Venres. 29.03.2024
El tiempo

Aqueles esforzados carretos doutros tempos

Carro de Vacas historia Mazaricos
Un carreto nunha tarxeta postal das primeiras décadas do século XX
Aqueles esforzados carretos doutros tempos

“Se queres que o carro cante
móllalle o eixe no río,
despois do eixe mollado
canta coma un asubío”

Popular

Baixar a costa foi moi traballoso. A pronunciada pendente intensificaba o peso da carga na parte dianteira, acelerando os carros e poñendo en perigo as vacas; sentiron en moitos intres que as patas non termaban delas debido ao preminte empuxe das toradas de piñeiro, ao imparable virar das rodas e á abafante calor do verán. En máis dunha ocasión estiveron a piques de caer ao chan provocando, se así fora, que a carrada lles pasara por riba, mancara os seus corpos, estragara os apeiros e desbaratara os cargamentos de madeira. Mais a sorte, a curtida resistencia dos animais e a experiencia dos condutores do convoi lograron cumprir este nada doado traxecto sen novidade. 

En condicións difíciles non valía calquera persoa para o manexo dun carro. Cargalo axeitadamente xa era unha tarefa para a que se requiría temperanza e un forte sentido do equilibrio. Se a carga ía moi dianteira nas costas abaixo era un suplicio para os animais. Se, pola contra, se sobrecargaba a parte traseira pasaba outro tanto nas costas arriba. Xa nos lembra o dito: “O carro ben cargado nin moi dianteiro nin moi derradeiro”. Xa postos ao camiño, mellor ou peor cargado, cando o peso era moito como vimos anteriormente, sempre se podían presentar problemas. A persoa que conducía o carro tiña que seguir un atento labor de espreita para remediar a excesiva rapidez do vehículo facendo parar e descansar a xugada cando a situación así o aconsellase. En todo momento debía adiantarse a calquera mostra de debilidade das vacas impedindo que baixaran a cabeza, pois se isto ocorría nas costas abaixo o carro pasáballes por riba. Nas subidas se o carro ía moi derradeiro, é dicir, excesivamente cargado no lado traseiro, podía erguerse da parte de diante dificultando aínda máis o traballo dos animais; nesas ocasións era costume poñer a carranchaperna sobre a cabezalla un rapaz ou non tan rapaz para que, co seu peso, equilibrara a carga e axudara na fatigosa ascensión. 

Hoxe aquí tratamos dun carreto de madeira aínda que as subidas e baixadas máis numerosas do carro era as que facía ao monte na procura de batume co que se estraban as cortes ou de toxos xa máis medrados cos en moitos lughares alimentaban o lume do lar e quentaban o forno todas as semanas. Estas carradas eran máis difíciles de equilibrar, xa que segundo ían aumentando en altura tamén se dilataban en todas as direccións dando lugar a unha especie de tronco de pirámide invertido. Á persoa que arrombara o mato no carro facíanlle falta todos os seus coñecementos nesta materia para que aquelas efémeras e cinéticas arquitecturas chegaran ao seu destino sen maiores atrancos. 

Pero volvamos á tarxeta postal das primeiras décadas do século XX que ilustra estas palabras. Despois da esforzada rodada pola valgada montesía chegaron ao fondo do val atravesado pola vivificante presenza dun río. Non hai ponte para cruzalo, case mellor, o primeiro carro intérnase no caudal e as vacas recuperan os folgos saciando a sede e refrescando os acalorados e suados corpos, agora coas testas erguidas xa están preparadas para continuar o labor. A segunda xugada, aínda máis cansada, foi desenganchada da carga e por uns curtos instantes recupera as perdidas forzas libre de lastres nas salvíficas augas corredías. Os carros xa rincharon con lento compás cando descendían do piñeiral, pero como nos lembra a cantarea coa que abrimos estas liñas, agora co eixe mollado amplificaranse os seu acordes en volume e extensión tonal, enchoupando o ambiente dunha das moitas melodías coas que mundo campesiño enaltecía a épica do traballo, a épica da dura supervivencia diaria. 

