Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Picota: Sesenta anos como capital de Mazaricos

Rural da A PIcota-Mazaricos
A Picota: Sesenta anos como capital de Mazaricos

Para a máis axeitada comprensión das novas apartacións deste artigo véxome da obriga de repetir algúns datos dos que xa dei cadra en artigos anteriores publicados neste mesmo xornal: “O xurista mazaricán José Reino Caamaño e a construción da Casa do Concello”, “A Casa do Concello de Mazaricos foi proxectada polo prestixioso arquitecto Santiago Rey Pedreira”, “Os homes e mulleres que construíron a Casa Consistorial de Mazaricos” e “A antiga Casa do Concello de Mazaricos no lughar de Atán”.

Dende a creación do Concello de Mazaricos en 1836 a súa capitalidade sufriu diferentes cambios de emprazamento ata que a construción da actual Casa Consistorial no núcleo urbano da Picota provocou o abandono do antigo Consistorio do lughar de Atán. O entusiasmo da corporación municipal por este proxecto intentou, con anterioridade á súa materialización, rematar coa distante situación do Xulgado de Paz radicado en Beba e da administración municipal, como xa dixen en Atán, e emprazar os dous organismos na Picota.

Os trámites para o levantamento da nova Casa do Concello iniciáronse coa doazón dos terreos necesarios efectuada por meu bisavó BENITO JURJO. O documento definitivo desta xenerosa contribución aos bens municipais está datado o 17 de xaneiro de 1952, na aceptación que o Concello fai da mesma xa queda implícita a intención municipal de construír un novo Consistorio, construción que segundo estipulaba unha das cláusulas da doazón, tería que iniciarse nun prazo de cinco anos; se non fora así o terreo tería que ser devolto ao doante. Con este requisito Benito Jurjo, coñecedor da desesperante lentitude da que padecen todas as accións gobernativas, asegurábase a materialización do futuro edificio público cunha relativa dilixencia.

Aquela corporación presidida por José Antelo Ramos (Martiño de Mámoas) quería efectuar os cambios aludidos sen ter que esperar á edificación da Casa do Concello. No pleno do 6 de febreiro de 1952 para facer cumprir “los deseos expresados por el vecindario de este municipio, acuerda solicitar del Excmo. Señor Gobernador Civil de la provincia que se digne autorizar a este Ayuntamiento para trasladar para La Picota, las dependencias municipales de este Ayuntamiento, por estar enclavada dentro de la parroquia que da nombre a este Municipio y estar considerada a todos los efectos como capitalidad del mismo y centro geográfico de este Ayuntamiento de Mazaricos y por contar en dicho lugar con local adecuado para su instalación mientras no se construya el que tiene en proyecto”. Os edís da época xa consideraban A Picota como a capital municipal pese a que este título non fora xestionado e faltaban aínda moitos anos para que conseguira este estatus oficialmente. Na mesma sesión fan outro tanto respecto ao Xulgado, decidindo solicitar que o Presidente da Audiencia Territorial ordene trasladar este organismo dende Beba á Picota, comprometéndose o Concello a procurarlle “un local en condiciones de capacidad y decoro según el rango que la función judicial requiere”. Non remataron aquí os acordos daquel día: a corporación tamén facultou ao Alcalde para buscarlle acomodo axeitado na Picota ás mencionadas institucións.

Polo pleno do 28 de xuño de 1952 coñecemos o avance destas xestións. As respostas dos organismos superiores deberon ser positivas. Neste sentido xa se procurara un local de alugueiro para instalar o Xulgado de Paz e o Rexistro Civil, despois dalgunhas pequenas reformas que correrían a conta do Concello, ocuparía dende o seguinte mes parte do baixo da casa nova do Relo, no mesmo inmoble no que funcionaba a Sala de Festas que posuía esta familia e que abría todos os sábados de feira. Foi moito máis complexo atopar un emprazamento amplo e digno para o Concello, na data mencionada os membros da corporación instan ao Alcalde a que siga buscando. Mais esta tarefa non tivo froitos e a Municipalidade permaneceu en Atán ata que se rematou o novo Consistorio.

As xestións para a construción da Casa do Concello debido á falta dos cartos precisos demoráronse máis do desexable. Facendo un seguimento das actas municipais de pleno sabemos que ata o 26 de decembro de 1953 non se pasa á acción tomando a decisión de encargar un proxecto do edificio que se quere erguer ao profesional que se considere pertinente; era naquel intre Alcalde Segundo Santiago Pereiro (Patricio de Fornís). Este proxecto será presentado en xuño de 1955 polo prestixioso arquitecto coruñés Santiago Rey Pedreira, para ser aprobado un ano despois: o 23 de xuño de 1956 sendo Alcalde Fructuoso Pérez Alvite (Cirolán de Suevos). Con este novo mandatario o proceso acelérase: no concurso organizado para adxudicar as obras, estas foron encomendadas o 6 de novembro 1956 ao construtor noiés Antonio Mato Blanco pola cantidade de 862.345,25 pesetas, aínda que despois de dúas revisións do proxecto á alza viñeron custando aproximadamente 1.245.041,23 pesetas. Nese mesmo mes, o día 30, comezaba a construción coa explanación dos terreos. As obras continuaron a bo ritmo e a finais de 1958 a parte arquitectónica xa estaba rematada. Nos primeiros días de novembro dese ano tamén será cesado polo Gobernador Civil da Coruña o Alcalde Fructuoso Pérez Alvite por outras xestións que xa teño tratado e que agora non veñen a conto. Os traballos continuaron coa carpintería interior e exterior, a instalación de auga, de electricidade e a moblaxe das diferentes estancias. O 6 de abril de 1960 estaba listo para a súa inauguración, con este acto protocolario presidido polo Alcalde José Fernández Montáns (Cabrexo de Beba) empezaba o desempeño das funcións para as que fora feito. O novo edificio contaba coa capacidade suficiente para acoller a Casa do Concello e o Xulgado; dispoñendo tamén de dúas vivendas, en principio, para os secretarios de ambos organismos. Non hai moitos anos estes espazos domésticos desapareceron para dar cabida a novos servizos municipais. Sobre os evidentes valores funcionais e estéticos do inmoble xa tratei longamente nun dos artigos citados ao principio destas liñas.

A Casa do Concello de Mazaricos
A actual Casa do Concello de Mazaricos

Este cambio real do traslado do Consistorio e do Xulgado para A Picota é o que debemos valorar para considerala como capital de Mazaricos aínda que sexa de feito, a pesar de que oficialmente o lughar de Atán seguiu conservando este estatus.

Os primeiros intentos para mudar esta situación déronse durante o mandato de Manuel Pérez Villaverde (Viro de San Cosme). Na sesión plenaria do 6 de xullo de 1977 proponse “el cambio de la capitalidad de este municipio de Atán donde se hallaba anteriormente la Consistorial para La Picota donde se halla actualmente tal Consistorial y todos los demás centros oficiales de la localidad, núcleo este de mayor población, con mejores vías de acceso y donde se celebran dos ferias mensuales y mercados a la vez”. Acordándose por unanimidade “que se soliciten los informes precisos de la Excelentísima Diputación Provincial y más organismos llamados a intervenir en el asunto, hasta ahora no realizados, y luego se dé cuenta de todos ellos para poder interesar a la superioridad, y una vez expuesto al público el expediente, efectuar el cambio de capitalidad”.

Descoñezo se os trámites propostos foron realizados, todo parece indicar que se así foi non alcanzaron o obxectivo desexado, só así podemos entender que este asunto desapareza das actas para non reaparecer ata quince anos máis tarde con outro Alcalde e cunhas circunstancias políticas moi diferentes.

Será xa despois de consolidada a democracia en todas as institucións gobernativas cando o Alcalde Xoán Manuel Ramos Rodríguez (Ghavín de Ghrille) dite unha providencia o 10 de febreiro de 1992 para iniciar as xestións para o cambio de capitalidade. Dous días máis tarde, o 12 de febreiro, a secretaria municipal emite un informe avalando o traslado desexado. Na mesma xornada novamente o Alcalde fai unha proposta neste sentido para ser considerada no seguinte Pleno Municipal. Esta sesión terá lugar o 10 de marzo e nela a corporación decidirá por unanimidade “o cambio de capitalidade do Concello, que na actualidade figura en Atán se traslade para A Picota”. Tamén se acorda remitir o acordo á Deputación Provincial para que emita informe e á Comunidade Autónoma; expoñer ao público o presente acordo por un prazo de 30 días para que os particulares e Entidades que se crean prexudicadas poidan presentar reclamacións; e notificar o presente acordo ao Ministerio para as Administracións Públicas para ser reflectido no Rexistro de Entidades Locais. Efectuados todos estes requisitos que se prolongaron ata mediados de 1994, aínda haberá que esperar ata o 16 de maio de 1996 para que apareza publicada no Diario Oficial de Galicia a aprobación definitiva do cambio de capitalidade. Nese intre xa era Alcalde José Manuel Santos Maneiro (Xastriño de San Cosme).

No expediente aberto para levar a cabo esta acción municipal figura un informe escrito en castelán sen data nin autoría no que, sen aludir ao traslado da capitalidade, se propón trocar o nome que ten o Concello dende a súa fundación, ou sexa, substituír Mazaricos por A Picota e así facer coincidir, como ocorre na maioría dos municipios de España, a denominación da capital coa do Axuntamento. Esta posibilidade se nalgún momento foi contemplada debeu desbotarse xa que nin tan sequera figura como proposta previa en ningún dos acordos tomados. Con relación a este tema, lembro que cando o pleno municipal aprobou o cambio de capitalidade tivo certa cobertura informativa, incluso foi noticia nalgún informativo da Televisión de Galicia onde saíron algunhas persoas de Mazaricos opinando sobre este cambio, varios comentarios aludían tamén a unha suposta substitución de Mazaricos por A Picota para nomear o Concello, manifestando a súa total oposición. Pola contra, todas as respostas foron favorables ao cambio de capital.

A Picota tivo que agardar trinta e seis anos dende o traslado do Consistorio en 1960 para que a capitalidade que xa ostentaba de feito dende o ano sinalado lograra o recoñecemento oficial. O pasado 6 de abril cumpríronse sesenta anos da inauguración da Casa do Concello, data na que debía escribir este artigo, mais naquel momento esqueceume. Acordoume agora, uns meses antes de cumprir os sesenta e un na vindeira primavera. Máis vale tarde que nunca.

  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios