Martes. 07.07.2020
El tiempo

As primeiras fotografías da fervenza do Ézaro

As primeiras fotografías da fervenza do Ézaro

Non só imos tratar sobre as que  consideramos as primeiras fotografías da Fervenza do Ézaro, senón tamén dos primeiros textos que atopamos sobre o mesmo tema. Para esta tarefa situamos no 1936 o límite das nosas pescudas, continuar más aquí dese ano faría este pequeno traballo inviable pola inxente cantidade de material producido dende aquela data ata os nosos días. Pero antes de meternos de cheo nese asunto, acompañaremos o decorrer do río que lle pon cabo a súa viaxe de forma tan espectacular.

O XALLAS: UN RÍO SINGULAR

Neste traballo referirémonos a este río co nome de Xallas ou Ézaro indistintamente. Esta última ou a forma Lézaro eran as denominacións máis comúns historicamente do treito final do seu percorrido e con unha ou outra figura en numerosos mapas antigos. Segundo os especialistas o topónimo Ézaro provén da raíz isaros/oisaros, de procedencia moi antiga, que á súa vez contería a alternancia eis/ois/is, de orixe indoeuropeo e que significaría “moverse rápida e violentamente”. Significado en total concordancia cos últimos quilómetros do noso río e sobre todo coa súa explosión final.

O Xallas con só sesenta e catro quilómetros e medio de longo posúe, entre os ríos galegos, un dos percorrido máis singulares. A maioría dos cursos fluviais experimentan nos primeiros quilómetros unha forte aceleración con precipitados saltos e pasaxeiros obstáculos, froito da orografía montesía da que manan. Conforme se achegan ao remate da súa carreira van acurtando a marcha en consonancia cos dilatados vales polos que transitan. Pola contra, o Ézaro dende o seu nacemento na fonte das Leiras Longas preto da aldea da Castiñeira (Bazar – Santa Comba) ata alcanzados os dous terzos ben cheos da súa traxectoria, camiña por terras practicamente chans, de amplas ribeiras e espallados horizontes; avanzando preguizosamente, ensarillándose en numerosos meandros, desdobrando a súa canle para formar, aquí e acolá, algunhas insuas.

De cando en vez as vastas panorámicas que se abren ao seu paso están limitadas por algunha importante elevación, mais sempre ao lonxe. Só no efémero intre que atravesa entre a costa de Corzón e os montes da Fervenza pode ter un presentimento dos grandes traballos que o esperan augas abaixo.       

O río Xallas entre os montes da Ruña e a costa dos Buxantes. Na marxe esquerda podemos ver unha parte da devesa de Anllares e alá no fondo o Pedregal do Pindo
O río Xallas entre os montes da Ruña e a costa dos Buxantes. Na marxe esquerda podemos ver unha parte da devesa de Anllares e alá no fondo o Pedregal do Pindo

Como xa dixemos, cando outros ríos encaran a última parte do seu itinerario vital coma vellos de andar lento e cansado; no momento que o Xallas chega a Vilar de Colúns rexuvenece a súa alancada e cunha afouteza descoñecida na vagarosa viaxe que o trouxo ata aquí, enfróntase aos atrancos dunha natureza cada vez máis esgrevia, cada vez máis preminte, cada vez máis impenetrable. Se os largacíos horizontes definiron o seu rumbo ata Vilar, agora o val vai estreitarse tanto que teríamos que falar dunha congostra, dun reducido paso entre as pronunciadas e prolongadas valgadas dos montes da Ruña e da costa dos Buxantes primeiro, e das afiadas arestas do Pedregal do Pindo despois.

O pequeno e recollido val das parroquias de Arcos e Santa Uxía atópase coma un lixeiro desafogo no medio destes dous delongados chanzos nos que o fluxo acuático ten que empregar toda a súa forza e determinación para saír airoso diante de tan contundentes opoñentes.

Se é senlleiro o seu percorrido o seu remate eleva aínda máis a súa excepcionalidade. Curtido no duro trafego de abrirse camiño tallando a mesma rocha nai, cando esa rocha se creba en violentos derrubes a máis de 145 metros de altura, a auga con toda a súas enerxía acumulada lánzase cunha imparable aceleración na procura das atraentes e liberadoras inmensidades do Atlántico. Na súa impetuosa caída esvarando, rozando, rebotando nas paredes da montaña sagrada dos celtas, somérxenos nunha turbadora música de acordes construídos polo gurgullar continuo e arrítmico do líquido elemento que nos traslada aos intres primixenios nos que xermolou a vida no Planeta. 

A fervenza do Ézaro a maiores de atesourar o son da Creación, ofrécenos o fastoso espectáculo da corrente fluvial en constante, cambiante e precipitada emanación, semellándose a un eterno “ferver” das augas que se van convertendo en formas de ilimitada, abstracta e volátil plasticidade; posuidoras da luminosa brancura do mármore de Carrara, mais alleas a súa dureza e tan efémeras que en segundos se disolven en fumegantes vapores ou son absorbidas pola pequena ría. Toda unha función, non exenta de dramatismo, que ben puidera ter servido de inspiración a Bernini ou a Salvi para deseñar as magníficas escenografías de auga e pedra que engrandecen algunhas prazas de Roma; só falta que brote do pozo que se forma ao seu pé algunha criatura fantástica ou algunha deidade celta para dotala dun argumento mítico ou lendario.

A fervenza do Ézaro só recupera toda a a súa plenitude nas xornadas de intensas chuvias-Foto de Mario Rodríguez
A fervenza do Ézaro só recupera toda a a súa plenitude nas xornadas de intensas chuvias. Fotografía de Mario Rodríguez

Deste sucinto percorrido polo curso do Xallas, agás pola máis demorada descrición da fervenza, fonte principal do noso interese, deixamos fóra a luxuriante vexetación que sombrea o camiñar de todos os ríos do noso País e onde a devesa de Anllares ocupa un lugar sobranceiro; a súa confluencia con outros ríos e regatos, sobresaíndo o Abuín e o Beba polo importante caudal que lle aporta; as numerosas presas e muíños que dinamizaban o fluír das augas; os pasais, as pontellas e as pontes que permiten a comunicación entre as dúas ribeiras e que podemos exemplificar na de Brandomil e na da Ponteolveira; e, sobre todo, as poboacións que ao longo do tempo se foron asentando á ambas marxes con mostras dende a afastada Idade de Pedra. 

Tamén obviamos a súa importante función como lindeiro entre entidades administrativas diferentes. Ata 1833 dende a ponte de Brandomil ata a súa desembocadura dividía as xurisdicións do conde de Altamira, agás a parroquia de Baíñas que pertencía ao mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago, do Alfoz de Muros que era do señorío do arcebispo compostelán. O tramo anterior a esta ponte pertencía a xurisdición de Xallas, tamén baixo o dominio arcebispal. A partir de 1836 coa creación dos novos Concellos temos, outra vez, augas arriba de Brandomil ao axuntamento de Santa Comba. E desta antiga infraestrutura de comunicación para baixo atopamos pola dereita e nesta orde os axuntamentos de Zas, Vimianzo e, sobre todo, Dumbría.

Pola ribeira esquerda está o concello de Mazaricos, entrando o de Carnota nun pequeno treito xa ao remate do curso fluvial. 

Este foi o río que coñeceron os nosos antergos e os miles de peregrinos que ao longo de setecentos anos fixeron o Camiño de Fisterra ou o do Santuario de Muxía. O que viu Xosé Isla de la Torre, o Alcalde Maior dos Estados de Altamira en 1724. O que atravesou na Barca dos Cregos o pai Sarmiento en 1745. O que cruzou camiño da Virxe da Barca Diego Juan de Ulloa, un membro do cabido da catedral de Santiago e grande promotor do barroco compostelán no século XVIII. O que inspeccionou o ilustrado Xosé Cornide en 1789 para avaliar o estado dos camiños que conducían ás vilas da Costa da Morte. O que lograron superar pola Ponteolveira os exércitos napoleónicos en abril de 1809 a pesar da improvisada oposición armada da poboación autóctona, co infausto resultado da destrución de Cee e Corcubión. O que andou e desandou nas súas innumerables viaxes de Ponteceso a Santiago Eduardo Pondal, o bardo das glorias celtas. O que contemplou Rosalía de Castro, a nosa poeta nacional, cando en 1853 convidada por Pondal, asistiu á romaría da Barca. En fin, o que observou con ollos de poeta o escritor e xornalista Lisardo Barreiro, do que trataremos máis adiante.

Aínda que felizmente algunhas das condicións paisaxísticas e construtivas que citamos seguen en pé, outras moitas foron transformadas drasticamente, froito do intenso e temerario aproveitamento do río para a produción de enerxía eléctrica ao longo dos últimos 116 anos. Ata catro encoros deformaron o seu curso natural. A zona dos grandes remansos caracterizada polas pequenas insuas e os grandes meandros que formaban parte do inmenso val ao que contribuían as parroquias de Alborés, Brandoñas, unha pequena parte de Baíñas, un case que nada de Olveira e boa parte dos Vaos está debaixo do embalse da Fervenza dende 1966, un dos de maior superficie de toda Galicia. 

