Historia dunha fotografía singular no corazón da Picota
Fora en 1924 cando se iniciaran as xestións para a construción da casa do Riolo, a primeira da Picota e a única ata que o 12 de febreiro de 1932 o matrimonio formado por María Otero Cives e Manuel Maneiro Maneiro (Tallos de Quintáns) solicitaron licenza no Concello de Mazaricos para levantar unha casa “en la finca denominada Encrucillada de Mazaricos sita en el punto denominado Picota”. No mesmo día fai a mesma petición D. Miguel Otero Liste (Relo de Beba) para construír unha vivenda lindeira coa dos anteriores.
Dous anos despois, o 23 de febreiro de 1934, será Benito Jurjo (Burro do Outeiro de Mazaricos) o que tamén pida permiso municipal para erguer unha casa “en el punto denominado Sino, o por otro nombre Picota”.
Nesta embrionaria localidade e nese mesmo ano iniciará a súa andadura unha Ferira de nova creación en terreos cedidos polo Burro e o Riolo. Esta cita comercial en principio de un só día ao mes, co tempo irá ampliando as datas de celebración e o número de afluentes. Á calor do seu dinamismo económico fóronse levantando novas casas: a do Cuco, a de Cacheiro, a do Taberneiro, a de Rei,... Así ata que en 1962 (ano que poñemos de referencia por cuestións que sairán máis adianta) haberá arredor de cincuenta edificios na súa maioría vivendas con algún tipo de negocio no baixo, xeralmente tabernas. Mais no só tabernas, tamén había consultorios médicos, farmacias, entidades bancarias, panaderías, ferraxerías, tendas de roupa e tecidos, escola para nenos e nenas e delegación da Irmandade de Labradores. Non faltaban outros servizos aínda que non tiveran competencia: unha carpintería, unha xastrería, un depósito de sal, unha “molinera”, unha droguería, unha sala de festas, unha fábrica de gasosas, un cine, unha empresa de transporte de viaxeiros, un zapateiro,...
Unha incorporación fundamental para a proxección futura deste núcleo de poboación foi a construción dunha nova Casa Consistorial en terreos cedidos por Benito Jurjo (o Burro). Inaugurándose en abril de 1960 despois de abandonar o vello Consistorio do lughar de Atán. Volvendo as licenzas de obra daquel período, outra obra que me interesa é a da casa de Romero, aínda que non podo precisar cando se realizou, coido que na segunda metade dos anos corenta. Construíuse facendo esquina coa do Tallo nun solar que lle deixou, o xa mencionado, Manuel Maneiro á súa filla Carmen, casada con José Romero Suárez que proviña da casa do Xalleiro de Beba.
Como xa dixemos os do Tallo eran de Quintáns onde tiñan a mellor labranza do lughar. A pesar de ter unha casa na Picota coa súa correspondente taberna a súa residencia seguiron téndoa en Quintáns, pois a taberna só funcionaba os días da feira e polas festas. Esta situación era común a outros moitos negocios da Picota que tiñan uns días de apertura semellantes á taberna do Tallo e continuaban vivindo nas súas casas de sempre.
Sen ir máis lonxe os do Burro estaban nunha situación similar, tiñan dende había anos taberna, estanco e oficina de correos no Outeiro de Mazaricos. A taberna que abriron na Picota atendíana só nos días sinalados máis arriba. Pouco a pouco este estado de cousas foi mudando e entre os ano finais da década dos corenta e o remate do seguinte decenio estas familias pasaron a residir de continuo na que se estaba a converter na vila máis importante do Concello. Podía escribir sobre outras familias da Picota pero para a historia de hoxe os que me interesan son os Tallos, os Burros e os Romeros. O matrimonio xa nomeado formado por Manuel Maneiro e María Oteo tivo oito fillos por esta orde: José, Carmen, Pepa, María, Manuel, Lola, Manuela e Antonio. O home máis vello e a muller máis nova morreron na mocidade. Tomando como referencia o ano 1962, dos seis restantes Carmen, o seu home José e o seu fillo Pepe vivían na Picota porta con porta coa casa principal. Pepa casouse con Pedro Moledo Caamaño do Martelo de Ghosolfre e tiñan tres fillos: José, María e Dominga. María emigrou á Arxentina e estaba solteira. Manuel casou na casa con Carmen Bermúdez Alvite que viñera de cas do Mancebo de Corveira. Tiñan tres fillos: Pepe, Ventura e Manolo; Montse e Chus chegarían máis tarde. Lola contraeu matrimonio co Cristovo de Brandomil, desta unión naceran catro rapaces: Alberto, Maricarmen, Manolo e Pepe; máis tarde viría Carlos. Antonio, o máis novo dos fillos do Tallo, emigrou para A Arxentina e na data indicada estaba de vacacións na Terra.
