A enxebre elegancia de portar un paraugas

Hai imaxes que plasman maneiras, formas, poses, atavíos e ambientes que, a pesar de non termos datos obxectivos da súa procedencia, nos levan directamente a un tempo e a un lugar. Neste caso concreto ese lugar é Galicia e o tempo, relativamente próximo, pero xa finado.

Estes dous patrucios coas súas figuras orgullosamente erguidas sobre un alto balado de pedra, as gorras postas na cabeza, as chaquetas de abrigo, os paraugas pendurados do colo destas últimas e os zapatóns de garda no lugar dos zocos de día solto, están observando con grande pracer a evolución dunha RAPA DAS BESTAS. Unha celebración gandeira estreitamente xunguida ás milenarias tradicións desta Terra. En Mazaricos hai anos que desapareceron pero dende o século XVI está documentada a existencia de CURROS en Vilarcobo e no lughar da Curra; precisamente o nome deste último núcleo ten a súa orixe neste costume.

Na fotografía, a maiores do recinto pétreo e dos cabalos, podemos ver nun segundo plano outros personaxes lixeiramente desenfocados. Mais os que acaparan toda a nosa atención son os dous paisanos do primeiro termo. A pesar de que o día semella enxoito e espallado os nosos protagonistas antes de saír dos seus fogares, despois de observar detidamente o ceo, a dirección dos ventos e ata o reverberar das voces, decidiron armarse con cadanseu paraugas. As molladuras, ademais de ser insás, son un fastío nun día de festa no que se espera botar boa parte da xornada fóra da casa.

Se as sobreelevadas e contundentes presenzas dos patrucios son importantes, non o son menos os paraugas e a maneira de levalos colgados ás costas. Paraugas que dotan a esta instantánea dunha singular personalidade que se relaciona con ese enxebre modo de portalos que lle deixa as mans libres aos seus posuidores para atender outras tarefas ou, coma no caso que nos ocupa, resgardalas ao quente nos petos dos pantalóns.

Esta forma tan masculina de levar o paraugas que non é allea a un sentido espontáneo da elegancia, xa desapareceu das nosas aldeas alá polos anos setenta. Unha década na que tantas cousas cambiaron no mundo rural.

Cousas que levaban séculos imperturbables ou que eran froito dunha pausada, continuada e sostible adaptación ao medio, foron varridas polos ventos imparables e uniformadores da modernidade, non sempre para ben.

Volvamos aos paraugas. Estes obxectos nacidos na China no século XI antes de Cristo, cando na época da Grecia Arcaica chegaron a Europa fixérono para protexerse do sol nas grandes cerimonias das clases dirixentes. Máis que un paraugas era un parasol. Esta foi a súa principal utilidade ata que a finais do XVIII e principios do XIX, ademais de tornarlle o sol ás señoras e señoritas das boas familias, tamén se popularizou para resgardar da chuvia. En Galicia, a pesar da súa abundante pluviosidade, debido ao seu alto prezo a súa introdución debeu ser lenta.

Nun inventario de bens de 1860 realizado na casa de Beba na que eu nacería moitos anos despois, un labrador máis que mediano; ademais das leiras, os herbais, os prados , o monte aberto, os arrueiros, os froitos almacenados e os animais; tamén figuraba unha longa ringleira cos obxectos de toda caste que posuían: mobles, roupa de cama, louza, aprechos de labranza,… Entre todos eles aparece un único paraugas que, seguramente, só era utilizado en ocasións especiais. Será a partir de 1900 cando o seu custo se abarate e o seu uso alcance a todos os estratos da sociedade.

Liñas máis arriba aludín a que, en moitos ocasións, o descoñecemento das circunstancias dunha imaxe non impide a súa adecuada análise. De todos os xeitos este non é o caso da que comento. Como figura impresionado na propia fotografía, o seu autor foi Josip Ciganovic, un serbio (daquela pertencente á desaparecida Iugoslavia) que durante os anos sesenta do século pasado foi contratado asiduamente polo Ministerio de Información e Turismo para fotografar distintas partes do estado español para a súa promoción turística a nivel internacional. Parte deste material publicouse en diferentes libros, o que se refire á Nosa Terra apareceu co título GALICIA no ano 1969 (Editorial Clave), que foi de onde eu saquei a foto.

Nunha Europa fortemente industrializada e de costumes cada vez máis cosmopolitas, o traballo deste fotógrafo estaba encamiñado a ofrecer unha imaxe na que España, Galicia no noso caso, aínda conservaba moitas das tradicións e características que lle eran propias; o famoso “Spain is different” de Manuel Fraga. E coido que o logrou: o seu gusto por captar ambientes populares onde as persoas son as protagonistas e a escolla de paisaxes rurais ou urbanas enchoupadas de galeguidade, engadido á súa calidade técnica e compositiva, converten as reportaxes de Josip Ciganovic nunha referencia inescusable da fotografía turística daqueles tempos.

  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO