Horta Creativa rescata e desestacionaliza o Festival Comarea

Este mes de decembro a comarca recupera unha das súas citas singulares da Axenda Sonora da Costa da Morte. O Festival Comarea volve dspois de 5 anos de parón. A cita desenvolverase en Muxía do 3 ao 8 de decembro de 2024, co mesmoobxectivo coa que nacía en 2015: dinamizar a vida cultural en Muxía e aportar o noso gran de area á construción dunha escea local e integradora na Costa da Morte.
Con todo, a familia de Horta Creativa, que recolle o relevo daquel fantástico colectivo xuvenil Comarea, si que chega con novas inquedanzas, de aí o novo concepto.
Ademais de manter vivo o Camping de Merexo (aínda hoxe chega Xurxo Souto), os Adrián Alcaina Romaní, David Fernández Pérez, Sergio Tarrela Rial e Manu Nogueira propoñen un novo formato.

Serán un total de 16 actuacións musicais repartidas en distintos espazos do Concello muxián que, pronto, nos irán revelando. Podemos avanzar, en exclusiva, que este decembro teremos por Muxía a OMIRI, un dos proxectos máis orixinais da nova música portuguesa, facendo unha maridaxe entre a música tradicional portuguesa xa esquecida xunto con ritmos electrónicos do século XXI.
O novo concepto céntrase en ofertar un festival desestacionalizado, interxeracional e aberto a diversos estilos musicais tales como: folk, funk, electrónica ou músicas do mundo. Tendo, tamén, unha coidada programación paralela estendida durante 6 días e en diferentes puntos do termo municipal.
”Decidimos desestacionalizar o festival porque o inverno é moi longo. Queremos que a veciñanza poida desfrutar dunha programación cultural distinta ao habitual. Por outra banda, sería moi positivo para o pobo/concello recibir a visitantes fóra da época estival”, explican dende Horta Creativa.
Un repaso histórico
Dende a organización queren lembrar e poñer en valor o traballo feito pola Asociación Comarea entre os veráns 2015 e 2019. Foron un total de 5 edicións, 4 realizadas na praia de Os Muíños e unha na praia da Cruz. En 4 anos pasaron das 200 persoas da primeira edición, ás 1.500 da de 2019, achegando á comarca xentes como Carl Craig (EEUU), Anna (Brasil), Fernando Costa (Andalucía), Dennis Ferrer (EEUU), Cora Novoa (Galicia), Luca Agnelli (Italia), etc.
Xa daquela a mocidade devecía por armar diferentes actividades paralelas, como unha exhibición de macrocometas, obradoiros de música, obradoiros de baile, limpeza de praias, faladoiros sobre a biodiversidade das praias de Muxía, etc. sempre co apoio do Concello muxián e a Deputación da Coruña