Xoves. 13.08.2020
El tiempo

Cristobal González García: o primeiro Alcalde de Mazaricos

A procesión do día de San Cristovo de Corzón e a sinatura de Cristobal González sobre o territorio de Mazaricos plasmado de Mapa de Galicia de Domingo Fontán
A procesión do día de San Cristovo de Corzón e a sinatura de Cristobal González sobre o territorio de Mazaricos plasmado de Mapa de Galicia de Domingo Fontán
Cristobal González García: o primeiro Alcalde de Mazaricos

Esta semana foi o día de San Cristovo de Corzón e eu dende aquí quero lembrar a un personaxe que tiña por patrón ao xigantesco e forzudo “Portador de Cristo”, e que ademais era desta freguesía. Refírome a CRISTOBAL GONZÁLEZ GARCÍA que pertencía á CASA do CRISTOVO de SANFOGA, non sei se por el ou por algún antepasado co mesmo nome; aínda que agora é coñecida como a CASA de GONZÁLEZ de SANFOGA. O interese que temos por este mazaricán do século XIX vén motivado porque foi o primeiro alcalde que tivo o Concello de Mazaricos alá polo afastado ano de 1836. Pero para coñecer este dato antes tiven que dar moitas voltas.  

A documentación máis antiga coa que conta o Arquivo Municipal do noso Axuntamento corresponde ás actas de pleno que teñen o seu inicio en 1843. Dende a constitución do Concello en xullo de 1836 ata o citado 1843 van sete anos dos que practicamente non temos noticias sobre os avatares desta nova institución nacida á calor da implantación do réxime liberal no estado español. Sete anos difíciles de desentrañar aínda para as cuestións máis relevantes como poden ser os nomes dos alcaldes que estiveron á fronte do Concello, e xa non digamos sobre a xestión que puideron desenvolver os mesmos.  

Ante a ausencia de documentación municipal intentei buscar no fondo de escrituras notarias da zona de Muros, depositado no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela. Pola experiencia que tiña no manexo deste tipo de documentos sabía que os alcaldes nalgunha das súas accións recorrían a este tipo de servizos. Atopei referencias a alcaldes algo posteriores pero nada sobre os máis de dous anos que van de xullo de 1836 ata decembro de 1838, correspondentes á primeira lexislatura dos novos axuntamentos constitucionais.

Despois consultei os Boletíns Oficiais da Provincia da Coruña correspondentes aos anos citados e que se atopan na Biblioteca Provincial dependente da Deputación da Coruña. Os resultados foron similares, unhas poucas referencias a asignacións tributarias que tiña que cobrar e achegar o Concello á facenda pública, pero nin unha soa alusión ao alcalde que tería que xestionar esas operacións. Os xornais da época tampouco me ofreceron máis luz sobre a cuestión que tiña entre mans.

Como último recurso recorrín ao Arquivo do Reino de Galicia (A Coruña), onde basicamente hai documentación xudicial, a ver se contaban con algún papel deste tipo que puidera sacarme do labirinto no que estaba metido. E alí naquel edificio neobarroco coa súa fachada principal aos Xardíns de San Carlos onde se atesouran milleiros de expedientes, había un datado en 1839 que me abría unha porta á esperanza: “El Alcalde Constitucional de Mazaricos con el Juez de Primera Instancia de Muros sobre competencia de conocer de cuestión propuesta por Benito Cives y José Fusa contra Joaquín González sobre reivindicación de Bienes”.

No sistema municipal instaurado en 1836, a maiores das funcións gobernativas que eran propias dos alcaldes, ata que se crearon os Xulgados de Paz en 1855 tiveron facultades xudiciais nas primeiras fases dos procesos que non revestiran unha apreciable gravidade. Neste sentido o expediente antes aludido referíase a un conflito de intereses  entre o alcalde de Mazaricos e o xuíz de Muros sobre cal deles debía xulgar a cuestións suscitada.

En todo caso aquí o que nos interesa  é saber quen era ese alcalde. O documento aínda que está datado en 1839 refírese a feitos ocorridos en 1838, polo tanto dentro do mandato que nos ocupa. Como podedes supoñer o mandatario mazaricán ao que se refiren os papeis é Cristobal González García. 

Haberá dous anos publiquei neste mesmo xornal un artigo sobre a creacións dos Concellos da Costa da Morte no xa varias veces citado 1836. Naquel intre deixaba constancia das condicións que había que cumprir para poder votar nas eleccións e das que precisaban os que quixeran presentarse para concelleiros e, por conseguinte, tamén para alcanzar a alcaldía. Non estaría demais lembralas aquí.

Para poder votar era necesario ser español, varón, ter 25 anos cumpridos e levar catro residindo na provincia e dous na veciñanza na que se pretendía exercer este dereito, e o que é máis importante, pagar unha contribución de cota fixa derivada de calquera actividade honrada coa que puidera vivir dignamente, “sacándole de la clase de jornalero”. Os máis desfavorecidos non tiñan dereito a voto.

