O Couto busca a aldea do futuro

Interesante xornada a que a acollía o lugar do Couto coa unión de dúas das fundacións que máis se preocupan polo noso rural. A Fundación Eduardo Pondal e a Fundación Juana de Vega tecen redes para reflexionar, compartir experiencias e avanzar na revitalización das aldeas galegas. O obxectivo da xornada “O rexurdir das aldeas” foi promover o intercambio de ideas e de boas prácticas sobre o desenvolvemento, rexeneración e recuperación destes núcleos rurais desde unha perspectiva contemporánea, dende a innovación, dende o enfoque da estratexia europea Smart Village.
70 persoas de diferentes entidades, e de diferentes idades e perfís profesionais, académicos e vitais, sumáronse a este foro de coñecemento que trouxo experiencias de varias zonas de España para intentar repensar o noso rural nun momento chave para a dispersa estrutura da nosa sociedade.
Porque a realidade é que Galicia é aldea, por moito que o proceso de despoboamento do rural galego siga deixando núcleos e núcleos abandonados. Galicia conta con máis de 30.000 entidades singulares de poboación, case a metade de todas as que existen no Estado español.
Recolléronse testemuños de novas funcionalidades e modelos de co-gobernanza, promomento a xeración de comunidade e dinamismo socioeconómico e cultural, contribuíndo así ao seu renacemento e á creación de novas oportunidades desde o enfoque da estratexia Smart Village. Esta iniciativa europea busca potenciar as zonas rurais mediante a implementación de tecnoloxías intelixentes e enfoques colaborativos co fin de crear comunidades máis dinámicas, sostibles e capaces de afrontar os retos do futuro.
As entidades teñen en marcha unha colaboración coa Xunta de Galicia para elaborar os primeiros plans de dinamización das coñecidas como Aldeas Modelo, nalgunha das que desenvolveron intervencións paisaxísticas. Destacado é o programa da FJV de Apoio a proxectos do rural, nos que xa leva titorizado máis de 120 emprendedores e empresas do sector agroalimentario por toda Galicia.
Xosé María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal, puxo en valor a traxectoria e influencia da súa entidade e da súa máxica e viva aldea do Couto para ser exemplo para outros proxectos similares que queiran apostar por recuperar as súas aldeas. De feito, pola tarde realizouse unha visita completa pola aldea para analizar o compromiso da veciñanza coas entidades socias.
Diferentes experiencias cun fin común
A través de relatorios e unha mesa redonda, os sete convidados, chegados de diferentes puntos de Galicia e de Asturias, reflexionaron desde a súa experiencia e traxectoria sobre as claves para a dinamización dos núcleos rurais.
Inés Santé, doutora enxeñeira agrónoma, investigadora do Laboratorio do Territorio da USC e exdirectora do Instituto de Estudos do Territorio e da Axencia de Desenvolvemento Rural, abriu a mañá presentando as claves xerais da estratexia europea Smart Village. A continuación, deu
paso a Francisco García, técnico de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, que centrou a súa intervención no tema “A dinamización dos núcleos rurais”.
Tras a pausa café, durante a mesa redonda, os cinco relatores, con perfís moi diferentes, e moderados por Beatriz Suárez, presentaron as claves para a rexeneración paisaxística e a dinamización local en base á súa experiencia vital e profesional. O panel estaba formado por
Juan Carlos Pérez, fundador da plataforma TIC Aldealista, coñecida como o “Tinder das aldeas” , que naceu na aldea ourensá dos seus avós, Castiñeiro (San Xoán de Río).
Acompañárono outro emprendedor tecnolóxico, Daniel Suárez, responsable da “autoescola de emprendemento” Somiedo LivingLab, localizada na aldea de Caunedo (Asturias); Lucía Escrigás, coordinadora de proxectos da Fundación RIA, creada polo arquitecto David
Chipperfield en 2017; e Diego Quiñoy, investigador do Centro Tecnolóxico Energy Lab que colabora no proxecto europeo Aldealix para a posta en marcha de comunidades enerxéticas rurais de aproveitamento da biomasa.
Por parte da Fundación Juana de Vega participou a paisaxista Nuria Freire, que tamén dirixiu a visita de estudo vespertina.
Outras novas