Ata non hai tanto, nun tempo no que o tecido viario polo que podían circular os vehículos a motor era moi escaso, cando nunha casa se vendía madeira recibía a desinteresada axuda dos seus veciños que puñan o carro, as vacas e o persoal necesario para axudar no carreto dende as altas e pronuncias lombas ata algún serradoiro da contorna ou á estrada máis próxima onde puidera cargala un camión. Eran as vellas solidariedades da comunidade labrega que se manifestaban, con máis ou menos intensidade, sempre que facían falta: carrexando a herba seca o día que se facía o palleiro ou colaborando no transporte dos materiais necesarios (pedra, madeira, tella,…) cando algunha familia se poñía a construír unha casa, un suleiro,…; por citar só dous traballos onde a presenza dun bo número de carros xogaba un importante cometido. 

Estas axudas recíprocas estaban enraizadas en séculos de convivencia entre iguais, mais tamén se deran noutras situacións. Os señores da terra no antigo sistema feudal aforábanlle unha boa parte das mesmas aos labregos a cambio dunha renda e de certos servizos. Un destes servizos que tiña que cumprir o arrendatario era o de carretar as cargas que o señor precisara transportar en calquera tempo. Estas obrigas tamén podían ser esixidas polas diferentes instancias gobernativas ou por importantes institucións eclesiásticas, aínda que nestes casos normalmente eran remuneradas. Así, cando a mediados do século XVIII se construíron os arsenais de Ferrol, todos os que posuíran un carro en varias leguas á redonda tiñan o deber de concorrer nas datas que lle sinalaran para o transporte dos materiais necesarios para erguer aquelas inmensas e sólidas arquitecturas. Un exemplo máis achegado témolo na catedral de Santiago que despois do seu remate no 1211 continuou cun proceso case continuo de melloras, reconstrucións e ampliacións que chegou ata os últimos anos do século XVIII, e para o que foi preciso cantidades inxentes de pedra, de cal, de madeira,… que tiñan que ser carrexadas polos labregos da contorna. Como dixemos, a pesar de que recibían un salario por este servizo, eran poucas as persoas que deixaban de boa gaña a súa casa e as súas tarefas diarias para estragar os carros e baldar as vacas en traballos tan intensos e continuados.

Quizais o traballo das persoas e dos animais inmortalizados na foto que comentamos teña algo que ver con algún servizo remunerado ou non; a presenza dos dous personaxes situados nun segundo plano, un moi traxado e o outro sen chaqueta pero lucindo unha gravata, semellan controlar as tarefas aínda que sen poñerlle un dedo a tan extenuantes ocupacións. Estes dous figurantes contrastan vivamente co curtido e austero paisano que sostén a vara en alto, e co outro situado na marxe dereita que parece un rapazote, e do que só vemos unha perna mal vestida apoiada nun pé descalzo. Non coñecemos a natureza da relación entre tan dispares figuras: pode ser a duns contratantes e contratados para facer este carreto ou a duns caseiros obrigados polos arrendadores a realizar esta encomenda.

O seguinte texto citeino noutra ocasión, mais neste caso coido que vén moi a propósito e vanme permitir os meus sufridos lectores que para rematar volva lembralo. No ano 1940/41 o director galego de cine ANTONIO ROMÁN dirixiu un documental sobre o carro do país con guión do inesquecible etnógrafo e arqueólogo XAQUÍN LOURENZO “XOCAS”. Aquela obra titulada “O carro e o home” foi rodada en Lobeira, na Limia ourensá. Pola información que nos aporta e polo valor estético das imaxes é hoxe unha peza fundamental do noso patrimonio cinematográfico. No último plano deste filme aparece unha recua de carros recortados a contraluz sobre a afastada liña do horizonte, conformando unha emotiva imaxe cargada de simbolismos épicos reforzados pola voz en off de “Xocas”: “e o carro seguirá rolando polas nosas congostras e polos nosos montes, dando ó ar a queixa da terra asoballada, e o canto de espranzas dun mañán, cecais lonxano, máis seguro, fito do noso pobo, e fito da nosa cultura, fito do noso home, fito do noso campesiño, e segue rolando cara o porvir.”

Coido que o porvir que desexaba XOCAS non é este que estamos a vivir, de todos os xeitos xa pasaron os tempos nos que os carros cantaban polos camiños e corredoiras da Nosa Terra. O progreso das últimas décadas converteu as tortuosas corredoiras e os escanastrados camiños en pistas asfaltados e os vellos carros de vacas co seu agudo e cadencioso asubío, en concordancia coa renovación integral das estruturas e infraestruturas agrarias das nosas explotacións, foron substituídos polo monótono e afónico boureo dos tractores; mais nas nosas lembranzas sempre estarán presentes.

  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios