venres. 15.11.2024
El tiempo

O alumnado do IES de Baio sumérxese no mundo de filosofía, intriga e retranca de Rocío Leira

Rocio Leira no IES de Baio
Rocío Leira no IES de Baio
O alumnado do IES de Baio sumérxese no mundo de filosofía, intriga e retranca de Rocío Leira

Fantástica a Semana do Libro no IES Maximino Romero de Lema. Despois das visitas de Andrea Maceiras>, María Rei e Antón Cortizas, o centro baiés recibía a visita da ceense Rocío Leira.

A escritora e matemática levou novela “Cicuta para dous”,  gañadora do Premio Jules Verne de Literatura xuvenil do 2022 – galardón que emocionou moito á autora-, é un libro rompedor dentro da literatura galega na que mestura intriga, filosofía e moita retranca.

Foron as alumnas Desirée e Cristina de 4º ESO, as presentadoras da autora, que quixo facer unha defensa da filosofía por ser unha ferramenta necesaria en tempos de noticias enganosas. “Achega unha luz crítica e dota ao pensamento de autonomía para enfrontarse cun mundo incerto e colonizado polo tecnodixital”, sinalou a ceense.

O suspense é unha característica inherente da súa narrativa e quixo mesturalo nesta ocasión coa filosofía dun xeito lúdico para aproximala aos adolescentes. Como comentou a escritora esta lectura pretende un lector activo, que vaia cuestionando o que sucede ata chegar á resolución do enigma mesmo antes de que suceda; en definitiva emprega o método socrático: a través das preguntas chégase ao saber. O lector debe resolver xogos, anagramas, códigos…

O acto finalizou cun diálogo entre escritora e alumnado, no que se trataron cuestións sobre a trama: personaxes, espazo....; comentáronse aspectos do pensamento de filósofos que aparecen no libro e o alumnado achegou o seu punto de vista sobre a lectura.

Novas do IES

Novas re Rocío leira

Comentarios