Estas condicións supuñan, na maioría dos casos, que en cada casa só puidera votar, se chegaba á cota esixida, o que figuraba nos recibos da contribución, é dicir, o cabeza de familia. 

Máis restrinxido aínda era o número dos que podían ser elixidos para os citados cargos municipais. A maiores das condicións que tiñan que cumprir os votantes, debían saber ler e escribir e estar incluídos entre o 10 % dos maiores contribuíntes de cada parroquia. Se consideramos que a maioría das parroquias do rural non chegaban a unha media de cen casas, e se a estas lles restamos os caseteiros, os xornaleiros e os que vivían da caridade pública; seguramente en cada freguesía non había máis de catro ou cinco persoas que reuniran as condicións necesarias para ser elixibles para as funcións municipais. 

Cumpría o noso protagonista estas esixencias?

Non temos documentación fiscal relativa aos anos trinta do século XIX para poder constatar se Cristobal González estaba entre os maiores contribuíntes da parroquia de Corzón. A máis achegada que posuímos é o “Repartimiento de la Contribución Rústica, Urbana y Pecuaria del Ayuntamiento de Mazaricos para el año 1860”. Vinte e catro anos despois da súa elección como alcalde, máis coido que nese pequeno período as cousas non deberon cambiar tanto para invalidar esta fonte aproximativa. 

Nesta relación figuran sesenta e sete contribuíntes na parroquia de Corzón. Non sabemos cantos veciños quedaron fóra deste listado por carecer de bens, en todo caso pola posición que a persoa obxecto destas palabras ocupa no mesmo non hai ningunha dúbida sobre a súa inclusión entre os máis podentes da freguesía. Cristobal González aparece no terceiro posto cun valor impoñible de 2.820 reais. Só estaba por detrás de Antonio Maceiras Otero (Maneiro de Quintáns), o máis rico da parroquia nese momento cun valor impoñible de 3.580 reais; e de Manuel Cernadas Alvite (Calleghas de Busto, aínda que daquela era coñecida pola casa do Carballeira), cun valor de 2.910 reais. 

O feito de contar cunha labranza xenerosa non ía aparellado obrigatoriamente á posesión de coñecementos de lectura e escritura. Por outras investigacións nas que ando descubrín que o primeiro contribuínte da freguesía, Antonio Maceiras, non sabía asinar e por conseguinte nin ler nin escribir; circunstancia que o deixaría fóra do reducido grupo de veciños con posibilidades de ser elixidos para exercer cargos municipais. Ese non era o caso do Cristovo de Sanfoga que, ademais de estar a fronte dunha casa de bo labrador, tiña un traballo complementario que requiría para o seu desenvolvemento unha mínima educación redrada.

Ás veces para conseguir unha pequena información hai que percorrer varios arquivos e consultar moreas de papeis; outras pola contra, os datos veñen na túa procura case sen buscalos. Nun documento pertencente ao meu arquivo persoal relativo ás operacións de reparto dos bens de Pedro Antonio Canosa de Caamaño (o bisavó de miña bisavoa de Beba), figura Cristobal González como PARTILLEIRO, é dicir, como o responsable da realización da partilla. Para o desempeño desta profesión, a maiores do dominio da lectura, da escritura e das sonadas catro regras; precisábanse certas nocións de xeometría e coñecer o manexo do principal aparello de medición daquel tempo: a vara. Estamos, xa que logo, diante dun home cunha preparación moi superior á que podían ter a inmensa maioría dos seus veciños nun tempo en que o analfabetismo atinxía a cerca do 90% da poboación rural.

Precisamente o citado Pedro Canosa (Varela de Beba) sería alcalde de Mazaricos uns anos despois de Cristobal, concretamente entre xaneiro de 1843 e abril de 1846. Con posterioridade a esta época pasaría a ostentar o cargo de secretario municipal, función que desempeñaría ata a súa morte en 1856. Foi nese ano cando o Cristovo de Sanfoga realizou a partilla dos bens do defunto, estampando a súa sinatura na última folla como era costume. 

Cristobal González volvería ser alcalde de Mazaricos entre xaneiro de 1850 e decembro de 1851. A diferencia dos primeiros anos dos que non contamos con ningunha información sobre a súa xestión a fronte do Concello, deste segundo mandato conservamos, aínda que fragmentariamente, as actas de pleno. 
Isto é canto podemos dicir por agora de Cristobal González. Intentaremos ampliar a información en futuras investigacións, ademais de dar cadra do seu labor como mandatario municipal nos dous últimos anos citados anteriormente. 

Ilustramos estas liñas cunha montaxe na que, sobre o territorio de Mazaricos representado no Mapa de Galicia de Domingo Fontán (1834), engadimos dúas imaxes: unha da procesión do día de San Cristovo de Corzón e a outra da sinatura de Cristobal González capturada dunha acta de pleno.  

  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

       

                      
 

comentarios