A casa do Burro estaba e está case que en fronte da do Tallo, ao outro lado da estrada que atravesa a localidade. En 1962 Benito Jurjo xa tiña falecido, e a familia estaba composta pola súa viúva Consuelo Trillo, o seu fillo José e a súa nora Erundina Rodríguez Lema que fora da casa de Reghacho da Ponteolveira. Este matrimonio contaba con cinco fillos: Chelo, Carmen, Pili, Manolita e José Benito; Isabel aínda estaba por nacer.
Despois desta longa relación de parentescos familiares a ver se me centro na fotografía que ilustra este texto que, aínda que non o pareza, é a verdadeira protagonista desta historia. Aludín varias veces ao 1962 porque foi precisamente nese ano cando se tomou a mencionada foto. Era verán e non era un día calquera: era o día de San Xoán, festa grande na parroquia de Mazaricos e por conseguinte tamén na Picota. E xa se sabe, se hai festa: hai festeiros, mesas cheas de xente, comida e bebida abundante e saborosa, calor e canseira por levar moito tempo na mesma postura. Nesta situación para os máis inquedos saír fóra tomar o fresco era unha boa alternativa. Na imaxe non están tódolos festeiros nin tódolos anfitrións, algúns seguirían na mesa enfrascados en transcendentais conversas ou xogando ás cartas. As mulleres da casa andarían recollendo, lavando e deixando todo en orde para a cea. Os restantes témolos acomodados na esquina que forman á esquerda a casa de Romero e á dereita a do Tallo. Aos comensais das dúas familias uníronse as tres fillas máis vellas e máis o rapaz máis novo de José do Burro. Outro clásico dos seráns de día de festa: as roldas de cafés e de conversas polas casas dos amigos e veciños. Neste caso, ademais, as rapazas do Burro deberon traer canda elas un personaxe fundamental nesta historia: o fotógrafo. Polos datos que temos o encargado de inmortalizar este momento foi Jesús do Bertulo de Lagho. Esta casa fai anos que desapareceu debido á emigración dos seus posuidores. Estaba casado con Maruja do Reghacho da Ponteolveira, irmá de Erundina do Burro e, seguramente, estarían el e a muller á festa na casa de súa cuñada. Naqueles tempos unha cámara de fotos aínda era un obxecto moi pouco común. Estas novidades eran cousa de profesionais, de xente podente ou de emigrantes retornados ou en período de vacacións. Este último era o caso do Bertulo que, coma Antonio do Tallo estaba emigrado na Arxentina igual que toda a súa familia, agás súa irmá Josefina casada en cas do Tomaso de Busto.
Coido que xa estamos en posición de ollar a foto con tranquilidade. En cada unha das casas vemos unha ventá, a da dereita de dúas follas verticais está fechada, incluso unha das contras exteriores tamén se atopa cerrada. A da esquerda é de guillotina e está aberta. Dun dos laterais colga un tanque para beber e na parte interior do piar temos a billa da auga, quizais a única de toda a casa. O cano que a sustenta sobresae xenerosamente para poder encher perfias de relativa altura apoiándoas no vertedeiro que, sen lugar a dúbidas forma parte desta abertura ao exterior. Do interior da estancia, con toda seguridade a cociña, achégase fugazmente un home de mediana idade coa gorra na cabeza e tirándolle unha calado ao cigarro que ten entre os beizos. É José do Gorrión de Sanfoga que, pola súa muller Dolores Otero Casais, estaba emparentado con María Otero a mater familias da casa do Tallo. En Quintáns todos lle chamábamos “A Creguiña” porque de solteira fora de cas Creguiño de Sanfoga.
Arredor deste espazo angular sitúanse os protagonistas desta escena de tarde de día de festa. Uns de pé, a maioría sentados, cinco non perden de vista as accións do fotógrafo; pola contra, o resto atópanse pendentes de variadas fontes de interese que non estou en posición de reconstruír. Pero quen son os compoñentes deste grupo heteroxéneo de persoas que un día de San Xoán de 1962 se xuntou neste recuncho da Picota? Como me demorei o suficiente establecendo parentescos liñas máis arriba, agora, agás casos moi contados, unicamente daremos os nomes e a casa á que pertencen sen outra filiación.