Dende antes de chegar a Colúns ata a aldea de Campelo as augas volven rebordar da súa canle orixinal, aínda que neste caso agás no primeiro quilómetro, o profundo encaixe polo que transita o río absorbe sen grandes desfeitas o aumento de nivel. Este encoro denominado “Ponteolveira” entrou en funcionamento ao mesmo tempo que o da Fervenza que deixamos máis arriba. Cando as augas abandonan a central deste último embalse, a menos de un quilómetro, son novamente apartadas de seu curso orixinal para conducilas por unha canle paralela ao río pola marxe do Concello de Dumbría ata a central de Castrelo, que non está nesta aldea de Mazaricos, senón ao pé da fervenza do Ézaro. O nome procede do lugar no que se sitúa a presa que desvía o fluxo acuático deixando un bo treito do río, augas a baixo, practicamente seco. A construción desta canle a mediados dos anos corenta do século pasado, uns treitos a ceo aberto e outros por medio dun túnel perforado na rocha, deixou un regueiro de damnificados entre os operarios que a levaron a cabo. A total inexistencia de medidas de protección xerou un elevado número de casos de silicose que trouxo aparellada a morte prematura de moitas das persoas que materializaron a obra. 

En 1990 remataban os traballos de construción do último encoro do río Xallas que asolaga, entre as parroquias de Arcos e Santa Uxía, o derradeiro val que forma o río antes de despenarse ao mar. Este embalse que toma o seu nome da última freguesía citada absorbía e amplificaba  a vella presa que tiña Electra del Jallas nesta mesma paraxe dende o ano 1914, da que aínda se conservan os restos da central transformadora. 

Fáltannos por tratar os inicios da produción eléctrica neste río, mais como tiveron lugar no treito cronolóxico que estudamos, farémolo no seu momento.

O LONGO REGUEIRO QUE DEIXA A FERVENZA NA LETRA IMPRESA E NA FOTOGRAFÍA

A relación de referencias que seguidamente imos ofrecer non é exhaustiva nin o pretende, moitas desbotámolas nós mesmos por repetitivas ou insignificantes e outras, como é natural, descoñecémolas. Unhas poucas son bastante coñecidas, pola contra, a maioría durmían esquecidas en vellos xornais e revistas. No caso das fotografías tamén achamos un número algo maior das que aquí aparecen, a súa ausencia débese a un criterio de calidade. Durante moitos anos os resultados obtidos ao imprimir fotografías en libros, revistas e xornais estaba moi afastado da calidade que posuía a imaxe orixinal. Só as técnicas máis complexas coma o “huecograbado” ofrecía garantías, mais tiña un elevado custe, empregándose en publicacións bastante exclusivas.  Este é o motivo polo que non reproducimos algunhas das fotografías que atopamos. Con todo, entre as que si incluímos, tamén as hai cunha baixa definición, pero decidimos publicalas polo seu alto valor testemuñal. Agás casos de moi difícil comprensión mantemos a ortografía orixinal dos textos. 

A primeira referencia da fervenza do Ézaro que atopamos foi realizada en 1724 por Xosé Isla de la Torre, Alcalde Maior dos Estados de Altamira en Galicia e Asturias, e forma parte dun longo informe sobre as posesións desta familia nobre. Deste texto sobresae o valor da refulxente brancura das augas na súa caída como sinal orientadora das neves mariñeiras. Di como segue:
“Divide esta Jurisdicción de la de Muros el caudaloso Río de Olveira, que desde el monte Ézaro se despeña en el Océano tan perpendicularmente a legua y media de Corcubión que levantan sus espumas densísimas nubes útiles a los navegantes, que a la distancia de muchas leguas las reconocen, para no dudar la costa en que se hallan, siendo muchas la abundancia de Reos, que allí se cogen, pero con peligro de la vida, porque el menor descuido se hallan sumergidos en el Mar de la violencia con que cae el Río, los Pescadores y Barcos”.

No ano 1745 o pai Sarmiento fai unha viaxe por Galicia tomando notas do que lle merecía máis consideración nun diario. Aínda que non viu a fervenza, sabía da súa existencia e preguntou por ela. Transcribimos a información que lle deron:
 “No pude acercarme a ver como se despeña, pero pasé cerca del sitio, y me informé, que cae, no haciendo salto o catarata, sino precipitándose y haciendo como cascada y haciendo un pozo de inmensa profundidad, y peligroso y levantando uno como monte de espuma y polvoreda, pues el Ézaro lleva muchísima agua. Esto no obstante los marineros van hacia aquellos sitios, a pescar, y echar “secadas” pero con reserva de acercarse al pozo, y caída”. 

No título desta sección falamos de letra impresa, mais os textos anteriores son manuscritos e non foron publicados ata ben avanzado o século XX. A pesar de que o de Sarmiento xa era coñecido por algúns investigadores e eruditos dende finais do XIX, a súa transcendencia na época en que foron escritos foi nula.

Un xénero moi propio do XIX e do seu positivismo científico foi o dos dicionarios de carácter xeográfico, social e económico que pretendían dar cadra das condicións dun territorio determinado para que servira de ferramenta de coñecemento sobre as súas realidades e potencialidades. A esta categoría pertencen os tres exemplos seguintes. 

O primeiro foi o Diccionario nomenclátor de las ciudades, villas, aldeas, caserías, cotos, ventas, castillos, prioratos de todo el Reyno de Galicia, que en 1810 publica o cóengo da catedral de Santiago José Villarroel Pérez de Baños. En todas estas obras a información é moi sucinta pero como forma parte de obras cunha forte proxección social, o seu valor non é desprezable. A cita que nos ofrece da catarata é máis pequena que o título da obra. No apartado sobre ríos galegos aparece o Ézaro:
“en la ensenada de Corcubión, en donde se despeña por una hermosa cascada”.

A primeira obra importante a nivel peninsular foi o Diccionario Geográfico-Estadístico de España y Portugal, publicado entre 1826 e 1828 por Sebastian Miñano y Bedoya. Unha obra de dez tomos na que teñen entrada todas as parroquias e pobos da Iberia. No volume IV, entre outros contidos, trata as características xerais de Galicia e, outra vez na sección dedicada aos ríos, con relación á desembocadura do noso protagonista, lémbranos que ”para tributar sus aguas al mar se despeña desde la parroquia de Arcos, en las vertientes septentrionales del Pindo, formando una cascada”. 

Continuando con este tipo de obras chegamos a unha das máis influentes ata a publicación nas primeiras década do XX da Enciclopedia Espasa Cape. Falamos do popularmente coñecido como Diccionario Madoz, polo seu principal responsable o político liberal Pascual Madoz. Este Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar foi aparecendo en 16 volumes ente 1845 e 1850. Nel teñen cabida todas as “rexións”, provincias, concellos e parroquias do estado. Na sección dedicada á parroquia de San Mamede de Carnota dános cadra de que “hay un río de poco fondo, que forma límite de esta parroquia con la de Sat. Eugenia de Ézaro que al desaguar al mar, forma una elevada y hermosa cascada que escita la curiosidad de los viajeros”. 

Deixando a un lado os dicionarios, a primeira referencia á catarata do Ézaro que atopamos nunha publicación periódica ten lugar na Revista Galicia: periódico de ciencias, literatura y artes. Nun artigo aparecido o 15 de xuño de 1850 no que se describe a costa galega faise unha pequena alusión a “el río Ézaro que desciende por una cascada muy pintoresca y de grande altura á formar la ría de Corcubión”. A ría que forma o Xallas é a do Pindo e non a de Corcubión como manifesta a cita.

No ano 1852 os Duques de Montpensier, irmá e cuñado da raíña Isabel II, fan unha visita oficial por Galicia representando á soberana. Para lembrar tan excepcional acontecemento o xornalista e escritor Antonio Neira de Mosquera e o cóengo da catedral de Santiago e historiador Narciso Zepedano y Carnero, publican un libro: SS. AA. RR. Los Serenísimos Duques de Montpensier en Galicia. Obra na que, a maiores de dar conta dos pormenores da viaxe, ao remate da mesma hai un longo apéndice con información xeográfica, histórica, económica e cultural de Galicia. No apartado dedicado aos ríos volve haber un lugar para o Xallas:
 “Entre las rías de Noya y Corcubión desciende impetuoso el Ézaro, por una catarata magnífica de prodigiosa altura, cuya blanca espuma resalta más al lado del oscuro piélago: un monte que está a su izquierda y casi junto a las olas, se eleva más de 420 pies sobre el mar, el río parece haber roto la montaña para precipitarse, y es la cascada a juicio de hombres versados en la geografía, una de las más notables del mundo”.

