As entidades sociais amosan os éxitos da inclusión costeira


Moi positiva foi a 2ª Xornada sobre Inclusión Social e Educativa do Concello de Cee. Sempre son tremendamente produtivas estas sesións nas que se lle dá voz a responsables e usuarios das asociacións sociais. 9 asociacións participaron activamente nesta Xornada celebrada na Casa da Cultura á que asistiron máis de 190 persoas.
As ponencias xiraban en torno á inclusión social e educativa das persoas con discapacidade. FADEMGA Plena Inclusión Galicia, APEM, ASPADEX, Federación Autismo Galicia, Asociación Aloumiños, ASPADEX, Asociación Íntegro e COGAMI puxeron o seu esforzo en facer desta xornada un día de reivindicación pero tamén de demostración das capacidades dos seus usuarios e das posibilidades que teñen se todos poñemos da nosa parte para que esta inclusión sexa unha realidade.
Interesantes foron as ponencias dos profesionais, como a psicóloga de Íntegro, Begoña Rial, que acompañada da directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, destacou a importancia da concienciación social como método de aprendizaxe. Repasou exemplos como o Capacíta-T, ou a campaña coa que están a percorrer os diferentes centros educativos de primaria e secundaria da Costa da Morte para concienciar aos máis novos na prevención de accidentes de tráfico ou zambullidas na auga (praias e/ou piscinas), producidos na súa maioría por prácticas de risco.
Máis interesante se cabe foi escoitar as experiencias da propia voz dos usuarios. Algúns como o noso Fran Martín de APEM, explicaron como son esas experiencias radiofónicas nas que os integrantes da familia ceense entrevistan na Radio Nordés a un persoeiro da zona.
Exposición social

Tamén tivo lugar a inauguración da “Exposición sobre Inclusión Social e Educativa” coa que as asociacións pretenden amosar a súa labor para lograr a integración dos seus usuarios. Fotografías, debuxos, carteis explicativos, dípticos e todo tipo de obxectos realizados por eles mesmos que se poderán ver na Casa da Cultura de Cee dende esta tarde e durante toda a semana do 6 ao 10 de febreiro en horario de 16:30 a 19:30h.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).