A Xunta devolve a pelota: Que o enlace do Corredor co Polígono de Vimianzo o pague o goberno central
Pero a solución proposta pola Conselleira non satisfixo as peticións do Concello vimiancés, unha vez que a Xunta propón a elaboración do proxecto que contemple este ramal, pero deixa en mans do goberno central o financiamento. “Parécenos insuficiente debido ao calado do proxecto. Entendemos que é algo que atinxe ao interese común de moitas veciñas e veciños da contorna e non nos parece correcta a disposición da Xunta de Galicia”, insiste a rexedora vimiancesa.
A Xunta segue considerando que o enlace “é responsabilidade exclusiva do Estado” a pesar de que existen numerosos exemplos de execución e financiación autonómica sobre vías da súa titularidade, como o correspondente á conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas. E para intentar convencer a Vimianzo vestiu a proposta como un convenio a 3 partes, de “suma de esforzos”, que repartiría dun xeito bastante desigual, como indican os datos: dos 4,7 millóns de euros que custaría o ramal, a Xunta asumiría cales 250.000 euros:
- A Xunta asumiría a redacción do proxecto de trazado e de construción e o tramite ata a súa aprobación, ademais de tramitar as expropiacións.
- O Goberno central, a través de Suelo Empresarial del Atlántico, encargaríase de financiar as expropiacións e da construción da obra.
- E o Concello de Vimianzo asumiría a titularidade da nova vía.
Mentres, o novo treito da vía de altas prestacións, que ten un orzamento de 28 millóns de euros, e que terá 4 saídas no termo municipal de Vimianzo, continúa actualmente en fase de análise das alegacións.
Novas relacionadas
- 26-06-2020: O Concello de Vimianzo tamén presenta alegacións para que a Xunta reconsidere a problemática do corredor.
- 22-06-2020: SEA presenta alegacións para que a Xunta asuma a súa competencia e faga o enlace co polígono de Vimianzo.
- 18-06.2020: A alcaldesa de Vimianzo solicita unha xuntanza coa Xunta para reactivar o Corredor .
- 26-05-2020: A Xunta insiste en que o enlace co polígono de Vimianzo é responsabilidade do goberno central.
- 26-05-2020: SEA formulará alegacións para que a Xunta asuma o enlace do Corredor co Polígono de Vimianzo.
- Febreiro 2020: Anunciada a ampliación da “Vía de Altas Prestacións”, con saída pero sen enlace co polígono de Vimianzo.