Todo listo para o Retella Fest
- Sobrinus (Madrid) e Deleiba (Muros) encabezan o cartel da cuarta edición que terá lugar en Tella hoxe venres 28 e o sábado 29 de xuño

O Retella Fest celébrase esta fin de semana en Tella, Ponteceso, onde o evento reunirá once grupos de diferentes estilos enmarcados no rock e dous dj’s mantendo a súa esencia de apostar polo rock feito en galego e en Galicia. O Retella Fest ten como obxectivo contribuír á oferta cultural de Ponteceso, pasando de ser unha cita de amigos a querer converterse nunha cita consolidada co rock na Costa da Morte.
A entrada para o Retella Fest será libre. Ademais, a organización terá á venda comida e bebida para apoiar o evento e que a súa continuidade sexa posible.
O venres 28 o festival comeza ás 21:00 horas cunha sesión con DJ Chaperraco para quentar motores para a música en directo que chega a partir das 21:40 horas coa banda de rock carballesa Rusty Nuts, á que lle seguirán os composteláns Radio Zapa!, os locais Lóstregho e Lowcos.
Encabeza o cartel desta primeira xornada os madrileños Sobrinus. A súa música é ecléctica por natureza, rock no básico con toques de funk, jazz, punk e hardore. Este grupo, que nos anos 90 se situaba entre as bandas de culto no panorama estatal, volveu en 2017 tras un longo parón, e este verán chega ao Retella Fest para presentar o seu novo disco ‘Renace’ na súa única data confirmada en Galicia.
O sábado 29 a xornada comeza ás 20:30 horas con Portofranco, aos que lle seguirán o proxecto da coruñesa Cristina Pena, Lost Minnow, o power dúo Mascada, a mestura entre música tradicional e rock duro de Sons of Exodus e a formación underground xurdida en Valencia Technopork. Pechará a noite unha sesión dj.
O grupo galego Deleiba é o cabeza de cartel do sábado en Tella. A banda nace na vila mariñeira de Muros e supón a xuntanza de cinco músicos de diferentes tradicións musicais. Teñen formado parte de grandes citas coma o festival Resurrection Fest, o Tsunami Xixón, o Caudal Fest ou o Castelo Rock. Neste 2024, a banda presentará un novo álbum producido por Iago Pico (Tanxugueiras, Nao), do que ofrecerán un adianto no Retella Fest.
Máis ca música
Ademais de música, a Asociación Veciñal Os Seixos organiza o venres 28 de xuño unha quedada de bicicletas clásicas a partir das 20:00 horas e fai un chamamento a todo aquel que conte con unha a achegarse para compartir inquedanzas sobre a temática ao tempo que se goza cos concertos.
Horarios
Venres 28 de xuño
- 21:00 h: DJ Chaperraco
- 21:40 h: Rusty Nuts
- 22:45 : Radio Zapa!
- 00:00 h: Sobrinus
- 01:30 h: Lóstregho
- 02:30 h: Lowcos
- 03:30 h: DJ Chaperraco
Sábado 29 de xuño
- 20:30 h: Portofranco
- 21:20 h: Lost Minnow
- 22:10 h: Mascada
- 23:30 h: Deleiba
- 00:45 h: Sons of Exodus
- 02:00 h: Technopork Noize
- 03:00 h: DJ Residente
Máis novas festivaleiras