Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Mazaricos consegue paralizar cautelarmente a tramitación do Parque Eólico A Ruña 2

Imaxe do Parque Eólico de Paxareiras, tamén entre Mazaricos e o Monte Pindo
Mazaricos consegue paralizar cautelarmente a tramitación do Parque Eólico A Ruña 2

”Si se pode”. Así se pode extraer da experiencia mazaricá cos eólicos. O alcalde de Mazaricos ten amosado nos últimos anos a súa oposición á invasión dos viraventos, denunciando, entre outras cousas, que “se activen os prazos dos parques eólicos en estado de alarma se non podemos informar aos veciños”.

No caso concreto que lles atinxe, o Concello uniuse para presentar alegacións contra o novo proxecto eólico A Ruña 2, denunciando o impacto na Devesa do Anllares, no Monte Pindo ou no Camiño de Santiago. Un alcalde que afirma que “non estamos en contra da enerxía eólica, máis ben todo o contrario”, pero que non permitirá que “as empresas expolien os nosos recursos naturais”.

O Concello, co apoio da veciñanza, utilizou a Lei de Montes para botar abaixo o proxecto. Argumentou que tras sufrir un incendio ten que pasar 30 anos sen que se constrúa nada. Por iso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de paralizar cautelarmente a tramitación do devandito parque. Un parque, promovido por Eurus Desarrollos Renovables que afecta ás parroquias de Acos e Colúns.

Para o alcalde, Juan José Blanco, “as administracións fixeron as normativas sectoriais pensando máis nas empresas que nas persoas afectadas”. O rexedor advirte que non está “disposto” a que “as empresas promotoras veñan con escurantismo e malos modos a amedrentar a unha veciñanza que non dispón de ferramentas para defenderse” e que desde o Concello continuarán a “traballar” para “poñer os nosos dereitos por diante onde faga falta”. Do mesmo xeito subliña que non está “en contra da enerxía eólica” pero que esta debe desenvolverse “con planificación e respecto ás persoas e ao patrimonio”.  Desde o Concello explican que agora toca “agardar” á sentenza do TXSG sobre a ubicación do parque. O que si especifican é que “unha resolución en contra, abrirá a porta á paralización doutros proxectos que se asentan en terreo queimado”. 

Novas relacionadas

Novas sobre os eólicos

Comentarios