En El País. Periódico Literario y Comercial de Pontevedra, publica Luis Rodríguez Seoane, amigo de Rosalía e de Murguía e cun importante futuro político por diante, unha serie de artigos sobre distintos aspectos históricos de Galicia. No exemplar do 22 de xullo de 1858 incide nas relacións entre a antiga Grecia e Galicia baseándose nalgúns textos clásicos e na toponimia.  Entre os exemplos que pon está o do monte Pindo e o do río Ézaro: 
 “Lleva todavía el nombre de Pindo una hermosa colina que hay en Galicia y que por su amenidad recuerda la elevada y umbrosa mansión de las nueve Piérides. Camina por su espesor un caudaloso río que estalla formando una catarata al precipitarse en el mar, como resuena admirable y majestuoso el soplo de la inspiración, el aliento de las musas, al confundirse en el océano sin límites de las generaciones. Este río se llama Ézaro, y otro de su nombre había en Grecia”.

Este é o primeiro artigo que atopamos dunha longa ringleira doutros autores que tratan do mesmo tema ou cítano lateralmente. A día de hoxe a moderna historiografía galega ten desbotado este tipo de teorías. 

Entre as actividades máis nomeadas do Rexurdimento galego estaban os Xogos Florais. Uns certames itinerantes onde, a maiores dos discursos laudatorios da cultura galega, había concursos de poesía. Os primeiros foron os celebrados na Coruña en 1861, publicándose ao ano seguinte os traballos presentados e tamén unha antoloxía de poesía galega baixo o título de El Album de la Caridad. Os beneficios desta edición estaban destinados á Asociación de Beneficencia da Coruña, de aí o título. Entre os poemas recollidos hai un de Francisco María de la Iglesia titula do “Á Galicia” no que, en momentos distintos, aparecen dúas referencias ao tema que nos ocupa. Como se pode apreciar a calidade é mellorable pero son as primeiras mostras versificadas que atopamos sobre a nosa fervenza:
“Mais ja as Musas tempéran seu strumento:
Érguese o reiseñor na ramacía,
O Ézaro rugento
Acouga no seu leito d‘ alegria, 
E en rella pòn o mar seu movemento”.
(...)
O Ézaro un salto
Dá na cima da montaña 
E cai dend‘o alto 
No mar que fervendo o apaña”.

O primeiro dicionario galego-castelán foi publicado na Coruña en 1863 cando xa morrera o seu autor Francisco Javier Rodríguez Gil. Interésanos esta obra inaugural polo significado que lle asigna á palabra cadoiro: “Salto de agua ó catarata. Viene de cado. Is. Así llaman al famoso salto de agua del río Ézaro al caer en el mar junto á Finisterre”. Outros dicionarios publicados posteriormente recollen esta mesma definición cunha redacción practicamente calcada. En Mazaricos acostumamos denominalo por unha versión deformada desta palabra: cuaduiro, habendo incluso un dito con ela relacionado. Cando alguén pregunta onde pousa algunha cousa de resposta bastante obvia, contéstaselle: no cuaduiro do Ézaro!! 
   

Quizais sexa Francisco Añón o poeta máis prestixioso entre os precursores da tríade fundamental do noso Rexurdimento: Rosalía, Pondal e Curros. Pois ben, en El Correo Gallego do 17 de novembro de 1878 publica un poema titulado “A Galicia” no que o escritor canta dende o afastado Madrid as soidades que sente pola Terra. Entre as paisaxes ás que veloz tornaría se tivese alas, están o Pindo e o Ézaro: 
 “Vería desa altura teu mar d‘ azul e prata,
que desde a nobre Asturias á o libre Portugal,
Pol‘a rachada costa bruando se dilata,
Vería o sacro Pindo e a grande catarata,
Que o Ézaro gomita d‘ un alto penedal”.

O poema que inclúe estes versos volverá ver a luz en El Heraldo Gallego do 15 de decembro de 1878; nun libro que recolle parte da súa produción lírica: Poesías (A Coruña 1889); e en La Tierra Gallega do 29 de marzo de 1896.

La Ilustración Gallega y Asturiana foi unha revista que trataba temas de contido esencialmente cultural editada en Madrid  por Alejandro Chao Fernández e dirixida sucesivamente por Manuel Murguía e Alfredo Vicenti. Durante o tempo que durou (1878-1882) foi unha referencia absoluta polo prestixio dos seus colaboradores, pola súa primorosa calidade editorial e pola profusión dos gravados que a ilustraban, aínda que neste último aspecto non tivemos sorte coa fervenza do Ézaro ao non aparecer en ningún. No exemplar do 28 de decembro de 1881 formando parte dun artigo sobre os ríos galegos de José Montero y Aróstegui, hai unha referencia ao Xallas que, entre outras cousas di que o río “corre por entre los montes Pindo e Ézaro, en dirección al Océano, en donde desagua por una sorprendente catarata, en el extremo meridional de la ría de Corcubión”. Como se pode observar non conta nada novo, mais quixemos incluíla pola importancia e difusión que tivo a revista.    

Os ingleses, quizais os inventores das viaxes onde se mesturaba o pracer coa aprendizaxe, puxeron de moda o turismo e con el a edición de guías que axudaran aos viaxeiros en territorios descoñecidos. Seguindo esta estela, a primeira obra dedicada exclusivamente a Galicia dentro deste xénero, foi a Guía de Galicia publicada por Cesáreo Rivera e Victor M. Vázquez (Imprenta de Fortanet, Madrid 1883). O espazo dedicado á fervenza é insignificante e, máis alá da altura dende a que se precipita o Xallas, errada por outro lado, non di nada novo. Con todo é importante a súa inclusión nun libro que sentaba as bases de moitas guías posteriores. Este é o fragmento: “el Ézaro, río de resonancias helénicas, cuyo nombre es igual al de otro que existe en Grecia: este río rodea un monte llamado “Pindo” y al desembocar en el mar desde una altura de 200 m. forma una de las cascada más notables del mundo”.

O arqueólogo e historiador Ramón Barros Sibelo foi o primeiro que relacionou cun terremoto a singular desembocadura do Xallas nun artigo aparecido na publicación madrileña Revista Popular de Conocimientos Útiles o 8 de febreiro de 1885. Hipótese que despois repetiron, como veremos, outros divulgadores. Da lectura dun suposto documento do Correxemento de Noia onde a vila de Corcubión lle reclamaba certos dereitos á de Cee, o autor desprende a existencia dun terremoto no ano 1217 que atrancou o curso orixinal do río, tendo este que buscar outro novo situado moi por riba do nivel do mar:
“Allí en aquellas desiertas soledades, pudimos estudiar el primitivo álveo del río Ézaro, y el nuevo curso que sigue hoy, obligado por el acontecimiento, despeñándose verticalmente por uno de los acantilados de la cuesta, formando tres escalones, de tres, cinco y once metros de altura, marcando el último en las grandes avenidas ó en los deshielos majestuosa parábola, cuya aljofarada bruma, herida por los rayos del sol naciente, aparenta una cascada de rubíes, esmeraldas y topacios cercada por una doble cinta del pintado iris”.

Esta teoría está totalmente desacreditada pola ciencia moderna. Con todo non hai unanimidade sobre a singularidade deste fenómeno. Para algúns xeólogos o Pindo é unha formación rochosa relativamente recente, en termos xeolóxicos, polo que o río aínda non tivo tempo de escavar unha canle o suficientemente profunda para desaugar no mar dunha maneira máis convencional. Outros son da opinión de que a causa está na calidade da rocha, cunha altísima presenza de seixo que ofrecería unha forte resistencia á erosión, de aí o importante desnivel que ten que vencer o Ézaro. 

O 13 de xuño de 1885 La Voz de Galicia publica un artigo do escritor e xornalista Lisardo Barreiro, baixo o título “Una excursión al Pindo”, onde o autor nos relata, precisamente iso, unha viaxe ao monte Pindo. A diferenza da maioría dos textos que fomos comentando ata o de agora e de moitos que están por vir, nos que os seus autores escriben de oídas ou por lecturas precedentes, neste caso estamos diante dunha experiencia vivida con expectación e asombro, deixándolle un longo pouso na memoria que ben se fai notar no resultado. Trátase dun artigo relativamente longo  no que o escritor de Noia conta a súa saída pola mañá cedo en barco dende Lira, a súa chegada á pequena ría na que a catarata é a protagonista absoluta, a súa subida ao monte Pindo e a retirada cando “eran las últimas horas de la tarde”. De todo o texto entresacamos os treitos que afectan máis directamente ao asunto que tratamos:      
“se contempla el espectáculo más maravilloso y soberbio que haya podido soñar imaginación calenturienta y creadora: la cascada aparece de pronto e inopinadamente, a los ojos del espectador, majestuosa, imponente, rugiendo como cien calderas de vapor a las cuales hubiesen abierto las válvulas en un momento dado, espumarajeando y retorciéndose por entre las perforadas rocas, para caer solemne y como rendida -semejando montones de perlas o de plumas de cisne- en un inmenso recipiente o pilón natural, labrado por la misma cascada en el granito; desde el fondo se levantan constantemente a los picachos más distantes, densas masas de vapores formados por la rápida caída del agua que se pulveriza al descender, y en cuyas gotas se descompone la luz presentando las irisaciones y colores del prisma: a la vista de este encantador panorama experiméntase la dulce, íntima y rápida emoción que hace sentir en el espíritu lo sublime.
Ya cerca de la cascada y reposado el ánimo de las primeras impresiones, puede el alma entregarse al puro goce.
La cascada la forma todo un río de caudalosas aguas -el Ézaro-, nombre que sirve para denominar a otro río que hay en Grecia. Despréndese de más de 200 metros, despeñándose con estrepitoso fragor por nueve tazas de granito, de extenso diámetro, que parecen tener iguales alturas, y terminan en otra taza, mayor que las demás, en la cual el agua hecha espuma, rebota al caer semejándose a un frío géiser de Islandia; el río sigue después su curso, maino y límpido, hasta su desagüe en el mar”.

