Xoves. 18.04.2024
El tiempo

O silencio das campás e o continuo ouveo dos teléfonos

CAMPANARIO CORZÓN Mazaricos
O campanario parroquial de Corzón (Mazaricos), moi característico pola súa construción separada da igrexa.
O silencio das campás e o continuo ouveo dos teléfonos

“E ti, campana de Anllóns,
que vagamente tocando
derramas nos corazóns
un bálsamo triste e brando,
de pasadas ilusións

             Eduardo Pondal

As campás xa non se tocaban coma noutros tempos, ultimamente entre nós só soaban nos enterros, nos funerais e nos cabos de ano. Dende hai  máis dun mes enmudeceron de maneira parella a como o fixo todo o País de portas para fóra.

Agora os teléfonos son os símbolos por excelencia da imparable vertixe da sociedade contemporánea, e nestes días tamén demostraron a importante fin social que poden cumprir. As campás, dentro da cultura tradicional da Nosa Terra, tiñan unha función parecida, ademais de comunicar a uns veciños con outros, tamén transmitían tódolos seus temores e esperanzas á Divindade. Cada parroquia segue presidida polo seu campanario, eses orgullosos mastros que coroan as naves nas que os crentes navegan por este mundo cun sentido de comunidade transcendente, consolidado por miles de anos de convivencia compartida e solidaria. 

Mais, como dicíamos, xa fai tempo que a integrada e, ás veces, monótona sonoridade dos sinos, como tamén lle chamaban en tempos pretéritos, non pode competir coas infinitas combinacións melódicas emitidas por unha variada e inmensa masa de teléfonos que, en vociferante manifestación, reclaman a nosa atención. 

No ano 1999 o Concello de Santiago de Compostela, entre os numerosos actos e actividades das festas patronais do Apóstolo, organizou un concerto de campás no que interviron tódalas que hai na cidade. Logrando un espectáculo festivo posuidor da gravidade e da solemnidade que revestían os rituais de épocas pasadas. O son dos sinos e o estoupido da pólvora eran dous compoñentes imprescindibles sen os cales non se podía concibir ningún festexo. O chisporrotear incontrolado das bombas e o badalar metódico e medido das campás, representaban o momento álxido da cerimonia, o clímax; pero tamén participaban no primeiro anuncio coas alboradas e no remate coas sempre temidas  desfeitas.  

Pero as campás, eses enormes e abovedados vasos de bronce pendurados entre un Deus, cada vez máis silencioso, e os homes, non só presidían coa súa autorizada voz as misas e as romarías, senón que pautaban e regulaban o tempo de descanso e de traballo: o toque de alba cantado por Rosalía coa melancolía da irrecuperable felicidade dos anos mozos, o “Ángelus” pintado con impoñente recollemento por Millet,... Neste sentido, non faltaban como parte importante dos adros parroquiais os cuadrantes ou reloxos de sol que, durante o día, orientaban do devalar das horas aos curas e sancristáns. Os sinos anunciaban tódolos acontecementos do vivir labrego. Os momentos transcendentais da existencia: nacementos, vodas, falecementos,... As pragas e calamidades que se abatían sobre a veciñanza: incendios, inundacións, pestes,... As grandes glorias do devir gobernativo: as vitorias na guerra, a proclamación dun rei, a chegada dun herdeiro,... E maiormente, rogaban por todo e por todos: pola chuvia, polo sol, polas colleitas abondosas, pola saúde,... Nas campás toda a comunidade parroquial latexaba coma un só e poderoso corazón.

As catedrais e os mosteiros acostumaban ter un número amplo de campás, pero as nosas igrexas parroquiais, polo xeral, unicamente contaban con dous exemplares: a grande e a pequena. A voz grave e a voz aguda que, acompasadas pola sabedoría dos nosos campaneiros, constituían unha linguaxe cunhas regras que o tempo fora consolidando no seo da freguesía. Regras que había que cumprir para que a mensaxe chegara satisfactoriamente aos receptores. Dende a maxestosa morosidade do toque a morto ata o arrebato atronador do repenique de festas e procesións; os sinos dábanlle forma cos diferentes ritmos do seu código sonoro a todo un mundo de vivencias nas que se mesturaba o sagrado, o profano, o épico e o pastoril.  

Volveran tocar outra vez os sinos ou os vieiros polos que transitamos están tan afastados de todo o que representan que xa non poderemos entendelos. O tempo ha de darnos a resposta. 

Ilustramos estas palabras cunha imaxe do campanario da igrexa de San Cristovo de Corzón (Mazaricos). Como vedes ten as súas singularidade: en vez de formar parte do templo atópase totalmente exento e situado a maior altura. Cando o construíron no ano 1876 en substitución dunha espadana de ferro forxado que estaba en mal estado, como a igrexa se atopa nunha fondeira, supoño que decidiron emprazar a estrutura que porta os sinos nun lugar próximo pero máis  elevado para que cumprira mellor a súa función comunicativa. Non é o único campanario desta tipoloxía, sen saír da Costa da Morte temos o da Igrexa parroquial de Muxía. Neste caso erguérono sobre un outeiro que está en fronte da fachada principal do templo.    

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

 

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios