Martes. 23.04.2024
El tiempo

Cando Beba foi a capital de Mazaricos

“Os de Beba son señores,
os de Beba son alcaldes,
os de Beba son señores,
secretarios, xueces e capadores”.

Popular

Beba Capital de Mazaricos
Cando Beba foi a capital de Mazaricos

Nalgúns artigos anteriores teño aludido aos tempos nos que a Casa Consistorial de Mazaricos estivo en Beba. Nas seguintes liñas intentarei afondar algo máis nese período histórico do noso Concello.

Antes de introducirnos no miolo do asunto vou dar conta dalgúns antecedentes. Como xa dixen noutro lugar o deseño dos concellos desta provincia foi realizado polo Goberno Civil da Coruña, e agás unhas poucas alegacións que fixeron as forzas vivas dalgúns lugares moi concretos, non foi o caso de Mazaricos, a proposta gobernativa saíu adiante con escasos cambios e sen a participación dos principais implicados: os habitantes deses novos axuntamentos. Así cando en 1836 se constituíu o Concello de Mazaricos, seguramente por indicacións da citada instancia superior, púxose a capital no lughar do Outeiro, pertencente á parroquia que lle dá nome ao municipio. Non temos datos para valorar o acollemento que esta medida tivo entre as elites daquel tempo. Aínda que o citado lughar estaba máis ou menos no centro do territorio municipal, non formaba parte do eixo no que se situaban as familias máis poderosas e influentes por aquela altura, refírome ás tres parroquias que bordean o río Beba: Coiro, Beba e Colúns. Mais algo me di que sen manifestar unha notoria desconformidade non quedaron satisfeitas. Un indicador significativo pode ser o feito de que cando en 1855 se creen os xulgados de paz, esta nova institución xudicial non se radicou no núcleo que acollía a Casa Consistorial, que sería o máis aconsellable, senón que o fixo en Beba. Penso que esta decisión estivo motivada polas presións que exerceron certos sectores das parroquias aludidas.

Beba Capital de Mazaricos 2
Nesta fotografía de José Fariña Tojo de 1969 observamos, entre outras construcións, a casa propiedade do Surxano, é a que ten balcón, que foi onde estivo o Xulgado de Paz en Beba ata o seu traslado Á Picota en 1952.

Dende a creación dos concellos en 1836 houbo distintas propostas de reforma e en diferentes épocas segundo a provincia. Para o noso caso interésanos moito un proxecto desenvolvido pola Deputación da Coruña en 1842 que reducía á metade os axuntamentos que a compuñan.

Centrándonos no noso ámbito xeográfico máis achegado ata ese momento o Partido Xudicial de Muros estaba, e seguiría estando, composto polos concellos de Carnota, Muros, Outes e Mazaricos; na resolución aprobada polo ente provincial o 5 de abril do citado 1842 quedábanse en dous: ao Axuntamento de Muros engadíaselle o de Carnota que desaparecía, e as parroquias outenses de San Cosme de Outeiro, Roo e Sabardes. Coas doce freguesías de Mazaricos e as restantes de Outes, é dicir, Matasueiro, Valadares, Outes, Santo Ourente de Entíns, Santa María de Entíns, Cando e Tarás, formaríase un novo Concello chamado BEBA e que tería a súa capitalidade nesta última localidade. Este proxecto, de ir adiante, sería de grande interese para este núcleo mazaricán ao poñerse á fronte dun Municipio que ía dende as proximidades da Ponte de Brandomil ata A Ponte Nafonso. Mais a pesar do visto e prace da Deputación non conseguiu os apoios necesarios en instancias superiores e a situación non mudou.

No ano 1870 sendo ministro de “Gracia y Justicia” o galego Eugenio Montero Ríos créanse os Rexistros Civís nos que a partir do 1 de xaneiro de 1871 será obrigatorio inscribir todos os nacementos, matrimonios e defuncións. Este novo organismo intégrase nos Xulgados Municipais de Paz e, polo tanto, engrosará os servizos prestados dende Beba por esta institución xudicial.

Beba Capital de Mazaricos 3
Instantánea da lápida de JULIÁN SANCHIÑO CAAMAÑO no cemiterio de Beba. Este foi o Alcalde que trasladou a capitalidade do Concello dende O Outeiro de Mazaricos a Beba.

O 1 de xaneiro de 1902 chagará á Alcaldía de Mazaricos JULIÁN SANCHIÑO CAAMAÑO da casa do Serena de Vilariño de Beba. Sempre se dixo que fora este rexedor o que trasladou a Casa Consistorial dende O Outeiro de Mazaricos ao lughar de Beba. E así foi, mais non o fixo dunha maneira inmediata, houbo que esperar uns anos. Na acta da sesión plenaria do 19 de decembro de 1906 o citado Alcalde daba cadra do mal estado en que se atopaba á edificación alugada na que se atopaba a Casa do Concello, como xa dixemos situada no Outeiro: cos pisos de madeira totalmente podrecidos e cunhas reducidas dimensións incapaces de acoller axeitadamente todos os servizos do Axuntamento. Tamén informa de que nesa aldea non hai ningún edificio dispoñible para instalar coa debida dignidade e decoro a institución municipal. Diante desta situación e tendo presente que “el punto más céntrico y de mayor núcleo de población dentro del Distrito es el lugar de Beba enclavado dentro de la parroquia del mismo nombre, por lo cual se halla ya establecido allí el Juzgado municipal; dicha Corporación por unanimidad, acuerda: Que desde luego se trasladen las citadas oficinas al mencionado lugar de Beba, estableciendo en el mismo la Casa Consistorial, a cuyo efecto se libren por la Alcaldía los oportunos edictos que se fijen en las parroquias que comprende este Distrito, inscribiéndose además uno de ellos en el Boletín Oficial de la Provincia, abriéndose el oportuno concurso entre los propietarios del referido lugar de Beba, a fin de que cada uno pueda ofrecer sus edificios para la instalación de las oficinas de este Municipio”.

A seguinte noticia que temos sobre este asunto ofrécenola a acta do pleno do 18 de xaneiro de 1907, pola que sabemos que ao concurso convocado polo Concello para alugar unha casa unicamente se presentou Florinda González, viúva de Manuel Martínez Lado (o Conde de Beba), un curto saído da que máis tarde foi coñecida pola casa do Sevillano da mesma poboación, e que logrou unha considerable fortuna na emigración coa que mercou numerosas propiedades na súa aldea e parroquia, entre elas o Pazo de Fontán, o edificio que ocupaba daquela o Xulgado e este que agora nos interesa. Segundo a súa propietaria reunía “las condiciones debidas para ello, conocido vulgarmente con el nombre de “CASA da CABREIRA”, situado en el repetido lugar de Beba, lo proponía al Ayuntamiento por el precio de quinientas pesetas anuales, a condición de que la recurriente quedará relevada de hacer obras algunas en dicha Casa, siendo además de cuenta del Ayuntamiento los blanqueos que se precisen y con la obligación de que al rescindirse el contrato de arriendo por cualquier causa, habrá de entregarle el referido edificio en las mismas condiciones que lo está actualmente”. A Corporación considerando que ao non haber máis propostas e que a construción reunía as condicións requiridas decide por unanimidade asinar o correspondente contrato e facer o cambio o antes posible.

smart
Fachada principal da CASA da CABREIRA (Beba), na que estivo instalado o Consistorio de Mazaricos entre 1907 e 1924. Con posterioridade a este último ano serviu como vivenda.

Así se fixo e a partir da sesión do 1 de febreiro de 1907 as actas municipais iniciaranse co seguinte encabezamento: “En la Casa Consistorial del Ayuntamiento de Mazaricos, sita en el lugar y parroquia de Beba…”.

A Casa da Cabreira con algunhas reformas aínda está en pé. A súa designación debe derivar do nome da paraxe na que se sitúa: entre o remate do Lughar de Riba e a igrexa parroquial. A día de hoxe está en fronte das instalacións de transformación cárnica do Grupo González de Rebeiroa. É unha casa de dúas plantas, para os estándares actuais relativamente pequena e baixa, con algunha construción auxiliar apegada e realizada en pedra á maneira tradicional do País. Nesta edificación instalouse a partir da data referida a Casa do Concello de Mazaricos por un período de tempo máis pequeno do que os veciños de Beba desexarían.

Julián Sanchiño mantívose na Alcaldía ata o 4 de outubro de 1923, o mandato máis longo da historia de Mazaricos. Tan enraizado estaba que tivo que ser o Golpe de Estado efectuado na noite do 12 ao 13 de setembro de 1923 polo xeneral Miguel Primo de Rivera o que, rematando co débil sistema constitucional español, expulsara unhas semanas despois ao alcalde de Mazaricos do seu cargo. Por eses tempos a súa saúde xa non debía ser boa, pois falecería o 13 de novembro de 1925 aos 68 anos de idade.

Coido que foron as elites de Beba ás que lle propuxeron ás autoridades provinciais emanadas do novo réxime a persoa que debía substituír ao anterior rexedor, desexosas de que non houbera cambios drásticos con relación ao período que viña de rematar. O escollido foi Celestino Pena Esperante (o Laranxo de Beba), un home ao que non se lle coñecían especiais inclinacións cara ao mundo da política pero que era sobriño de meu bisavó Antonio Pena González (o Varela ou o Pena de Beba), un dos máis interesados en que certas cousas non mudaran.