Como podemos apreciar unha fermosa peza literaria onde á descrición máis exacta da paraxe aplícalle o autor unha linguaxe poética de fondo calado emocional. Este artigo aparecerá algo máis tarde, o 19 de xullo do mesmo ano, no xornal habaneiro El Eco de Galicia, que saibamos a primeira referencia á catarata nun medio americano, aínda que destinado á comunidade galega. Esta e outras crónicas de viaxe por Galicia serán reunidas polo autor nun libro: Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia (A Coruña, 1890). 

A primeira fotografía da fervenza do Ézaro publicada no libro Galicia de Manuel Murguía no ano 1888
A primeira fotografía da fervenza do Ézaro publicada no libro Galicia de Manuel Murguía no ano 1888

Manuel Murguía, ademais de representar coa súa Historia de Galicia en varios volumes un dos maiores alicerces para coñecer o noso pasado ata hai ban pouco, foi un dos principais difusores da realidade de Galicia, presente e pasada, en periódicos, revistas e libros de carácter divulgativo. A este último grupo pertence a súa obra Galicia (Barcelona 1888). Un libro no que se reúnen aspectos xeográficos, históricos, literarios, de cultura popular,... Un volume fermosamente editado no que tamén ten cabida a fervenza do Pindo:
“La cascada del Ézaro es la más considerable de Galicia y también uno de los más bellos espectáculos  que pueden apreciarse en nuestro país. Dícese que consta en antiguos documentos que en el año 1217 un gran terremoto cambió, en aquellos lugares, no sólo la faz del terreno sino también el álveo del río, el cual se desploma hoy verticalmente por uno de los acantilados de la costa, desde una altura de más de doscientos metros. Cae el agua formando tres escalones de tres, cinco y once metros de alto, marcando el último la majestuosa parábola que tanto admiran los que la contemplan cuando herida por los primeros rayos del sol ofrece á la vista todos los cambiantes del iris. La luz que ilumina la larga cinta de espuma que al pié de la cascada forma una como blanca barrera en que el torrente parece sumergirse, hace que parezcan teñidos con los más vivos colores aguas, espumas y sobre todo el velo de brumas transparentes que la envuelve. Detiénese allí el río y salta y rebota y hierve con bronco ruido, para seguir después su curso tranquila y sosegadamente hasta el mar cercano. La mejor época de visitarla es la de las grandes lluvias cuando el río va más crecido. La vista  que publicamos se ha tomado en verano por no ser posible otra cosa. No faltan curiosos que la visitan, especialmente ingleses”.  

Despois da lectura do texto parécenos evidente que Murguía nunca estivo no Ézaro e baseouse para a redacción da súa descrición nas que antes realizaran Sarmiento, Barros Sibelo e Lisardo Barreiro. Como contrapartida apórtanos a máis antiga fotografía que coñecemos da catarata. Xa o autor nos aclara que debeu tomarse no verán, de aí o escaso caudal que se pode observar esvarando entre os grandes rochedos. A reprodución que ofrecemos tomámola do libro e non conta coa calidade que tería a imaxe orixinal, da que a obra non nos dá cadra do autor. Con todo son moi expresivos os enormes pedregullos tallados e transportados pola forza das augas e as erguidas paredes do Pindo polas que se despena a fervenza. Todo elo logra certo aspecto romántico que nos lembra a obra do pintor inglés prerrafaelista William Dyce, especialmentea súa A Baía de Pegwell.

En El Eco de Galicia da Habana publica o 10 de novembro de 1897 o noso paisano Francisco Suárez Salgado “Un encanto (Historia que parece cuento)”. Con ese subtítulo o crego, xornalista e soado orador sagrado nacido en Beba (Mazaricos), quería darlle a veracidade dun feito real que a el lle transmitiran oralmente. A historia ten como escenario a Pedra Cabalgada do Brazal dende onde se ve a escarpada silueta do Pindo; e precisamente o noso autor fai referencia a esa visión no seu relato:
“Allá a lo lejos destacándose majestuosa la mole granítica del Pindo, ocultando su cresta en la negrura del horizonte; y la suave brisa que traía sobre sus alas los sonrientes murmullos de la gran cascada del Ézaro, la más imponente de Galicia”.

Hai unha fotografía publicada na revista Galicia Moderna o 1 de febreiro de 1898 que foi atribuída erradamente nalgúns medios dixitais á fervenza do Ézaro, pertencendo, en realidade, á catarata da Rocha no río Verdugo; así se desprende da lectura do artigo que ilustra e dunha observación atenta da foto. 

Imaxe da fervenza da Rocha no río Verdugo atribuída erradamente á do Ézaro nalgúns medios dixitais
Imaxe da fervenza da Rocha no río Verdugo atribuída erradamente á do Ézaro nalgúns medios dixitais

Aínda que se sae dos nosos propósitos temos que dar cadra dun fatal accidente que tivo lugar nas augas da ría do Pindo o 5 de xaneiro de 1902 cando unha lancha iniciaba a súa marcha dende o embarcadoiro do Ézaro con destino á feira de Cee. Como nos informa El Regional do 10 de xaneiro “había en la embarcación veinte personas y al soltar amarras, llegaron cinco más, que temiendo perder el viaje se precipitaron súbitamente en la barca, haciéndola zozobrar”. O suceso foi cuberto por toda a prensa galega e española, en moitos casos facendo fincapé entre o idílico da ría coa fervenza ao fondo e o dramatismo da desgraza. Nun primeiro momento falouse de 20 mortos, o xornal antes citado sitúa a cifra en 17. 

Esta breve digresión dános pé a citar outra das constantes referencias ao Ézaro na prensa dende finais do XIX ata ben avanzado o XX: a reclamación da construción dunha ponte que una as dúas beiras da ría. Solicitude reiterada continuamente, prometida outras tantas, proxectada varias veces, mais que non se inaugurará ata o tardío 1954.    

Dende 1903 aparecen a miúdo na prensa referencias ás instalacións de produción de enerxía eléctrica que se están construíndo no Ézaro e da súa aplicación á importante fábrica de carburo de calcio que polo mesmo tempo se ergue en Brens. Volveremos sobre o asunto. 

A casa Ferrer da Coruña edita a primeira tarxeta postal que coñecemos da fervenza do Ézaro no ano 1903. A imaxe que ofrecemos non  ten toda a calidade desexable xa que non logramos acceso á postal orixinal e tivemos que conformarnos cunha reprodución. Como podemos apreciar o edificio da central eléctrica estaba en plena construción. A nota popular está a cargo dun grupo de pescadores vogando nunha lancha sobre as augas da ría, nas que o forte sol do verán produce grandes resplandores. Mais dende alá do fondo capta a nosa atención a branca diagonal da fervenza que se despena contra o rochedo que ten en fronte, erguendo unha pequena nube de vapores. Fechan o horizonte as liñas converxentes das pendentes das dúas vertentes do Pindo. O texto que complementa a imaxe está escrito en inglés, proba de que eran os viaxeiros angloamericanos os máis numerosos e os máis interesados neste tipo de produtos. Esta mesma fotografía aparecerá publicada no Almanaque Gallego de Bos Aires en 1905 ilustrando o artigo de Andrés Martínez Salazar “El Pindo Gallego”, onde este polígrafo desmente a relación do nome do monte co mundo grego.   

A primeira tarxeta postal que reproduce a fervenza do Ézaro-Pedro Ferrer-A Coruna 1903
A primeira tarxeta postal que reproduce a fervenza do Ézaro. Pedro Ferrer (A Coruña 1903) 

O impresionante complexo balneario de Mondariz foi nas dúas ou tres décadas anteriores e posteriores ao 1900 un sos principais centros de veraneo das clases altas españolas e tamén de numerosos estranxeiros. Esta institución rexida polos irmáns Peinador publicaba durante os veráns unha revista, La Temporada en Mondariz, na que tiñan acollida prestixiosas sinaturas da época. No número correspondente ao 26 de xuño de 1904 figura o artigo titulado “La poesía y la industria”. O seu autor é Alfredo Vicenti, un xornalista compostelán de nacemento e formación que alcanzou en Madrid un inmenso recoñecemento á fronte de El Globo primeiro e de El Liberal despois. Amigo de Rosalía e de Murguía militou sempre no progresismo máis avanzado. Neste artigo onde, sen esquecer a poética beleza do entorno do Ézaro, sobre todo salienta o progreso e a prosperidade que poden traer para Galicia este tipo de plantas de produción eléctrica, neste caso, a maiores, asociada a unha innovadora industria química. Entresacamos os seguintes fragmentos por aludir directamente á fervenza:
“Desde lo alto, del monte, se vuelca en el mar, formando la cascada del Pindo. Un salto de más de cien metros, partido por tres escalones”.
(...)
“Pronto el Ézaro servirá de fuerza motriz á una industria poderosa. Pronto el nombre del Pindo, con todo su sabor helénico, más que para designar una romántica cascada servirá de apellido á una prosaica fábrica de carburo. Y al cabo de los siglos se producirá luz en el misterioso paraje donde creyeron nuestros antepasados que imperaban las tinieblas”.   

Achamos en vindeiros números desta revista pequenas alusións á nosa catarata, concretamente o 10 de setembro de 1905, o 23 de xuño de 1912, o 20 de decembro de 1916 e o 7 de xullo de 1918. Feito que non deixa de ter a súa importancia se pensamos que en Mondariz se xuntaban sobranceiras personalidades da intelectualidade, da política e dos negocios; e dicir, a xente máis proclive a facer turismo.

Rebaixe efectuado na montaña para construír a canle que conducía as augas dende a presa Á dereita os primeiros chanzos da baixada da fervenza-Nuevo Mundo xullo 1904
Rebaixe efectuado na montaña para construír a canle que conducía as augas dende a presa. Á dereita os primeiros chanzos da baixada da fervenza. Nuevo Mundo, xullo 1904.

Como xa anunciamos máis arriba no ano 1903 constitúese a Sociedad Hidro-Eléctrica del Pindo co fin de producir electricidade na central do Ézaro para manter unha fábrica de carburo de calcio que se levantaría en Brens. Esta empresa estaba integrada por capital francosuízo que xa posuía outra planta deste tipo en Berga (Cataluña), e por investidores galegos ou aquí afincados: Francisco Saunier, un dos grandes magnates da electricidade en Galicia; e as casas de banca Marchesi e Sobrinos de José Pastor. Ricardo Rodríguez Pastor representante deste último banco foi o encargado das negociacións e pasaría a ocupar a presidencia da empresa. Co tempo a factoría de Berga, a de Brens e algunha outra máis pequena constituirían unha única empresa, coñecida co nome da primeira: Sociedad Española de Carburos Metálicos. No ano 1992 os activos que tiña en Galicia foron adquiridos polo empresario Villar Mir conformando o Grupo Ferroatlántica. 

Inspeccionando a canle que traslada a corrente fluvial á cámara da auga na Fervenza Ezaro. Nuevo Mundo-xullo 1904
Inspeccionando a canle que traslada a corrente fluvial á cámara da auga. Nuevo Mundo, xullo 1904

Durante o 1903 e a primeira metade de 1904 os traballos deberon ser moi intensos, pois o 10 de xullo  deste último ano xa todo estaba preparado para a súa inauguración, e como veremos seguidamente había moito que facer. A mellor crónica deste acto atopámola nun artigo de La Voz de Galicia do 12 do citado mes, está asinada por un tal B. que, naturalmente non sabemos quen é. O cronista infórmanos da saída dende A Coruña de boa parte dos convidados a este acto sen precedentes na Costa da Morte. Fixérono no vapor Marqués de Amboage ao anoitecer do día anterior. Pola mañá estaban no Ézaro pero non desembarcaron, foron tomar o almorzo a Corcubión onde se xuntaron con outros convidados da zona ou chegados da Coruña en coche. Despois desta parada na vila de San Marcos dirixíronse ao Ézaro, e gora dámoslle a palabra ao reporteiro de La Voz de Galicia:  
 “Renuncio a referir que la excursión por el río que se retuerce por entre las peladas montañas hasta morir al pié de la cascada del Pindo. En estilo pindárico, el más adecuado, habría que hablar de ello pintando la soberana belleza del paisaje, si no holgase en este caso  toda disertación poética. No hay que olvidar que es un acontecimiento puramente mercantil é industrial el que estamos solemnizando.
(...)
De lo alto del monte baja un inmenso tubo pintado de blanco, que descansando sobre la roca viva conduce a la fábrica con pujanza tremenda el agua que de la cascada se obtiene. La obra es atrevida y á simple vista se aprecia el esfuerzo que significa. 
Para verlo todo, para apreciarlo despacio, lanzámonos á la desfilada monte arriba gateando por retorcidos senderos improvisados, salvando precipicios cuyo fondo apenas se atreve a descubrir la mirada, cruzando puentes adosados al descomunal peñasco... Al eco de alegres risas femeninas únese el estruendoso de la cascada que destacándose sobre el fondo negruzco de los riscos, blanquea al fondo. Admiramos los dos túneles abiertos á fuerza de paciencia, dinero y dinamita... y casi envidiamos la aventura de quienes tripulando ligeras chalanas se lanzan a cruzarlos, sin arredrarles la corriente impetuosa del agua ni la negrura de la estrecha boca. ¡Que hermosura! Bien se explica que la imaginación galaica hiciese al Pindo nido de tradiciones y leyendas.
(...)
“El conjunto de la obra de este que está llamado á ser centro principalísimo de la industria gallega, es el siguiente: 

Una presa natural formada por un enorme banco de granito que no hubo más que regularizar.
Un trozo de canal de 100 metros de largo por tres de ancho, al cual sigue un túnel de 190 metros de largo por tres de ancho y 2,25 de alto. 
Otro trozo de canal de 250 metros de largo y un segundo túnel de 140 de largo, á cuyo final se halla situada la cámara de agua. Esta cámara tiene una capacidad de 200 metros cúbicos. 
La tubería  de bajada es de 280 metros de largo con un diámetro de 1,30.
La altura del agua sobre el eje de las turbinas es de 114 metros. ¡Casi nada!
En la fábrica no se han montado aún más que dos grupos completos y se halla preparado el emplazamiento del tercero. 
Conduce la energía desde la fábrica hidro-eléctrica  del Pindo á la fábrica electroquímica de Brens una línea de alta tensión”.
(...)

A cámara da auga dende onde se lanzaba á central por unha tubaxe. Nuevo Mundo- xullo 1904
A cámara da auga dende onde se lanzaba á central por unha tubaxe. Nuevo Mundo, xullo 1904

Despois da visita ás instalacións tomaron  baixo un amplo toldo un “espléndido lunch” para repor forzas.  De alí foron a Brens onde tamén percorreron a nova fábrica. Oficializouse  a inauguración coas bendicións e os discursos de rigor e o fotógrafo coruñés José Avrillón tomou fotos dos fastos. Xantaron nun dos almacéns un menú para máis de cen persoas servido polo Hotel de Francia da Coruña, houbo máis discursos, máis brindes, máis fotos, e ao remate retornaron á cidade herculina no mesmo barco. 

A central hidroeléctrica do Ezaro con unha morea de curiosos na volta o día da inauguración-Nuevo Mundo, xullo 1904
A central hidroeléctrica con unha morea de curiosos na volta o día da inauguración. Nuevo Mundo, xullo 1904

A revista ilustrada Nuevo Mundo no seu número do 21 de xullo dese ano publica cinco fotografías deste acto inaugural: unha vista do rebaixe que houbo que facer na montaña para poder construír a canle que conduce as augas. Nesta imaxe pódense ver os primeiros chanzos da desbocada baixada do Xallas. Na seguinte foto un grupo de curiosos percorre un treito da canle. A terceira mostra a cámara na que se deposita a auga antes de envíala á central pola tubaxe instalada a tal efecto. Os arredores da central de transformación coa xente congregada na volta plásmase na cuarta imaxe. Na quinta reflíctese un aspecto da fábrica de Brens que aquí non incluímos. Como xa temos dito noutros casos estas instantáneas non teñen a calidade que quixéramos, aínda así o seu valor testemuñal é evidente. Descoñecemos o autor. Poden ser de Avrillón que estaba presente; ou de Manuel Romero, un fotógrafo fisterrán con estudio aberto en Corcubión e que de seguro non faltou a este acto; ou de? 

No ano 1905 sae unha importante serie de tarxetas postais da casa Lacoste de Madrid que retratan a beiramar dende Corcubión ata O Ézaro. Esta última é a que nos interesa. Baixo o poderoso influxo da recente implantación das instalacións de produción eléctrica, son precisamente estas instalacións as protagonistas dunha fotografía de formato vertical que deixa a fervenza fóra de plano. Podemos ver a pronunciada e rochosa pendente pola que baixa a tubaxe dende a cámara da auga ata a central eléctrica. Detrás deste último edificio e nun plano algo superior hai outra construción que, supomos, incluiría os servizos de vivenda e administración dos directos responsables da planta hidroeléctrica. Sobre as augas da ría reflíctese a brancura das instalacións fabrís, e dende a cámara de almacenamento parece esvarar un bo
 chorro de auga sobrante. Hai que ampliar o depósito ou a fábrica, todo se andará. Cono nos informa a propia postal, o autor da imaxe é Manuel Romero, ao que xa aludimos.

