Sábado. 28.03.2020
El tiempo

Máis firmas pola esquecida estrada a Touriñán

Imaxe da Andaina reivindicativa de outubro de 2017 dos veciños de Muxía-Foto-Pablo Álvarez
Imaxe da Andaina reivindicativa de outubro de 2017 dos veciños de Muxía-Foto-Pablo Álvarez
Máis firmas pola esquecida estrada a Touriñán

Xa vai para 3 anos dende que a veciñanza de Muxía saía ás rúas para esixir un arranxo da estrada de Touriñán. 3 anos dende que se presentaran case 2000 sinaturas promovidas polo BNG. 3 anos dende que o PP tamén comezaba con constantes queixas pola lastimosa situación dun vial fundamental, tanto para a veciñanza das parroquias de Nemiña, Frixe, Touriñán ou Morquintián, como para os visitantes e surfistas que queren achegarse a lugares tan emblemáticos como o Faro Touriñán ou a praia de Nemiña.

Recupera o asunto de novo o PP de Muxía, que vén de remitir un escrito á Autoridade Portuaria (responsable da estrada ata o Faro). No escrito remitido pola portavoz municipal, Sandra Vilela, lamenta a falta de concreción do anuncio realizado polo ente dependente do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Xa o verán pasado anunciaban un novo retraso, sinalando que as “obras comezarían neste inverno”. Pero o inverno vai pasando e non hai unha soa máquina pola zona.

Ademais deste escrito dende os populares promoverán unha recollida de firmas que serán remitidas directamente ó ministro José Luis Ábalos.

Aproveita Vilela para acusar ao alcalde de “non mover un dedo cando en campaña electoral chegou a decirlles ós veciños de Frixe nun mitin que a obra xa estaba licitada cando sabía, como é lóxico, que era mentira. Unha vez máis quere tapar as vergoñas do seu partido e antepono a defender ós veciños de Muxía”.

O BNG tamén leva o asunto ao Parlamento estatal

Paralelamente Carlos F. Concheiro, portavoz do Bng de Muxía, lamenta que: “ son xa varias promesas dos gobernos de turno, primeiro do Partido Popular e agora do Psoe, mais a realidade non muda. Seguimos no oscurantismo total e contemplando como se pelexan, unha vez mais, para ver de quén é a culpa”.

Na vindeira semana o deputado Néstor Rego rexistrará unha iniciativa para que o Gonerno Estatal poña xa prazos de execución da obra.

“De non ter contestación en positivo, con datas concretas, o Bng de Cee e de Muxía acudirán a Valedora do Pobo antes de que remate este mes, xa que a situación é insostible", engadíu Serxio Domíngue, voceiro comarcal da formación nacionalista

Novas relacionadas

 

comentarios