Venres. 26.04.2024
El tiempo

Poesía polos Penedos

Poesia polosPenedos 2021
Poesía polos Penedos

Continúa a sociedade civil loitando contra a invasión eólica. Esta fin de semana celebrábanse actos informativos e de denuncia en Carballo e Berdoias, que se repetirán este sábado na capital bergantiñán. Pola comarca de Soneira a cita está formulada para o 22 de maio, cun encontro poético organizado pola Plataforma Salvemos os Penedos.

A entidade xa reiterou que o proxecto eólico Monte Chan supón “auténtico atentado contra este conxunto xeolóxico e paisaxístico único, que representa un dos principais bens patrimoniais dos concellos de Laxe e Vimianzo, pero tamén da Costa da Morte e de Galicia, e que supón un recurso fundamental para o desenvolvemento da zona, na que o sector turístico se está a converter nun dos seus principais activos económicos”.

Por iso, consideran que “o Plan de Xestión dos Penedos de Pasarela e Traba, anunciado hai poucos días pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, con doce anos de retraso; así como a inauguración do itinerario por este espazo natural a iniciativa dos concellos de Vimianzo e Laxe, son totalmente incompatibles coa instalación de calquera parque eólico na súa contorna, máximo cando estamos a falar dunha Paisaxe Protexida por lei.”

Así, despois da recollida de 4.000 sinaturas a través da Plataforma change.org, e da presentación de alegacións contra os parques Monte Chan e Pena dos Mouros, a próxima actividade será este Encontro Poesía Polos Penedos, cun programa literario, musical e cultural, pero ao mesmo tempo reinvindicativo.

A saída será ás 10:45h diante da antiga escola Labarta Pose de Pasarela, para facer a ruta ata os Penedos acompañados da música do grupo Trubisquiñas de Vimianzo. Unha vez chegados ao espazo natural, a carón da Pedra Multiforme, comezará ás 12:00h o Recital de Poesía, presentado por Xurxo Souto e co acompañamento musical de César Morán, no que participarán destacados escritores e escritoras da literatura galega, moitos deles vinculados á Costa da Morte, e que de xeito desinteresado, quixeron que a súa voz soase en defensa desta incomparable paraxe dos Penedos. Confirmaron a súa asistencia Rosalía Fernández Rial, Arancha Nogueira, Estevo Creus, Helena Salgueiro, Modesto Fraga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio López Valcárcel e Miro Villar. Queda algún máis por confirmar.

Rematado o recital, e despois dun pequeno descanso, que se aproveitará para tomar un bocata ou algo similar, iniciarase a Ruta polos penedos, guiada polo xeólogo e profesor Juan Ramón Vidal Romaní, que conducirá aos visitantes a gozar das singulares formas graníticas que nos mostran algunhas das rochas deste parque máxico.

Novas relacionadas

Comentarios