Durísimas valoracións contra a Declaración de Impacto Ambiental da mina de Corcoesto


Un día despois da publicación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da mina de Corcoesto (e 3 días máis tarde que a nota de prensa), as entidades conservacionistas contrarias ao proxecto xa fan as súas críticas valoracións.
Se onte xa vimos a primeira reacción da Plataforma Salvemos Cabana, hoxe chegan as valoracións de ADEGA e da Plataforma en Defensa de Corcoesto, que son duras coa Declaración. Ambas coinciden en que a Xunta ponse de xeonllos ante a empresa, e califican de "chapuza" e de "corta e pega" do propio estudio da empresa mineira o documento público.
Ademais, o Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda acusa á Xunta de "defender únicamente os intereses da empresa no Proxecto de Corcoesto".
Plataforma en Defensa de Corcoesto: Unha "chapuza a medida da empresa"
A Plataforma en Defensa de Corcoesto comeza calificando a Declaración de “chapuza á medida da empresa mineira", e denuncia que "a DIA obvia por completo ás alegacións presentadas pola Plataforma e outros colectivos". Ademais, entende que a "a Xunta asume integramente o EIA presentado por Edgewater e deixa as cuestións medioambientais á “boa fe” da empresa".
Pero o máis grave do EIA, e agora da DIA, para a Plataforma é "a inexistencia dun estudo do impacto socioeconómico que reflicta con total claridade a magnitude da afectación da actividade mineira á base socio-económica dos Concellos afectados".
I é que para a entidade "a importancia socioeconómica do monte en Bergantiños ven avalada pola vixente lei 7/2012, de montes de Galicia, que na súa exposición de motivos destaca que na Comarca de Bergantiños, a actividade forestal figura entre as tres primeiras actividades industriais por emprego xerado".
Augas contaminadas
Paralelamente, o colectivo "esixe a Augas de Galicia que faga o seu traballo e se pronuncie" tras un informe científico de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e da Universidade de Vigo, no que se valora que a explotación mineira que se proxecta vai agravar a actual contaminación por arsénico das augas do río Anllóns, contaminando a través dos sedimentos o seu esteiro ata niveis inaceptables para a saúde humana e a conservación do ecosistema, incluídos os Lugares de Interese Comunitario existentes na zona (LIC ES1110015 Río Anllóns) e as súas inmediacións (LIC ES1110005 Costa da Morte; ZEPA ES0000176 Costa da Morte).
Reunión cos veciños de Corcoesto
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto informa tamén que o vindeiro domingo día 23 ás 11:00 horas terá lugar na antiga Escola Unitaria de Corcoesto unha reunión cos veciños de Corcoesto afectados polo proxecto.
Á xuntanza asistirá a profesora da Universidade de Santiago e avogada Alba Nogueira.
ADEGA:"A Xunta asume as teses da empresa sen cuestionar os graves riscos e eivas do proxecto"
Pola súa banda, ADEGA apunta que a DIA será "un documento que pasará aos anais dos despropósitos ambientais (un máis) cometidos pola Xunta. Alén de que máis da metade desta DIA é un "corta-apega" literal do proxecto entregado por Edgewater, co que a Xunta asume como propias os argumentos da empresa".
ADEGA denuncia que "a Xunta non cuestiona en absoluto nen o método de explotación (corta a ceo aberto fronte a minaría soterrada, moito menos impactante); nen o de extracción do ouro (cianuración fronte a tiourea, bromo-bromuro e outros métodos menos perigosos), obviando a Resolución do Parlamento Europeo de 5 de maio de 2010 sobre a prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineras a base de cianuro na Unión Europea; nen obriga a empresa a constituir unha garantía financeira (Decreto autonómico 455/1996, de 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental); nen discute a catalogación dos refugallos mineiros (non perigosos para a empresa), cando deberían ser "perigosos" ao conter altos níveis de As; nen obriga a Edwater a redactar un Plano de Emerxencia Exterior fronte aos riscos de verteduras accidentais tóxicas accidentais para a saúde e o ambiente... Á Xunta tampouco lle preocupa que haxa riscos símicos non suficentemente avaliados que xustificarían a adopción de medidas sismorresistentes nas balsas tóxicas".
E vai máis alá: "se a Xunta persiste en declarar "compatíbel" coa protección dos valores naturais e da saúde a ubicación dunha "bomba ambiental" similar á de Aznalcóllar a 140 m dun espazo natural protexido, sen sequera esixir á empresa que resposte ás graves eivas detectadas no seu proxecto e postas de manifesto por ADEGA e outros colectivos nas nosas alegacións, estaría sendo cómplice dun dos maiores episodios de contaminación ambiental por actividades mineiras en Europa."
AGE acusa á Xunta
Xa se oen os primeiros ecos políticos ante a publicación do DIA. E AGE quere denunciar que a Xunta "se prega única e exclusivamente á defensa dos intereses da empresa, negándose a avaliar outras alternativas diferentes ás presentadas pola empresa, e non cuestiona os seus criterios ambientais, nomeadamente na xestión do proceso de utilización do cianuro".
Os deputados de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento demanda que "a empresa se acolla ao Código Internacional para o Manexo do cianuro (achégase o documento), e iso está ben pero desde o Grupo pregúntanse as razóns polas que a empresa canadiana nunca se acolleu a dito Código (non figura na relación de empresas asinantes do Código; www.cyanidecode.org/spanish)".
Máis información
- Descargar a declaración ambiental (DIA) da mina de Corcoesto.
- ADEGA: DIA de Corcoesto: A Xunta asume as teses da empresa sen cuestionar os graves riscos e eivas do proxecto.
- Plataforma en Defensa de Corcoesto.
Máis información
- A bitácora da semana (CXCV): O ouro de Corcoesto.
- A bitácora da semana (CLXXXIV): Salvemos Cabana.
- A bitácora da semana (CLXXXV): Non á mina.
Novas relacionadas
- 17-12-12: A Xunta aproba a Declaración de Impacto Ambiental da mina de Corcoesto ante as protestas de colectivos por desinformación.
- 13-12-12: AGE e PP amosan a súas posicións enfrontadas sobre Mina de Corcoesto.
- 26-11-12: Denuncian que a empresa da Mina de Corcoesto engana cos prezos aos propietarios dos montes.
- 13-11-12: A Plataforma en defensa de Corcoesto convida á empresa Mineira a un debate público.
- 09-11-12: Denuncian o intento da empresa mineira de mercar a prezos de saldo os montes de Corcoesto.
- A loita contra a mina de Corcoesto recibe o apoio de Greenpeace e se solidariza con México.
- Apoios televisivos contra a mina de Corcoesto.
- 11-10-12: A apertura da mina de Corcoesto retrásase ata o verán do 2013.
- Veciños de Corcoesto trasladan á Xunta o seu malestar ante o perigo da mina.
- A loita por Corcoesto amplíase ao eido arqueolóxico.
- A Fiscalía xa investiga a mina de Corcoesto por un presunto delito contra o medio ambiente.
- A mina de ouro: unha mostra de resistencia organizada.
- A loita contra a mina de Corcoesto colle tintes poéticos.
- Xurxo Borrazás tamén di non á Mina de Corcoesto.
- O BNG pide que a mina de Corcoesto non sexa a ceo aberto.
- Ata Galeano denuncia que a Mina de Corcoesto non cumpre a lei.
- O Goberno argumenta no Parlamento que a mina de Corcoesto creará 500 postos de traballo.
- ADEGA considera obsoleta a tecnoloxía da Mina de Ouro de Corcoesto.
- A febre do ouro exténdese a Zas mentres denuncian irregularidades no proxecto de Corcoesto.
- Os fumigadores si andan pola Costa.
- 1.300 sinaturas presentadas contra a Mina de Ouro de Corcoesto.
- A mina de Corcoesto chega ao Parlamento.
- Os veciños da Plataforma de Corcoesto denuncia prácticas intimidatorias do alcalde cabanés.
- Denuncian as falsas expectativas de emprego da mina de ouro de Corcoesto.
- A mentira das palabras máxicas .
- 04-05-12: Creada unha Plataforma contra a Mina de Ouro de Corcoesto.
- 12-03-12: Accidente laboral na mina de ouro Corcoesto.
- ADEGA espera para valorar o impacto da Mina de ouro de Corcoesto e enfróntase con La Voz.
- A mina de ouro de Corcoesto axiliza a súa posta en marcha co apoio das administracións e oposición dos ecoloxistas.
- O ouro de Corcoesto non brilla tanto.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Notas de prensa de ADEGA, da Plataforma Salvemos Cabana e da Plataforma en Defensa de Corcoesto.