Venres. 29.03.2024
El tiempo

As semellanzas dun conto galego e dunha lenda xaponesa

As semellanzas dun conto galego e dunha lenda xaponesa
As semellanzas dun conto galego e dunha lenda xaponesa

A Balada de Narayama é unha lenda xaponesa que foi levada ao cine en 1983 polo director SHOHEI IMAMURA. A historia sitúase nun pasado indeterminado do Xapón máis recóndito, montañoso e empobrecido, e cunha subsistencia tremendamente difícil. Un lugar cuberto pola neve boa parte do ano, onde nos escasos cinco meses que duraba a primavera e o verán por aquelas latitudes só se podían producir, nos pequenos terreos dos que dispoñían, unhas exiguas colleitas que a duras penas acomedaban aos habitantes da apartada aldea.

Cartel da película La Balada de Narayama
Cartel da película La Balada de Narayama

Estas circunstancias deron lugar a un severo código de conduta onde os ladróns de alimentos eran enterrados vivos para castigar as súas accións. Pero quizais o costume máis singular e que centra boa parte da metraxe da película, tamén está relacionada con esa continua crise de subsistencia na que se desenvolvía a súa vida. Cando as persoas maiores cumprían os setenta anos e deixaban de ser unha axuda para as súas familias, converténdose nunha carga que había que coidar e alimentar; nos primeiros días do inverno eran subidas polos seus familiares máis novos ao alto do monte Narayama. Viaxe de grande dificultade polo escarpado do carreiro que había que vencer ata chegar ao curuto. Alí o Deus que habitaba aquelas alturas, nunha acción de suma benevolencia, provocaba fortes nevaradas que lograban unha morte rápida por conxelación para os pobres anciáns.

O caso concreto que relata o filme tamén incide no dilema ético ao que ten que facer fronte o protagonista masculino que se ve obrigado pola súa propia nai, o personaxe arredor do que xira toda a historia, a respectar a tradición e cumprir en contra da súa vontade coa pesada carga física e moral de trasladala e abandonala na citada montaña.

Fotograma da película onde o protagonista masculino traslada súa nai ao alto de monte Narayama
Fotograma da película onde o protagonista masculino traslada súa nai ao alto de monte Narayama

Unha fabula contada en imaxes coa sombra da morte sempre presente, pero tamén cargada de vitalidade e onde o espertar da natureza na primavera, as ansias de vivir e a practica do sexo de todas as criaturas da contorna son, coma o hábitat no que se desenvolve a súa existencia, dunha extrema intensidade.

En resumo, un relato duro en perfecta concordancia coas condicións impostas por unha natureza adversa, pero tamén dunha arrebatadora fermosura.

Cando a mediados da década dos oitenta vin esta galardoada película no cine inmediatamente me veu á cabeza unha historia tradicional galega que tiña ouvido de varias maneiras. Escollo a versión que segue porque é a que máis me gusta e a que se semella en maior grao á lenda xaponesa. É un relato moi antigo que se transmitiu oralmente de xeración en xeración ata chegar aos nosos días. A min ensinoumo miña madriña da seguinte maneira.

Contan os maiores que en tempos moi afastados as escasas colleitas que con moitos traballos lograban arrigar da terra, despois de pagar as numerosas cargas contributivas que sufrían, malamente chegaban para que sobrevivira unha familia. Nesa situación en que a fame impoñía a lei do máis forte había un costume nacido da extrema necesidade. Consistía en que todos os maiores que xa non estaban en condicións de traballar para gañar o seu propio sustento, eran abandonados no monte para desafogo da economía familiar e alimento dos lobos.

Esta dolorosa circunstancia facía a súa aparición nos fogares campesiños cando se aveciñaban os duros e longos invernos; as huchas, os hórreos e as despensas quedaban despoboadas de legumes, hortalizas e cereais, e as tripas comenzaban a entoar a sinfonía da fame.

Fotografía de José Veiga Roel (Betanzos, 1894-1976) na que apreciamos o grao de complicidade entre o avó e o neto que atopamos no conto galego
Fotografía de José Veiga Roel (Betanzos, 1894-1976) na que apreciamos o grao de complicidade entre o avó e o neto que atopamos no conto galego

Nesta situación –lémbranos a lenda- estaba unha familia labrega e despois de tomar a fatídica decisión, o pai de familia antes de marchar co seu abatido proxenitor para o monte, ordenoulle a un fillo que tiña buscar unha manta para que o avó se puidera abrigar con ela e así aguantar mellor o frío mentres non era devorado polos lobos. O espelido neno baixou correndo do sobrado coa prenda indicada, mais nun claro exercicio de previsión aconselloulle ao pai ante a absoluta falla que tiñan, de roupa de cama tamén, que a podían partir pola metade, desa maneira o anaco sobrante podería cumprir a mesma función cando, o agora neno, chegara a adulto e tivera que levar a cabo o mesmo ritual co vello que para ese tempo sería seu pai. Nese momento o noso protagonista de mediana idade é probable que se acordara daquel refrán tan socorrido pola nosa xente: “Tal ver, tal esperar”, e recuou dos seus intentos de desfacerse do quebrantado patrucio. Seguramente tiveron que vivir con maiores estreiteces pero o avó quedou na casa.

Dúas culturas tan distantes e, a primeira vista, tan distintas unidas por un conto moi similar na súa concepción, aínda que con remate diferente. No caso galego este relato só podería ter algún destello de veracidade se nos retrotraemos ao medievo ou incluso antes. Máis alá da súa probable ou improbable realidade histórica, este caso lémbranos o respecto debido aos nosos maiores porque, se a sorte nos acompaña, nós tamén chegaremos a esa idade algún día. Infórmanos, así mesmo, da alianza entre os máis novos e os máis vellos, quizais porque os vellos son, nalgúns aspectos, moi semellantes aos nenos como nos recorda outro dito popular: “Á vellez nenez”.

Esta alianza nunca foi tan necesaria coma nestes tempos de peste, onde a mocidade ten a obriga moral de abandonar calquera tipo de irresponsabilidade que poña en perigo a súa saúde e que active a cadea de transmisión do virus ao resto da sociedade, incluídos os máis vulnerables: os nosos maiores.

Agora non abandonamos os vellos no monte, deixámolos en residencias que, en máis casos dos desexables como se demostrou nos últimos meses, convertéronse en verdadeiros depósitos en espera dunha morte inminente. Está claro que no mundo no que vivimos moitos anciáns non poder ser atendidos polos seus familiares en vense obrigados a buscar solucións alternativas. Con todo, as administracións públicas teñen a obriga de velar polo correcto funcionamento destes centros, pero nós como interesados tamén debemos saber en que condicións deixamos aos nosos seres queridos e esixir para eles unha vida digna e os coidados e prevencións que as súas fráxiles saúdes demandan.

  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios