Luns. 29.04.2024
El tiempo

Muros fixo un necesario exercicio de reflexión sobre o impacto da mina de San Finx

Debate en muros_ mina sanfinx copia
De esquerda a dereita na palestra Rogelio Santos, Domingo Guerra, María Lago (alcaldesa de Muros), Joám Evans e María Dosil.
Muros fixo un necesario exercicio de reflexión sobre o impacto da mina de San Finx

Un éxito. Así de rotundo foi como definiron á charla/debate sobre a «Mina de San Fins» moitas das persoas que asistiron este sábado, 2 de decembro, ao auditorio da Casa da Cultura de Muros.

Porque, unha vez que se coñeceu que tanto a empresa como Augas de Galicia e a Cámara Mineira non participarían no debate, o moderador da mesa, Domingo Guerra, modificou o formato para que resultara participativo, dando voz ás numerosas persoas que asistiron da contorna, e que expuxeron diversos puntos de vista.

Todas as preguntas tiveron a oportuna resposta por parte de Joám Evans, voceiro da Plataforma Comarcal contra as verteduras da mina de San Fins e Director da Fundación Montescola de Lousame; e por Rogelio Santos, coñecido como o «influencer do mar», que é o presidente da Plataforma en defensa da Ría de Muros-Noia fronte a Mina, e Vicevoceiro da Plataforma Comarcal

Tamén entraron no debate, tanto a alcaldesa de Muros, María Lago, que presidiu o acto, como a psicóloga muradá María Dosil, quen engadiu unha visión persoal e profesional á charla.

Entre as moitas persoas que asistiron, estaban representantes de diversas confrarías de pescadores, integrantes de asociacións da localidade, ex concelleiras muradás que formaron parte de anteriores corporacións municipais, a primeira tenente de alcaldesa, Caridad González, mariscadoras procedentes de distintas zoas da ría, así como un nutrido grupo de veciños e veciñas e outras persoas chegadas de distintos puntos da bisbarra, ás que se lle deu a posibilidade de compartir reflexións e formular preguntas aos integrantes da mesa.

A diversidade de opinións, a posibilidade de clarificar dúbidas, unido á axilidade coa que se amosaron as diferentes posturas, fixo que a dirección da Plataforma Comarcal se prantexe, agora, segundo comentaron a esta redacción, a posibilidade de reproducir este formato, por considerar que permite, ás distintas sensibilidades, que se poidan contrastar razoamentos e datos con eficiencia, para que, cada quen, poida formarse a súa propia opinión.

No que atinxe ás intervencións, comezou a alcaldesa de Muros, María Lago, destacando que os representantes das entidades que non participaron, perderon unha oportunidade para expoñer o seu punto de vista. Tamén resaltou que «esta problemática é unha cuestión que nos afecta a todos, porque a mina non está tan lonxe como a algúns lles pode parecer, e a historia xa nos fixo comprender que o mar todo o leva e todo o move, como por desgracia temos a desgraza de coñecer».

A continuación, tomou a palabra Joám Evans, para relatar o percorrido desde que comezou a funcionar a mina, pasando polo seu peche e posterior reapertura no ano 2009, despois de vinte anos sen actividade, explicando todo o proceso ata a situación actual. Tamén dou cumprida resposta a todas as cuestións que lle formularon os asistentes relacionadas con cuestións técnicas evidenciando a solvencia propia da súa ampla formación.

Despois falou Rogelio Santos para agradecer o apoio de tanta xente, desde partidos políticos ao tecido empresarial, pasando polos diversos colectivos que se sumaron á Plataforma Comarcal e aos medios de comunicación, que entenderon que esta reivindicación non era unha cuestión partidista. Tamén se referiu á súa experiencia profesional relatando situacións e vivencias que lle fan ver a necesidade de que o mar estea limpo, para que poida seguir sendo a nosa forma de vida. Deixou mostras da súa enorme capacidade e elocuencia, proporcionando explicacións moi claras ante as diversas preguntas dos asistentes.

MÁIS NOVAS SOBRE A MINA

 

Comentarios