A central hidroeléctrica do Ezaro nunha postal de 1905. Lacoste (Madrid- Fotografía de Manuel Romero
A central hidroeléctrica nunha postal de 1905. Lacoste (Madrid). Fotografía de Manuel Romero

Continuamos coas tarxetas postais, a mesma casa madrileña completa en 1907 a serie anterior con novas instantáneas. Neste caso estamos ante unha vista apaisada na que, agora si, non falta a fervenza. A calidade da edición é bastante mala, carece da nitidez e do contraste que posuía a anteriormente comentada. Na central hai un cambio importante, se antes era unha estrutura con catro ventás laterais, dous anos despois ten seis. Aumentou ao longo e supomos que tamén o número de turbinas do seu interior, mais o chorro de auga segue esvarando montaña abaixo. O autor da imaxe é J. Sánchez, un fotógrafo afeccionado pola información que nos dá Pedro Ferrer en relación a outros traballos seus. 

O conxunto do Ézaro coa central e a fervenza nunha postal de 1907. Lacoste (Madrid). Fotografía de J. Sánchez
O conxunto do Ézaro coa central e a fervenza nunha postal de 1907. Lacoste (Madrid). Fotografía de J. Sánchez

Por un artigo de Xosé Manuel Lema (Adiante Galicia: 14/12/2016) sabemos que no ano 1913 visitou a fervenza o célebre escritor e xornalista galego Wenceslao Fernández Flórez. A posteriori escribiu unha crónica desta viaxe para El Noroeste. Foinos imposible atopala e só podemos incluír, sobre a catarata en cuestión, o que sacamos do medio antes citado. O autor de El bosque animado, ademais de dar cadra da importancia industrial do entorno, compara a catarata con “una melena blanca de agua, cayendo desde lo alto en un negro rincón de la montaña”.  

En La Voz de Galicia do 10 de agosto de 1913 un tal B. Calderón asina o artigo “Como se debe fomentar el turismo”. O autor incide na importancia deste sector para o desenvolvemento de Galicia e sinala as dúas principais eivas que se deben corrixir: “los medios de comunicación y las fondas, ó mejor los albergues rurales que son los llamados á desempeñar un gran papel en el turismo gallego”. Tamén cre importante a promoción no estranxeiro dos valores que posúe Galicia, pero tamén entre os naturais. Neste sentido considera que deben organizarse excursións que arranxen este problema. Así se expresa pondo como exemplo a nosa fervenza: 
“Para que el fomento del turismo resultara verdaderamente práctico, sería preciso que comenzara en Galicia por los mismos gallegos, que desconocen por completo el país fuera de los lugares servidos por una línea férrea ó una carretera de gran circulación. Mal podemos enseñar á los demás lo que no conocemos nosotros mismos. La mayor parte de las bellezas de la costa gallega, la cascada del Ézaro, por ejemplo, han sido apreciadas y señaladas por los extranjeros antes que por los españoles y los mismos gallegos; la geología, la flora, fauna, etc. en general, los extranjeros las han estudiado en Galicia antes que nosotros”.  

Os textos que ata aquí fomos citando son unha proba de que non é todo como di o autor do artigo. Con relación a que os valores da fervenza foron sinalados, xa non digo antes, polos estranxeiros, temos serias dúbidas. Os ingleses foron os máis activos viaxeiros e os primeiros que deixaron por escrito as súas vivencias coa idea de publicalas. As primeiras guías “turísticas” que reflectiron a súa visión de España foron dese país: The Bible in Spain (1843) de George Borrow que, pese ao título, era un libro de viaxes; non fai ningunha referencia á nosa fervenza. Quizais a guía máis prestixiosa cunha grande difusión e múltiples edicións foi A Hannd Book Travellers in Spain (1845) de Richard Ford, na que tampouco deixou ningunha pegada a catarata do Ézaro. Xa máis aquí no tempo, en 1909 publica Annett M. B. Meakin a súa obra Galicia: The Switzerland of Spain (Galicia: A Suíza de España). A primeira guía realizada por un estranxeiro, neste caso estranxeira, exclusivamente sobre Galicia, e na que non atopamos entre as súas numerosas páxinas nada sobre a fervenza. Outro tanto ocorre con Spain Revisited: A Summer in Galicia (Londres 1911) de Catherine Hartley. A primeira obra deste tipo na que atopamos unha referencia ao Ézaro é Spanish Galicia (Londres 1922) de Aubreu Bell, quen, a maiores de quedar sorprendido pola potente silueta do Pindo, di o seguinte do salto do Ézaro:
“A grandiosa fervenza que, coa anchura do ría, cae dende unha grande altura e incluso no verán leva un xeneroso volume de auga”.

Está claro que Bell tivo sorte o día que se achegou ata ao Ézaro ou fala de oídas. Non vou negar que nalgunha publicación máis puntual e restrinxida teña saído algo sobre O Ézaro antes de 1913, pero coidamos que non nas máis empregadas polos viaxeiros. Se como refiren algúns dos fragmentos que fomos citando, os viaxeiros ingleses mostraban interese pola desembocadura do Ézaro, o seu coñecemento debía estar motivado pola lectura de obras en castelán.      
No ano 1911 inicia a súa andadura unha das publicacións periódicas máis populares ata a súa desaparición en 1938. Referímonos á revista gráfica Vida Gallega dirixida e editada en Vigo por Jaime Solá. Neste medio aparecen ao longo dos anos varias referencias á fervenza do Ézaro, dende pequenos fragmentos que forman parte de artigos maiores ata o resumo dun amplo traballo sobre o río Xallas que comentaremos no seu momento. Tamén publicaron tres fotografías das que só incluiremos unha no seu debido lugar, as outras dúas non aportan nada novo e ademais teñen unha mala calidade de impresión. Deixámosvos a primeira cita que atopamos correspondente ao exemplar  do 1 de xullo de 1916. Nun poema de Avelino Rodríguez Elías titulado “Salve Galicia”, nunha das estrofas compara o sorriso da nosa Tera coa fervenza do Ézaro:
“Y-enriba dos cabelos d‘ouro puro,
que‘ é  no coor igoal á gran maduro
de millo, amóstrasnos tan esprendente
linda coroa, que parez talmente
que d‘unha meiga foi feita ó conxuro,
cos teus crepusculares arreboles 
e cos matices mil das túas froles,
Se ris, a túa risa cristalina
é a cascada do Ézaro divina,
onde desfaise o sol en moitos soles”.

O ampliado conxunto hidroeléctrico do Ézaro coa fervenza sen auga nunha postal de 1920. Hauser y Menet (Madrid). Fotografía de Manuel Romero
O ampliado conxunto hidroeléctrico do Ézaro coa fervenza sen auga nunha postal de 1920. Hauser y Menet (Madrid). Fotografía de Manuel Romero

Arredor de 1920 sae outra serie de postais, agora da casa Hauser y Menet, tamén de Madrid. Unha das grandes editoras de postais e doutros materiais relacionados coa fotografía: fotografías propiamente ditas, linotipias, láminas,... As novas tarxetas volven plasmar os lugares de máis interese do litoral, neste caso dende o Ézaro ata Fisterra. A imaxe do Ézaro de formato apaisado debeu ser tomada en pleno verán. Podemos ver o lugar que ocupa a fervenza, o que non vemos é a auga que debía baixar montaña abaixo. Un dos motivos, a maiores da seca estival, é o apreciable aumento da central eléctrica: empezara con catro ventás laterais, despois pasou a seis e agora xa ten dez; conformando unha estrutura de forte horizontalidade. Se se amplía o número de turbinas fai falla máis auga, neste sentido dende a cámara de almacenamento baixa unha dobre tubaxe que, sobre todo, no estío absorbería todo o caudal fluvial. Diante da fachada frontal da central hai unha  pequena edificación de planta baixa da que descoñecemos a súa funcionalidade. Apegada na parte posterior da planta transformadora vemos unha especie de torre que, coidamos, serviría de acumulador de electricidade. A foto está tomada dende a beira carnotana, na que non faltan tres observadores sentados nas rochas: dous parecen da veciñanza, pero o outro traxado ten todas as trazas de estar de visita.  Sobre as augas da ría volve reflectirse a brancura das construcións e incluso da tubaxe. Unha dorna con dous mariñeiros desprázase docemente pola serena superficie mariña. Por un artigo da revista El Financiero de outubro de 1924  ilustrado con dúas fotografías desta serie, sabemos que foron realizadas polo xa mencionado Manuel Romero.

Nun especial de dúas páxinas publicado en El Ideal Gallego o 24 de abril de 1921 motivado polas inminentes festas de San Marcos de Corcubión, o escritor e investigador da nosa literatura e da nosa historia Eugenio Carré Aldao escribe un artigo baixo o título de “Corcubión y su municipio”, no que expón diferentes aspectos históricos, artísticos, económicos e culturais do citado concello e tamén da comarca. Neste sentido non pode pasar por alto a relevancia da fervenza do Ézaro, sen deixar de ser crítico coa situación derivada da instalación da planta de produción eléctrica: 
“Ha perdido parte de su grandiosa majestad, con las diversas tomas de agua del río, pero aun así y todo se nos presenta soberbia en su descenso.
Sujeta y domada en parte, corren sus energías por cilindros de hierro de 1,5 metros de diámetro para abastecer de agua la central “Hidroeléctrica del Pindo”, que suministra dicha fuerza para la fábrica de carburo en Brens, a la que llega la energía por una extensa línea aérea. 
La casa de máquinas se halla en una ensenada encantadora de la ría.
Desde la cascada que desciende por un enorme pedregal, tiene el río un recorrido de 300 metros hasta morir en la playa del Ézaro”. 

Por estes mesmos anos D. Eugenio estaba traballando nos dous volumes, I e II correspondentes á provincia da Coruña, da magna obra Geografía General del Reino de Galicia (Alberto Martí. Barcelona 1928). Composta por seis tomos coidadosamente editados, con importante aparato gráfico e planos e mapas das cidades, vilas, provincias, partidos xudiciais,... Cada concello de Galicia conta cun apartado dentro da obra, e no que corresponde ao de Dumbría Carré Aldao repite practicamente coas mesmas palabras o dito no citado artigo sobre a catarata, mais agora cunha transcendencia moito maior ao formar parte dunha obra fundamental da nosa bibliografía.

Máis arriba comentamos un artigo sobre a importancia que o turismo podía ter para Galicia no que se incidía na necesidade de fomentar excursións que deran a coñecer os valores da nosa Terra.

La Voz de Galicia do 20 de setembro de 1924 daba conta das actividades programadas en Corcubión en relación ás festas da Virxe da Mercede, nas que se incluía para o día 27 unha “ excursión a la Factoría Ballenera de Caneliñas, con exhibiciones de cetáceo y explicación de su aprovechamiento. Desde Caneliñas continuarán la gira los excursionistas por el río Jallas, hasta la hermosa cascada del Pindo, merendando allí y regresando a Corcubión a las ocho de la tarde”. Este mesmo xornal seguirá informando da organización de visitas parecidas nas que sempre está presente a fervenza do Ézaro: cando se inaugura oficialmente a planta baleeira (15/11/1924); cando teña lugar unha asemblea en Corcubión para relanzar a malfadada construción da liña férrea Coruña-Carballo-Corcubión (11/02/1925); ou cando visiten a zona un grupo de alumnas da escola de maxisterio da Coruña (03/05/1925). 

O 23 de setembro de 1924 El Ideal Gallego volve sacar un especial de dúas páxinas sobre Corcubión relacionado coas festas da Mercede. Entre os artigos publicados figura “Los misteros del Pindo” de Jerónimo Figueroa Domenech, Este escritor e xornalista galego nacido no Pindo déixanos neste texto unha sentida evocación do mítico monte arredor do que se criou, incluíndo tamén unha fermosa e poética descrición da fervenza do Ézaro, vexamos esta última:
 “la imponente mole granítica del Pindo, retumba incesantemente repitiendo con los ecos el estruendo de la cascada del Ézaro.
Nada hay comparable en España a este magnífico salto de agua, ya que se le mire desde el punto de vista estético de la Naturaleza, ya que se le contemple con los ávidos ojos del ingeniero industrial que persigue el hallazgo de fuerzas mecánicas. Es una masa líquida inmensa que se precipita por un tajo del Pindo a más de 50 metros de altura, y forma en el suelo un profundo y ancho río que apenas recorre 300 metros para llegar al mar. Al choque formidable de sus aguas se eleva una nube de vapor que en las rocas más altas se condensa y resbala de nuevo hasta el fondo en multitud de argentados hilos.
Contemplando este salto desde donde no llega su continuo rumor de trueno, parece una cascada de grandes y blancos copos de algodón que ruedan incesantemente al precipicio; y cuando en la tarde los rayos del Sol la hieren oblicuamente, aparecen sobre las espumas los brillantes colores del Iris, como si la Naturaleza quisiera ofrecer en aquel fenómeno una bellísima alegoría de la Paz y el Trabajo”.

Panorámica do Ézaro nunha fotografía do Arquivo do Reino de Galicia. Ca. 1924
Panorámica do Ézaro nunha fotografía do Arquivo do Reino de Galicia. Ca. 1924

O Arquivo do Reino de Galicia conta con dúas fotografías da fervenza do Ézaro: unha apaisada na que figura o conxunto das instalacións de produción eléctrica e a fervenza, e outra de formato vertical onde dúas mulleres ocupan os primeiros planos e ao fondo, algo desenfocada, vese a catarata. Aparecen catalogadas sen autor coñecido e situadas cronoloxicamente entre 1910 e 1920. Nós coidamos que deben ser posteriores. De arredor de 1920 é a última postal que comentamos, e notamos unha pequena diferenza entre aquela e a foto apaisada do citado arquivo. Se nos fixamos vemos que a que, con anterioridade, consideramos a vivenda da persoa ou persoas responsables da central, ten unha pequena ampliación na parte central da súa fachada principal, aumento que non apreciamos na imaxe de 1920.  As fotos deberon ser tomadas nunha época do ano na que o río levaba un bo caudal, pese á ampliación da central a fervenza conserva un enérxico torrente de auga.  A relaxante planicie da ría na que a luz lanza brillantes reflexos contrasta co poderoso e abrupto dominio das montañas que fechan o horizonte. 

A outra foto onde a presenza das paisanas pode estar relacionada coa construción que aparece detrás delas: un muíño, polas referencias que temos. O artigo de Lisardo Barreiro lémbranos que “en un pequeño molino, única vivienda que existe allí cerca y que no deja de prestar encantos a la escena, refiriéronme una fantástica tradición de trágicos lances que tiene por teatro de origen la concavidad en donde el Ézaro se arroja y que los campesinos de fantasía impresionable creen de buena fe que es un insondable pozo en el cual se guardan fabulosos tesoros”. E, precisamente, parte dese pozo é o que observamos no último plano. O pozo e a luminosa diagonal que dende o principio dos tempos, humanos polo menos, están defendendo o suposto tesouro de posibles depredadores. 

Dúas paisanas cos muíños e a fervenza do Ézaro en profundidade de campo. Arquivo do Reino de Galicia. Ca. 1924
Dúas paisanas cos muíños e a fervenza do Ézaro en profundidade de campo. Arquivo do Reino de Galicia. Ca. 1924

O escritor Victoriano García Martí publica en La Voz de Galicia o 5 de novembro de 1925 un artigo sobre “Las rías medias. Corcubión. Su interés económico y moral”. Deste texto que vai máis alá do Corcubión propiamente dito, aludindo a distintos aspectos de interese dentro do seu ámbito de acción. Coma sempre entresacamos a referencia que fai á catarata do Pindo: 
 “Desde aquí (refírese a Corcubión) se pueden hacer preciosas excursiones a Finisterre y su semáforo, distante unos doce kilómetros. Y en sentido opuesto, atravesando el pueblo de Cee, a la célebre cascada del Pindo, una de las mayores maravillas de la naturaleza. En el fondo de una enorme masa granítica, con un grandioso gesto de majestad, cae desde una altura de ciento cincuenta metros el canal espumoso del salto, de cuya fuerza motriz se esperan aún múltiples aplicaciones”. 

No ano 1926 publícase a primeira edición da Guía de Galicia de Ramón Otero Pedrayo (Espasa-Calpe. Madrid). Aínda que a mención que fai da nosa fervenza é moi pequena, co tempo irá medrando o contido que lle dedica á mesma ata considerala a mellor de Galicia; xa que esta obra coñecerá múltiples edicións, estando aínda á venda na actualidade. Esta é a sucinta referencia á que aludíamos: 
“Una carretera de 10 kilómetros desde Cee, conduce a uno de los más bellos paisajes de Galicia: la cascada que el río Xallas o Ézaro forma al cruzar un estribo del monte Pindo para entrar en el mar. Las empresas industriales que utilizan en gran escala la energía del salto (el mayor actualmente en Galicia) han borrado mucha de la belleza de la fervenza del Ézaro”. 

A última foto que incluímos , a diferenza de outras moitas, temos o autor e a data aproximada en que foi realizada. Publicouse o 30 de decembro de 1926 na revista Vida Gallega. O seu autor era Federico Ávila y Cuadra, un mestre natural de Viana do Bolo destinado en Fisterra da que chegou a ser alcalde en 1925, e ademais fotógrafo afeccionado. Nesta imaxe podemos ver perfectamente o muíño e a vivenda apegada ao meso. Supomos que sería un muíño de maquía onde o muiñeiro ou muiñeira se ocupaba de facer a moenda a cambio dunha pequena parte do gran moído. Senón antes, estas construcións deberon desaparecer cando a mediados dos anos corenta do século pasado se edificou a central de Castrelo nese lugar. Outro aspecto interesante da instantánea, ademais dese xogo de volumes conformado polos rochedos tronzados do primeiro plano, é a presenza humana. Unha presenza humana na que non falta un home traxado e que sería froito dalgunha excursión, quizais organizada dende Fisterra, de aí que fora inmortalizado o momento polo mestre e alcalde da localidade. O caudal da fervenza non pasaba polo mellor momento, se a foto viñera acompañada dalgún tipo de comentario, se cadra, sabiamos algo máis.

A fervenza do Ézaro nunha fotografía de Federico Ávila Cuadra publicada en Vida Gallega en 1926
A fervenza do Ézaro nunha fotografía de Federico Ávila Cuadra publicada en Vida Gallega en 1926

O xeógrafo e matemático Heliodoro Gallego Armesto escribe nas páxinas do Boletín da Real Academia Galega (Tomo 18, nº 23, 1929) un longo artigo baixo o título “El Jallas o Ézaro”. No mesmo ano coñecerá unha publicación como folleto independente do que tamén figurará un amplo resumo na revista Vida Gallega. O autor describe o percorrido do río, os seus principais afluentes, a peculiaridade da súa desembocadura e outros aspectos históricos de interese. Sobre o caso que nos ocupa di o seguinte: 
El río busca salida por la estrecha garganta que forma este monte y el Ézaro, precipitándose por un tajo casi vertical de más de 200 metros de altura, soltando y rebotando sus aguas con bronco rugido en la cascada más sorprendente y hermosa de Galicia, conocida con el histórico nombre de Salto del Pindo. Antiguos documentos inducen a afirmar que, por el año 1217, un gran terremoto allanó la faz de estos terrenos y cambió el álveo del río. Desde hace varios años, una empresa industrial aprovecha este salto para suministrar energía eléctrica a la fábrica de carburo de calcio de Brens, restando con la captación de las aguas mucha belleza a la fervenza del Pindo. Pero en las avenidas, y cuando la presa deja desbordar la sobrante, aun puede admirarse su grandeza”. 

O fundador, presidente e sostén económico Hispanic Society of America, Archer Milton Huntington promoveu, entre outras moitas accións, a viaxe de Ruth Matilda Andersen a Galicia para documentar fotograficamente a realidade e as costumes da nosa Terra. Experiencia que tamén recolleu nun libro editado en 1939, onde a fervenza ocupa un pequeno espazo, aínda que fóra do noso marco cronolóxico. Volvamos con Archer, o multimillonario norteamericano publicou o libro Rimas (Nova Iorque 1936). Obra que contén os seguintes versos dedicados ao Ézaro e nos que, coidamos, identifica a brancura da auga ao precipitarse coa inmaculada brillantez da Virxe. Con eles pómoslle o cadullo a esta viaxe:
“Fóra das présas, fóra da escuridade,
cantando unha canción aprendida da tormenta,
musitando trementes historias
do día no que as montañas se esgazaron,
para abrir o camiño
dos relucentes pés brancos
da Virxe vestida de branco
Ézaro, Ézaro, voz da noite”  

AS AGONÍAS DA FERVENZA DO ÉZARO

 Rematado este percorrido polos textos e fotografías que atopamos no período acoutado no que se puxeron os alicerces da posición que hoxe goza a fervenza do Ézaro a nivel internacional. Unha das queixas que figura en varias das
 citas expurgadas, e noutras que deixamos fóra, referíase a incidencia negativa que tivo a primitiva central do Pindo na mingua do caudal de auga que se desbocaba pola catarata, coa conseguinte perda de espectacularidade de todo o conxunto. Se estas tímidas protestas estaban xustificadas no primeiro terzo do século XX, que dirían os autores desas críticas se coñeceran o futuro que lle esperaba á fervenza? 

O encoro de Santa Uxía, a escarpada silueta do Pindo e, alá no fondo, o promontorio de Fisterra vistos dende a parroquia de Arcos (Mazaricos)
O encoro de Santa Uxía, a escarpada silueta do Pindo e, alá no fondo, o promontorio de Fisterra vistos dende a parroquia de Arcos (Mazaricos)

Coa posta en funcionamento do encoro de Santa Uxía en 1990, o tramo de río situado entre a presa e a desembocadura quedou sen unha fecha de auga ao ser desviado o caudal por un túnel e unha tubaxe ata unha nova central situada ao pé da pequena ría. O resultado non podía ser máis desolador: os seixos que formaban parte do leito do río torrados polo aire e o sol parecían os restos fosilizados dunha radiación nuclear. Os chanzos rochosos polos que se envorcaba a corrente fluvial aínda que pasaban máis desapercibidos entre tanta pedra espida, para todas as persoas que coñeceron o rebordar da auga plena de vibracións sonoras e cinéticas e cun brillo de poderosos escintileos difíciles de esquecer, aquel desértico esvaradoiro unicamente podía espertar a maior das repulsas. Só as chuvias e algún regato cativo situado máis acó da presa poñían de vez en cando unha nota de sentido entre tanta degradación.        

As protestas de colectivos e asociacións ecoloxistas foron continuas, mais os intereses económicos de Carburos Metálicos e, a partir de 1992, de Ferroatlántica estaban por riba de calquera outra consideración. Intereses que contravindo a legalidade vixente foron sostidos pola máxima institución gobernativa galega. No 2000  Ferroatlántica e a Xunta de Galicia, presididas ambas polos seus máximos mandatarios, séntense xenerosas e avéñense a abrirlle unha comportiña pequena ao encoro durante dúas horas dos sábados e dos domingos do verán, como premio de consolación para nostálxicos e ecoloxistas que carecían do espírito práctico e utilitario que levanta un País da nada ata convertelo nunha fonte inesgotable de riqueza case nunca distribuída con equidade. 

Así quedaron as cousas durante moitos anos pese a un recurso por parte do Concello de Dumbría no que se alegaba o incumprimento do caudal mínimo ecolóxico marcado na lexislación. No outono de 2010 a asociación ecoloxista AEMS- Ríos con Vida interpuxo unha denuncia contra Ferroatlántica diante da Fiscalía Ambiental de Galicia por desecar a fervenza do Xallas e na que tamén denunciaba aos responsables da Xunta que, no seu momento, permitiron esta situación. A partir deste momento as cousas aceleráronse, na primavera de 2011 a Secretaría Técnica da Consellería de Medio Ambiente anulaba unha resolución de 2001 onde o mesmo ente da Xunta non lle esixía á propietaria do complexo de produción eléctrica do Ézaro o caudal mínimo ecolóxico de 2,23 metros cúbicos por segundo, a cambio de abrir determinados días  ao ano, como xa vimos. No mes de abril do referido 2011 Ferroatlántica empeza a cumprir, á forza, a normativa do caudal mínimo, ademais de recorrer aos tribunais esta decisión. Tribunais que se pronunciaron na súa contra.

Panorámica do Ézaro nunha imaxe de Foto Fuentes para Postais Fama de Coruxo
Panorámica do Ézaro nunha imaxe de Foto Fuentes para Postais Fama de Coruxo

Durante a primeira década no século XXI xa se foran dando algúns pasos para a mellora do entorno da fervenza. As aperturas intermitentes da catarata supuxeron a construción dunha pasarela para a súa axeitada observación. A empresa propietaria das instalacións cedeulle a vella central do Pindo, a que entrou en funcionamento en 1904, á Asociación Neria que, despois da súa restauración e musealización, abriu ao público no 2008 como Centro de Interpretación da Electricidade do Ézaro. Mágoa que dende 2017 este interesante complemento pedagóxico se atope fechado debido á inviabilidade económica da asociación que o xestionaba. Nos últimos tempos o Concello de Dumbría instalou unha fantástica iluminación para que nin as tebras da noite impidan o goce do espectáculo acuático. Proximamente entrará en funcionamento unha nova pasarela máis segura e accesible para todo tipo de visitantes. Durante boa parte deste texto fomos dando cadra de algúns chanzos que informaron ao mundo da existencia desta paraxe única. Mais o alcance deste labor non se pode comparar coa iniciativa que tivo o Concello de Dumbría no ano 2012 ao propor O Ézaro como remate dunha etapa da Vuelta Ciclista a España e sostela economicamente na parte que lle correspondía. Feito que dende aquela xa se repetiu varios anos, e que situou os evidentes valores da fervenza do Pindo nun plano internacional sen precedentes. 

Todas estas accións converteron a fervenza nun destino turístico  de primeira orde. Tampouco debemos esquecer que forma parte do monte Pindo, outro importantísimo capital simbólico e paisaxístico de Galicia. Hoxe coma nos tempos de Isla de la Torre, do pai Sarmiento ou de Lisardo Barreiro o rosado e alborotado granito do monte Pindo é penetrado polo Ézaro. As poderosas acometidas do seu compacto torrente logran abrirse camiño entre apertadas cavidades ata alcanzar espazos máis liberados, asolagando todos os currunchos cunha sublime explosión de pracer e satisfacción.                    

 
  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

comentarios