Sábado. 27.07.2024
El tiempo

A Xunta aproba, por fin, a reforma integral do CEIP Barrié de la Maza

Reunion onte no centro entre Concello Colexio e ANPA para analizar a reforma
Reunión onte no centro entre a dirección, o Concello e a ANPA para analizar a reforma
A Xunta aproba, por fin, a reforma integral do CEIP Barrié de la Maza

Non foi sen tempo. Só tiveron que pasar 50 anos dende a súa construción, moitas pingueiras, moito frío e máis de 6 meses de mobilizacións para que a Xunta tomase a decisión. Pero a gran noticia xa corre por Santa Comba. O CEIP Barrié de la Maza será sometido a unha tan esperada reforma, grazas aos incansables esforzos da ANPA e da dirección do colexio. Tras manifestacións, recollidas de firmas e presentación de peticións ante todos os grupos parlamentarios de Galicia, a Xunta de Galicia finalmente anunciou o proxecto de renovación.

Foi na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, onde Secretario Xeral de Educación, Manuel Vila López, anunciaba a reforma respondendo á pregunta da deputada Patricia Iglesias Rey do Grupo Socialista sobre as demandas de reforma do centro. Na súa intervención, Vila López detallou que o proxecto inclúe a "rehabilitación integral do edificio, substitución da cuberta, illamento térmico superior, renovación completa da carpintería exterior, aplicación dun sistema SATE ás fachadas, modernización da iluminación con tecnoloxía LED, renovación dos falsos teitos acústicos e substitución da carpintería interior".
O proxecto contará cun orzamento mínimo de 1,5 millóns de euros e está previsto que a obra se execute en aproximadamente 9 meses, comezando no verán de 2025.

Peticions da ANPA Xallas
Peticións básicas da ANPA Xallas

A ANPA quere expresar o seu máis sincero agradecemento a todas as forzas políticas que escoitaron e apoiaron as súas peticións. "Entre as manifestacións de apoio, destacan a anterior alcaldesa, María Pose, por abrir as portas na Xunta e concertar unha reunión coa Xefatura Territorial que deu inicio a este proxecto; o actual alcalde, Alberto Romar do PSdeG, por considerar esta reforma unha prioridade e apoiar a moción no pleno do Concello de Santa Comba; e o representante local do Bloque Nacionalista Galego, Juan Sixto, por orientar e axudar a levar a proposta ao Parlamento e aos deputados do seu partido", sinalan dende a ANPA.

"Este logro non sería posible sen o apoio incondicional da comunidade educativa: pais e nais, profesorado e dirección do centro, e por suposto, o alumnado. Todos contribuíron a que este proxecto se converta en realidade. Grazas a todos por facer deste colexio un lugar mellor", agradecen.

Novas do CEIP

Comentarios