Luns. 26.09.2022
El tiempo

Corme dá unha calurosa benvida á súa ducia de ucraínos

Unha ducia de ucrainos en Corme
A benvida da ducia de ucraínos en Corme
Corme dá unha calurosa benvida á súa ducia de ucraínos

Chegaron. Tras case 4.000 km e dúas longas semanas de guerra, unha ducia de ucraínos xa chegaron a Corme, a que será a súa vila polo menos durante os vindeiros 6 meses. Arrincaba a semana pasada Ramón Dourado, “Ramonchín” da vila cormelá con dúas furgonetas da súa Fundación Mencer cargadas de material humanitario, e esta tarde de luns chegaban de volta con dúas familias.

A acollida da vila de Corme foi espléndida, coas familias acolledoras dando as primeiras apertas. Queda agora un longo camiño de integración, despois desta longa viaxe.

Unha lonxa viaxe

Leva contándonos Ramonchín como está a ser a viaxe dende o primeiro día. Aló marcharon, lembramos, gracias á vontade da Fundación da Panadería Mencer (que ten tamén un Centro Especial de Emprego), da que el é socio e que puxo furgonetas e condutores; da Asociación de Veciños Eduardo Pondal, que conseguíu as familias acolledoras; e de AGA-Ucraína, a entidade herculina que coordinou as familias acollidas.

Tardaron varios días en chegar, tocoulles esperar na zona de Rzeszów, preto da fronteira e á altura da cidade xa atacada de Lwów. Alí coincidiron co convoi dos Bombeiros e Policía Local da Coruña que tamén ía de viaxe humanitaria, mentres pasaban vehículos e vehículos militares cara a guerra.

Durante eses días Ramón sorprendeuse do bo trato da poboación polaca, “tremendamente amable” e “moi implicada co conflito”. “Ata fumos a un taller por un problema cos coches e nin nos quixeron cobrar”, apunta.

Material humanitario de Corme a Ucraina
Momento cando deixaban o material humanitario e recollían aos refuxiados

Ás 15:00h do venres facían o intercambio de material por familias, e os primeiros momentos xa foron moi emotivos. En calquera caso, os nervos das familias foron disipándose a medida que ían pasando os quilómetros. “O primeiro día había silencio absoluto na furgoneta; o segundo xa falaban algo, e o terceiro ata algún xa chapurreaba algo de castrapo, como facía eu cando fun estudiar a Santiago”, bromea.
Unha das cousas das que si se decatou Ramón é que “para esta xente o concepto de país é moi importante”. Ademais, “nótase de lonxe que son xente traballadora”, así que non van ter problema por integrarse coa veciñanza galega.

O domingo xa durmiron nun hotel da Coruña, onde paraban esta mañá para facer unhas compras despois de falar cunha tradutora para trasladar as principais necesidades. Unha das vicisitudes que se atopan é a necesidade de conseguir computadoras para seguir traballando en remoto dende Corme para Ucraína.

”Primeira parte do operativo completado”, sinala un orgulloso Ramón. “Agora toca integrarse, tendo polo menos cuberto polo paraugas da Fundación Mencer un mínimo 6 meses, pero que seguro se podería alongar sen problemas”. “Unha expderiencia para nós moi boa, e esperamos que para eles, dentro do traumático, fose o máis levadeiro posible, pois somos conscientes de que todos deixaron familia alá, e canto menos dure este exilio, mellor será”.

Agora tócalle á sociedade de Corme seguir demostrando a súa humanidade axudándoos na integración. Polo de pronto, para traballar o máis importante, a lingua, a Asociación xa puxo en marcha unhas clases de español cunha muller ucraína que leva instalada na vila.

Novas sobre Ucraína

comentarios