A Fundación Eduardo Pondal efectúa o seu ingreso definitivo na ACAMFE
A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, xa forma parte a tódolos efectos da Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE), unha vez celebrado o encontro anual que este colectivo que aglutina á gran maioría de casas museo de escritores ou fundacións celebra anualmente e que nesta ocasión tivo lugar na cidade de Valladolid, organizado pola Casa Museo de José Zorrilla, que depende organicamente do Concello de Valladolid.
A Fundación Pondal foi presentada ante o resto dos socios polo secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro, quen exerce ademais neste período como tesoureiro da xunta de goberno de ACAMFE.
Antonio Piñeiro deu a coñecer, ademais de á figura de Eduardo Pondal, ó colectivo encargado de custodiar e divulgar a súa memoria, centrando esta presentación no proxecto de desenvolvemento de iniciativas conxuntas entre esa propia Fundación, a Fundación Curros Enríquez e o Patronato Rosalía de Castro e que ten sido denominado como Itinerario do Rexurdimento, poñéndoo como exemplo de proxectos sectoriais que poden ser desenvolvidos tamén dentro do marco de Acamfe en función da relación que manteñan ou mantiveran de xeito particular algúns autores entre eles.
A Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) vai centrar o seu traballo nos próximos meses no obxectivo de conseguir aglutinar a tódalas casas museo e fundacións de escritores que funcionan actualmente en España e as que funcionan en Portugal para tratar de constituír a Asociación Ibérica de Casas Museo e Fundacións de Escritores no ano 2012, pretendendo celebrar este encontro fundacional tanto en Santiago de Compostela como en Guimarães (Portugal) onde está previsto que se celebre durante o próximo ano a capital cultural europea.
Mirando cara a Vila Literaria
O encontro de Valladolid serviu, ademais, para que os representantes da casas museo participantes se achegasen á figura literaria de José Zorilla, coñeceran a Villa del Libro de Urueña (Valladolid), que é polo de agora a única “vila do libro” que funciona na península ibérica, a casa de Cervantes, así como a Ruta del Hereje que dende hai varios anos constitúe un dos referentes turísticos da cidade de Valladolid baseándose na novela histórica do mesmo título que escribiu Miguel Delibes, tendo finamente a oportunidade visitar o piso onde residiu os últimos 30 anos da súa vida o autor de “Los santos inocentes” e onde faleceu no mes de marzo do ano pasado, que os seus fillos conservan no mesmo estado no que se atopaba o día 12 de marzo de 2010 cando lle sobreveu a morte.
Pode ser este un bo exemplo, o que queren seguir tanto Muxía como Ponteceso. Unha expedición da Costa xa fixera o ano pasado unha interesante visita á vila catalana de Roda, vila Literario arredor do poeta Miquel Martí i Pol.
Novas relacionadas
- A Fundación Eduardo Pondal tramita a súa alta na Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores.
- Pondal e Curros unidos polas súas fundacións.
- O Monolito Pondaliano celebrou o seu XXX aniversario ben arroupado.
- A Banda de Música Eduardo Pondal cumpre 75 anos.
- Máis de 200 persoas asisten á presentación do disco A Escote.
- Unha Noite do prácido luar encheu O Couto.
- De camiñada polo rego dos Muíños.
Outras novas
- A Fundación López Abente e a SEMESCOM unen forzas para coidar o patrimonio.
- Muxía tamén quere ser "Vila Literaria" .
- Ponteceso, "vila literaria" .
- Unha de turismo en verso .
- Cando naceu o nome da “Costa da Morte”?.
Fonte
- Nota de prensa da Fundación Eduardo Pondal.