A ANPA do CEIP Barrié de la Maza, e o BNG, piden participar no proceso de rehabilitación do centro

A Xunta, tralas mobilizacións das familias, anunciaba en xuño o proxecto de rehabilitación do CEIP Barrié da Maza de Santa Comba, cun orzamento de arredor de 1,5M€. Menos mal que as familias, e o BNG, esixiron facer a rehabilitación durante o verán de 2025, para que as obras non interrumpan o curso, no que o entro cumple 50 anos.
Pero dende aí, houbo pouca comunicación, e dende a ANPA piden máis participación. A previsión da Consellaría era ter redactado o proxecto no verán para licitalo despois e estar en disposición de executar a obra a partir do verán próximo. Pero por agora dende a ANPA non recibiron información algunha.
Por iso trasladáronlle a súa queixa ao BNG, que solicita que "a Consellería non a deixe á marxe e escoite as súas demandas e suxestións para abordar da mellor maneira posíbel a reforma do CEIP". Indican así a necesidade de que manteña unha "comunicación fluída e dinámica coa comunidade educativa, recollendo as súas suxestións para a acometida das reformas e actuando de xeito transparente dándolles a coñecer prazos de execución, prioridades de actuación, etc...".
Algúns dos principais problemas que se detectaron veñen orixinados polo mal estado da cuberta plana con canalizacións interiores que provocan múltiples filtracións de auga que o pasado ano produciron un desprendemento do teito dun aula. A isto súmase o estado deficiente das fiestras que non illan do frío e a humidade, importantes desconchados nas paredes ou o lamentábel estado da calefacción con radiadores mal ancorados e tubaxes antigas nas que xa se produciron roturas e saída de auga quente, entre outros problemas como a falta de espazo para o desenvolvemento da actividade educativa.