Do observador que temos na ventá xa demos cadra. Os demais son como segue: no extremo esquerdo temos a Pedro do Martelo de Ghosolfre coa gorra posta, pantalón e chaleco escuros, camisa branca e unhas fortes mans curtidas no traballo. A moza morena de longas guedellas que está de perfil e abaneando os brazos é Pili do Burro. Detrás dela hai un grupo composto por unha nena, dous nenos e un rapazote. Os tres da esquerda son Maricarmen, Manolo e Alberto do Cristovo de Brandomil. O outro neno que está rodeado polo brazo dereito de Alberto é José Benito do Burro. O mozo que parece moi pendente das accións de Pili do Burro é Pepe de Romero; director da Caixa de Aforros da Picota durante moitos anos e desgraciadamente falecido hai algo máis dun ano. Ao seu lado con vestido branco e os brazos cruzados está Carmen do Burro. A continuación e un pouco máis atrás temos a Antonio do Tallo que ten entre os brazos ao seu sobriño Manolo. As dúas mozas que están de pé son Chelo do Burro cunha chambra de estampado moi churrusqueiro e Maruja do Xalleiro de Beba. Esta última de escuro e coa saia plisada viña sendo sobriña de José de Romero e curmá de Pepe. En pouco tempo emparentará coa familia dos Burros, pois casará con José de Ríos de Lugarnovo e pasará a ser coñecida como Maruja de Ríos. Seguidamente temos a Ventura e Pepe do Tallo que, coma seu irmán Manolo e seu avó, teñen camisas a cadros. O señor que está sentado na marxe dereita cunha man termando da cabeza que, como manda a tradición, ten cuberta cunha gorra, é o petrucio da familia: o Vello Manuel do Tallo. Vello porque o era e para diferencialo do seu fillo casado na casa que tamén era Manuel.
Agás as rapazas do Burro, todos os presentes estaban emparentados ou polo menos, como dicimos por aquí, mesturados na familia. Mais se nese momento non había lazos familiares cos do Burro, non tardará en habelos: ao ano seguinte Pili Jurjo casará con Antonio do Tallo.
Sería desexable coñecer de que falan uns, de que se rir outros, en que pensan os máis ensimesmados, que observa o Tallo Vello máis alá do espazo encadrado na imaxe. Mais isto non é unha novela nin tan sequera un conto, tan só pretendín contextualizar as circunstancias en que foi realizada a fotografía e identificar as persoas inmortalizadas na mesma.
Non sei se por casualidade ou por vontade do operador a presente imaxe afástase da típica fotografía onde todos os retratados manteñen unha posición estática e coa mirada directamente dirixida ao obxectivo. Aquí a maioría dos fotografados teñen posturas fortuítas, alleas ao disparo da cámara. Contribuíndo á captación dun ambiente máis enchoupado de vida, de realidade e de proximidade ao que alí estaba sucedendo: un grupo de persoas gozando relaxadamente dunha hora de vaghar. Neste caso é nun día de festa pero podía ser noutro día calquera nunha época onde a xente se relacionaba de forma intensa e continuada cos seus veciños: nas casas, ás portas das casas ou en paradoiros establecidos pola forza do costume.
Un día de festa nun cadro do pintor holandés do século XVII Jan Steen
A maiores do que levo dito, este breve momento conxelado para a posteridade evócame moitas escenas da pintura de xénero holandesa do século XVII. O entorno urbano, o xogo de ventás abertas e fechadas, o personaxe que se achega a unha destas aberturas desde o interior, a ledicia festeira do grupo humano. O valor simbólico dalgúns obxectos ou atavíos, neste caso o tanque que colga do lateral da fiestra e as gorras dos homes de certa idade retrotráennos a un tempo histórico onde a austeridade e o traballo arreo na terra era o pan de cada día. Todas estas características atopámolas con anterioridade en obras de Pieter de Hooch ou Jan Steen, por citar só dous dos autores que máis traballaron un tipo de pintura onde os ambientes populares tiñan moita presenza.
Para a realización desta entrega estou en débeda con varias persoas. En primeiro lugar con Maruja de Ríos da Picota que, ademais de facilitarme información sobre os fotografados, conservou esta fotografía tan fermosa e tivo a xenerosidade de deixarma para poder compartila con todos. Tamén me forneceron de datos fundamentais Chelo do Burro, Montse e Fernando do Tallo, José do Chareno de Busto e Pepe do Corvo da Picota. A todos o meu máis profundo agradecemento.
- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO
- Os Entruideiros de Arcos volven alegrarnos os Carnavais.
- O río Beba.
- As nenas da escola de Atán de excursión en Santa Baia de Chacín
- Os aghinaldeiros de Busto a principio dos anos sesenta
- O Santuario de Virxindón de Quintáns.
- 3 de maio: auga bendita para as nosas leiras.
- O Hórreo de Cuns de Cuíña, quizais o exemplar de construción máis perfecto de Mazaricos.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos
- O Colexio da Picota: un exemplo da implatación no rural das agrupacións escolares nos anos 70.
- Tania Fuegho, o lume de Mazaricos.
- Pero onde está Mazaricos?.