O Parlamento acorda, con unanimidade, afrontar as actuacións de seguridade do porto de Malpica

Xa van case 3 anos dende que o fatídico accidente do Silvosa na entrada do porto de Malpica. Case 3 anos de estudos, de informes, de balizas, de promesas, mentres a xente do mar segue xogándose a vida diariamente.
Onte o asunto da seguridade no porto malpicán volveu ao Parlamento Galego, e saíu cunha teórica unanimidade, pois os 3 grupos chegaron a un acordo do Parlamento para impulsar as obras de mellora da seguridade da dársena de Malpica, fito do que se louban tanto BNG como PSOE.
O acordo permitirá incluir nos orzamentos de 2022 unha cantidade suficiente para a súa execución íntegra ou, no caso de realizarse por fases, incluír os recursos necesarios para a execución dunha primeira fase.
Unha decisión que aínda así para o voceiro do BNG, o carballés Daniel Pérez, ridiculiza ao PP que, “pese a secundar a iniciativa, repita os mesmos anuncios da Xunta dende hai tres anos sen avanzar en solucións reais”. “A situación é insostible e agora veñen a dicir que ata o 2022 vanse seguir medindo as correntes e que aínda do 2022 se vai licitar un proxecto”, critica. “É dicir, imos dicirlle aos mariñeiros que ata 2025 ou 2026 van ter que seguir convivindo con esta realidade”, lamenta.
Pérez defendeu que a alternativa única e definitiva “é a ampliación do dique”, para que as 232 soci@s da confraría poidan seguir vivindo do mar.
O PSOE reivindica a moción
Tamén o grupo socialista reivindica a aprobación da súa iniciativa para mellora da seguridade nos portos de Malpica e Barizo. O grupo presentara unha moción para instar á Xunta a tratar do mesmo xeito a todos os concellos, independientemente da cor politica, considerando que a falta de actuación en Malpica se debía á cor do goberno municipal. O PP votou en contra desa moción, pero si escoitou, desta volta, as demandas socialistaspara “executen cando antes as obras de mellora da seguridade nos portos de Malpica e Barizo”.
O voceiro Martín Seco lamenta que as relacións entre o Concello de Malpica co goberno galego “nunca estiveron rotas, simplemente desatendidas” polo executivo autonómico, que fixo “ouvidos xordos ás súas necesidades”.
Recordou ademais que no porto malpicán “tamén hai que abordar con premura o remate do apuntalamento do tramo da dársena para o acceso de camións que asegure un tráfico pesado que pode traer algunha desgraza polo seu estado actual”. Lembra ademais que “hai tempo que o Concello pide insistentemente a reparación da grúa do porto de Barizo e o arranxo da rampa de acceso a aquel porto”, abandonado dende a última intervención feita polo goberno de Touriño, hai 12 anos.
Martín Seco visitou xa varias veces o porto malpicán
Os pequenos pasos do PP
Ana Belén García foi a voz do Grupo Popular na sesión parlamentaria, asegurando que “Portos de Galicia está a traballar desde o primeiro momento na busca dunha solución para evitar as elevadas correntes que se xeran ocasionalmente na comporta interior do porto de Malpica”. Argumenta que os retrasos se deben a que “se trata dun asunto complexo, pero do que xa se licitou o contrato para o deseño e avaliación de alternativas básicas; a definición da solución e a nova instrumentación da dársena; e a elaboración do deseño construtivo”, apuntou.
Asegurou que cómpre “seguir afondando no estudo as correntes mariñas”, e que xa teñen en marcha un “sistema experimental provisional sobre a previsión de correntes na comporta de Malpica cunha antelación de 72 horas, un sistema que pretende alertar e orientar aos usuarios sobre as condicións de acceso á dársena interior ante a propagación das ondas longas”.
Novas relacionadas
- Abril 21: “Deberían botarlle man porque se está correndo demasiado risco na dársena de Malpica”.
- 19-02-2021: Novas propostas para a mellora da dársena de Malpica. Continúa o estudo experimental para establecer un sistema de comportas no peirao.
- Febreiro 2020: Dous anos despois, e as embarcacións seguen xogándose a vida no porto de Malpica.
- Decembro 2020: A Xunta volve usar un sistema experimental no porto de Malpica dous anos despois do accidente mortal do Silvosa.
- Agosto 21: As obras do porto de Malpica seguen a medias.
- Febreiro 2020: A Xunta pide paciencia para acometer as obras de seguridade do peirao de Malpica.
- Outubro 2019: A Confraría de Malpica espera polas melloras prometidas.
- Decembro 19: Comeza a instalación do radar que permitirá definir o proxecto de mellora da seguridade no peirao de Malpica.
- Oubturo 19: A Confraría de Malpica espera polas melloras prometidas.
- Outubro 19: Un radar, primeira medida da Xunta para revisar a seguridade do porto.
- Xullo 19: A familia do mariñeiro falecido en Malpica entrega 10.000 sinaturas para que Portos acometa obras de seguridade no peirao.
- Xullo 19: Walter Pardo e Leiceaga piden á Xunta a a execución das obras de mellora de seguridade no porto de Malpica.
- Febreiro 19: Aprobada no Parlamento unha iniciativa para eliminar o risco na entrada do porto de Malpica.
- 31-01-19: A oposición ao completo obriga no Parlamento á Xunta a tomar medidas para o porto de Malpica.
- A seguridade no porto de Malpica volve ao Parlamento.
- A familia malpicá do falecido no mar pide solucións para o porto.
- Decembro 18: Conmoción en Galicia polos dous naufraxios da Costa da Morte.
- 20-12-2018: O mar cóbrase outra vida nun novo afundimento dun barco en Malpica.