Venres. 26.04.2024
El tiempo

Rocío Leira xa ten o seu Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

Rocio Leira Maria Solar e Anxo Iglesias
Rocio Leira con Maria Solar e Anxo Iglesias
Rocío Leira xa ten o seu Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

Sabémolo dende xullo, pero tiñamos moitas gañas de vela de longo recibindo o premio. Coincidindo coa saída á rúa dos libros premiados, A editorial Xerais facía este sábado, no Auditorio do Mar de Vigo, a entrega dos Premios Xerais 2022. E alí estaba a ceense Rocío Leira, para recibir o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil pola obra: ”Cicuta para dous”.

Un galardón está dotado con 10.000 euros e publicación do libro, que xa se pode atopar nas librarías.
Xunto á escritora costeira, recibiron tamén os seus galardóns María Solar, Premio Xerais de Novela pola súa obra "A Culpa", e Anxo Iglesias, Premio Merlín de Literatura Infantil polo poemario "Unha nova dimensión”.

Todo nun acto presentado pola actriz e escritora Sabela Hermida, e inaugurado cun discurso do director de Xerais, Fran Alonso, que destacou a "prodixiosa literatura dun país pequeno”. O encargado de pechar o acto non foi outro que o poeta mazaricán Ismael Ramos, que leu uns poemas da súa obra “Lixeiro”, que recentemente recibíu o Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández.

Rocío, no seu discurso deidicou 'Cicuta para dous', a "aqueles que se permiten o luxo de cuestionar as cousas, a aqueles que son capaces de observalo todo baixo perspectivas diferentes, aos que se negan a sucumbir ás maneiras dunha sociedade hiperconsumista, aos que teñen a coraxe de dicir palabras impertinentes e non lles importa pagar as peaxes que leva aparellada a liberdade de pensamento”.

Leira destacou que “gañar este premio foi sempre un soño para min. Pero o malo que teñen os soños é que de cando en vez se cumpren, e entón déixannos mergullados nunha especie de orfandade. Pero, sen ningunha dúbida, esta é a orfandade máis marabillosa que vos poidades imaxinar”.

Novas relacionadas

Comentarios