A súa permanencia á fronte do Concello foi efémera, o 24 de marzo de 1924 será relevado por José Riomayor Martínez (o Riomaior de Insua). Este novo Alcalde, entre outros cambios contrarios aos intereses das elites de Beba, mudará nese mesmo ano a Casa Consistorial ao Lughar de Atán, como xa tratei dende este mesmo perfil nun artigo anterior. Naquela ocasión lembraba un feito de tradición oral referente ao traslado de toda a documentación municipal arquivada na Casa da Cabreira ata ese momento. Parece ser que o encargado de realizar este traballo foi o Juanito de Lagho: un home destemido e con sona de preiteante. Para acometer a encarga puxo as vacas ao carro e alá foi dende a súa aldea ata o lughar no que estivera ata uns días antes a capitalidade. A tarefa non era moi apetecible pois en Beba os ánimos estaban algo alterados pola perda desta institución aínda que, máis alá dalgunha mostra de agresividade verbal, o improvisado transportista cargou o carro cos papeis e púxose outra vez ao camiño sen maiores incidencias.

Un dos acordos que tomou a Corporación presidida por Celestino Pena foi o nomeamento de D. Jenaro Rodríguez Suárez como médico titular do Concello de Mazaricos. Unha decisión á que no futuro inmediato lle darán moitas voltas e reviravoltas, mais agora o que nos interesa é que ao quedar baldeira a Casa da Cabreira será alugada por este, transformándoa para vivenda e consultorio médico. Beba a pesar de perder o Consistorio, ademais de conservar o Xulgado Municipal de Paz ata 1952, seguirá prestando importantes servizos ao resto do Axuntamento.

smart
Fachada posterior da CASA da CABREIRA (Beba), na que estivo instalado o Consistorio de Mazaricos entre 1907 e 1924. Con posterioridade a este último ano serviu como vivenda.

Don “Ghanaro”, como o chamaban todos, non era un descoñecido, aínda que procedía de Esteiro (Muros), súa nai fora do Suárez de Beba e o novo médico contaba con propiedades nesta aldea e nos seus arredores, entre elas un lughar con caseiros en Coiro.

Encabezamos estas liñas cunha cantarea que pode ser unha boa mostra do optimismo e da fachenda que por aquelas primeiras décadas do século XX se vivía en Beba. Uns sentimentos que seguramente non eran novos pois ao longo do XIX non faltaron nesta aldea veciños que foran alcaldes, secretarios do Concello, xuíces de paz,… Mais, a maiores de radicarse no seu rueiro as dúas principais institucións públicas, quizais foi durante os anos que vimos de lembrar cando esta concentración se intensificou. Aos alcaldes que xa nomeamos temos que engadirlle o xa citado Antonio Pena González que ostentou o posto de Xuíz de Paz, ademais de realizar variados traballos administrativos para o “Outamento”. No mesmo lughar de Beba, parede con parede, estaba o seu compadre Manuel Otero Riomayor (o Relo) desempeñando o cargo de Secretario do Xulgado. Falecido este último foi o seu fillo D. Miguel Otero Liste o que o substituíu, chegando durante uns anos a ocupar as dúas secretarias: a do Concello e a do Xulgado.

Dos capadores desta parroquia xa tratei nun artigo anterior e sobre os que a cantiga denomina “señores”, é unha categoría demasiado relativa como para poñerme a facer distingos.

En total foron dezasete anos e uns meses nos que Beba foi a capitalidade de Mazaricos, non foron moitos pero deberon ser intensos: ao trafego que levaba xerado o Xulgado dende 1855 había que engadirlle o provocado pola Casa Consistorial: todos os días aparecían caras novas circulando polas cañeiras do lughar co propósito de arranxar este ou aquel trámite. A súa presenza contribuía ao dinamismo económico e social da aldea, alternando nas tres tabernas abertas por aquelas datas: a do Surxano, a do Fermino e a da Conda. Falando con uns e con outros na procura de consellos, testemuñas ou compañía.

No apartado gráfico inclúo a inscrición da lápida de Julián Sanchiño Caamaño que aínda se conserva no cemiterio parroquial. As fachadas principal e posterior da Casa da Cabreira tal como se atopa na actualidade. E unha fotografía de 1969 realizada por José Fariña Tojo na que, entre outras construcións, podemos ver a casa propiedade do Surxano, é a que ten balcón, onde estivo o Xulgado de Paz nos últimos tempos da súa estadía en Beba, como xa dixemos no 1952 foi traslado Á Picota.

  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios