11-2020: Un vaso de plástico, posible causa da morte doutro cachalote aparecido en Malpica.
- Novembro 2020: A Tartaruga de Coiro varada en Laxe puido ter sufrido un atrapamento nalgún enmalle.
- Outubro 2020: Golfiños gravados dende o mar.
- Outubro 2020: Non foron as candorcas.
- 25-09-2020: Nemiña rexistra o terceiro varamento dun marraxo en 30 anos nas costas galegas.
- 24-09-2020: As incomprendidas e inofensivas candorcas.
- Setembro 2020: Unha visita moi cariñosa de Manoliño, o golfiño solitario da ría de Muros.
- Setembro 2020: Rescatan un golfiño que quedara enganchado nunha cinta plástica en Fisterra
- Xuño 2020: Avistan o arroaz solitario pola ría de Muros e unha balea alibranca por Fisterra.
- Agosto 2020: Unha balea boreal polo mar da fin da terra
- Agosto 2019: As baleas volven por Fisterra.
- Xullo 2019: Unha viaxe polo mar de Fisterra con golfiños, candorcas, baleas alibrancas e tiburóns peregrinos.