Martes. 30.04.2024
El tiempo

O SEMESCOM critica o eterno retraso na posta en marcha do Plan de Protección dos Penedos de Traba e Pasarela

O SEMESCOM critica o eterno retraso na posta en marcha do Plan de Protección dos Penedos de Traba e Pasarela

En proceso de exposición pública está o Plan de Acción dos Penedos de Pasarela e Traba. E unha vez analizando o Seminario de Estudos da Costa da Morte (SEMESCOM) ten a ben expresar a súa postura.

A entidade valora que “se dea por feito que non haberá máis ameazas de canteiras nin de proxectos eólicos –o de “Monte Chan” xa hai meses que foi rexeitado, mais aínda está pendente o da “Pena dos Mouros”, que esperamos que sexa rexeitado tamén–“.

Pero “non nos parece de recibo que, despois de 12 anos de demora, a Administración autonómica anuncie como un gran logro o que non son máis que novas prórrogas de cinco e dez anos para intervencións ben modestas”. Fan referencia aos 16 anos (de 1989 a 2007) que o Dolmen de Dombate pasou “baixo unha lona de plástico que avergonzaba a propios e estraños”; ou dos “20 anos que botamos algúns para salvar os batáns e muíños do Mosquetín (tivo que vir en axuda, en 1998, a Deputación da Coruña)”. Pero poñen o foco no retraso “máis evidente: o Parque Arqueolóxico do Megalitismo, anunciado con bombo e prato polo Goberno galego desde 2001 e polo que continuamos á espera”.

A entidade teno claro: “Todo o que se anuncia no Plan de Acción dos Penedos, tanto para “antes de 5 anos” como para “entre 5 e 10 anos” e mesmo para “a partir dos 10 anos”, se de veras se quere levar a cabo dunha vez por todas, deberíase iniciar xa o próximo 2024, pois boa parte das modestas cantidades que se lle destinan poden entrar nos presupostos da Xunta de Galicia antes de que remate este 2023”.

”Non podemos aplaudir coas orellas que haxa que esperar tantos anos para un simple aparcamento de coches; unha mellora do acceso á Torre da Moa e unha simple sinalización do seu xacemento arqueolóxico; uns paneis interpretativos que faltan; unha sinalización en estradas, na autovía –se é que deixan– e en rutas de sendeirismo; eliminación de vertidos; estudo da toponimia -non hai nin media ducia de topónimos tradicionais– e lendas…” sinalan con rotundidade.

Contornas

Sobre as contornas dos xacementos, valoran positivamente que “se fale de eliminar eucaliptos, e de “plantaciones que restan visibilidad del conjunto y suponen un riesgo de incendios”, pero bótase en falta que non se contemple un plan de limpeza anual, a fondo, da vexetación que dificulta os accesos e mesmo impide a contemplación das múltiples formas zoomorfas, antropomorfas e multiformes deste conxunto granítico. Ese plan de limpeza incluso abriría a posibilidade de deixar ó descuberto novas formas”, sinalan.

Centro de Interpretación

Por outra parte, lamentan que “no Plan de Acción non se contempla un Centro de Interpretación acorde coa importancia do lugar, unha das mellores paisaxes graníticas do mundo, segundo repiten os expertos, que algúns teñen comparado con sitios xeolóxicos tan emblemáticos como a “Ciudad Encantada” de Cuenca, os penedos de Los Barruecos en Estremadura e mesmo a Calzada dos Xigantes de Irlanda do Norte. Non falta en ningún destes e outros enclaves que atraen miles de visitantes cada ano e deixan na zona cuantiosos ingresos. Para este Centro –no que se expoñería toda a información básica (xeolóxica, xeográfica, literaria etc.)– non faría falla construír un novo edificio, pois a Asociación de Veciños de Pasarela ten ofrecido o seu local social: a antiga casa-escola Enrique Labarta, estratexicamente situada no centro da localidade”.

Antiga Escola de Pasarela Enrique Labarta Pose-Foto-Arquivo da Emigracion Galega
Antiga Escola de Pasarela Enrique Labarta Pose-Foto-Arquivo da Emigracion Galega

MÁIS NOVAS SOBRE OS PENEDOS

ARTIGOS RELACIONADOS

Comentarios