mércores. 30.04.2025
El tiempo

“Iago Toba é un indixente moral, e o seu partido debería facer algo para sacalo da política”

  • O ex rexedor acabou o último pleno chamando "inútil e inválido" ao pai da concelleira do BNG, unha persoa octoxenaria que anda en cadeira de rodas por unha hemiplexia.
  • O PP pide a dimisión de Iago Toba.
Iago Toba ex alcalde de Muxia
Iago Toba, ex alcalde de Muxía, durante o pleno da moción de censura do pasado mes de outubro
“Iago Toba é un indixente moral, e o seu partido debería facer algo para sacalo da política”

Este pasado mércores celebrouse un pleno importante no que se dou aprobación aos primeiros orzamentos en varios anos. Pero a nova máis salientable volveu ser a tensión provocada polo ex alcalde e voceiro socialista Iago Toba. Dende o comezo incidiu coa súa actitude chulesca e prepotente que leva protagonizando dende que accedeu á alcaldía, faltándolle o respecto aos compañeiros de pleno e mesmo ao público.

Reiteradas levan sendo anos as faltas á voceira do BNG, Mercé Barrientos, con burlas, charlas e alusións á súa familia, pero “todo debería ter un límite”, sinala a afectada. Porque o aconteceu ao remate do pleno non debería estar permitido.

Despois de acusar ao BNG de “venderse”, facendo un xesto de que o partido está recibindo cartos por detrás. “É moi cansino, porque todos os membros do BNG vivimos do noso traballo e nunca cobramos da política. Ademais é moi repetitivo intentando ver esa mensaxe falsa acaba calando nalgunha parte da sociedade”, lamenta Barrientos, que explica que motos dos xestos de burla que fixo durante o pleno cara o público estaban dedicados ao seu pai.

Pero o cumio chegou ao final do pleno, cando o pai de Mercé Barrientos (un home octoxenario que sofre unha hemiplexia pola que tivo que serlle amputada unha perna e anda en cadeira de rodas), achegouse a el a recriminarlle a súa actitude, ante o que Toba respondeu chamándolle "inútil e inválido”.

“Excede todos os límites do tolerable. É un miserable e un indixente moral. Leva todo o mandato provocando, insultado, facendo mofa, xestos, interrumplindo, dicindo falsidades… Pero todo ten un límite. Paréceme que é unha persoa que fai moito dano á política, presentándonos aos políticos como xente desa calaña, e fai que a xente se alonxe da política e pense que todos somos iguais, e non todos así”, lamenta duramente Barrientos.

“Creo que o partido de Santiago Toba debería tomar en serio o que está pasando en Muxía, que non o fixo en todo o mandato, e debería tomar medidas”. "Creo que esta persoa está provocando un dano moi grande á esquerda, porque se a xente ve políticos de partidos teoricamente de esquerdas con actitudes propias de VOX, vaise alonxar. Sen contar as xenreiras que leva xenerando entre o pobo, unha cousa gravísima, a través sempre da súa actitude vitimisma".

A voceira do BNG recoñece que o incidente “non chegou a máis porque a xente do meu partido e mais somos xente con bastante máis educación, e máis límites morais como para reaccionar a esas provocacións, pero todo ten un límite, e a asistencia a un pleno non pode que ser un perigo”.

O PP de Muxía pide a dimisión de Iago Toba

Os populares muxiáns queren tamén falar da situación, e ademais de loubara posta en marcha dos orzamentos en tan só 5 meses no goberno de coalición cos Independentes, aproveitan para lamentar "profundamente que o portavoz do PSOE de Muxía siga recorrendo ás faltas de respecto, aos insultos e a actitudes machistas que non teñen cabida na política nin na sociedade".

Sandra Vilela "esixe a súa dimisión polo episodio acontecido ao rematar o pleno, onde o exalcalde se referiu a unha persoa octoxenaria e con discapacidade, que asistía como público, como "inútil e inválido”".
Desde o PP de Muxía entenden que "estas condutas non son asumibles nin queremos que, por reiteradas, cheguen a normalizarse. Pedimos a dimisión do portavoz do PSOE de Muxía e agardamos a condena destes feitos por parte do PSOE de Galicia". “Besteiro ten que responder se respalda e apoia estas actitudes e eso demóstrase con feitos” explica a portavoz municipal, Sandra Vilela, que agarda unha reacción por parte do PSOE galego

Máis novas

Comentarios