O pobo de Corcubión e Muxía recuperaron os seus Enterros


Foron os veciños os que tiraron do carro para recuperar as vellas tradicións que pechan o entroido na Costa da Morte. Xa estivemos por Buño e a peituda Mikaela e por Fisterra co recuperado Polbo. Ademais, por Lariño os veciños da Insua, e por Corme os da Asociación de Veciños Eduardo Pondal. Foron en Muxía tamén os veciños os que sacaron o Percebe Corrupto á rúa, nunha auténtica Queima, así como por Corcubión foron as xentes con vontade as que recuperaron o Enterro da Sardiña.
O percebe corrupto de Muxía


Terceiro ano que os veciños de Muxía recuperan o enterro do Percebe. Este ano, perfectamente ataviado coa súa tarxeta black e a bolsita de publicidade do HSBC, o banco suízo tan implicado en casos de corrupción. Foron uns 300 chocolates repartidos, polo que se pode dicir que houbo moita xente, como todo funeral que se prece na zona, e demostrando que a cita se vai consolidando ano a ano.
A comitiva fúnebre estivo do máis simpática, presidida polo Papa, a concelleira Mónica Vilela, que está na escola de teatro municipal e fixo unha parodia dos mandamentos anti-corrupción moi divertida. Acompañábana un nutrido, e tristón grupo de curas, monxas e viuvas, xente da vila e parte das pandeireteiras, as Abaladeiras de Muxía, que amenizaron logo a choclatada na carpa.
Levando ao percebe corrupto, un grupo de 4 mafiosos... Toda unha parodia sobre tarxetas black, paraisos fiscais, Blesas, Bárcenas e peixes varios... A xente pasonuno moi ben, e o percebe fumou o seu último puro mentres se queimaba.

A Sardiña tomou o vermú en Corcubión
Un grupo de veciños decidiron probar a facer, en rexime de "autoconvocatoria espontánea" O Enterro da Sardiña, ademais á hora do vermú. Boa hora para non pisar o entroido ceense, e a pesar das trabas burocráticas (non obtiveron o permiso municipal para queimar o pequeno cadaleito), a comitiva paseouse por toda a vila, pasando polos rueiros e tabernas chorando, cantando e tamén rindo.
Pararon na plazoleta, no Campo do Rollo, pola farmacia, Recheo... cantando as coplas... bendecindo a todo quisque... e sobre todo, pasándoo ben. Vese que a xente de Corcubión ten fame de Entruido.



Entroido 2015
- A Mikaela de Buño, a raíña do Entroido da Costa da Morte.
- O Fisterra recuperou o Enterro do Polbo cun completo funeral.
- Menudo nivelón no Entroido de Cee.
- A retranca, polas veas de Fisterra.
- Fisterra afía a copla co Desfile para a gran cita do Entroido.
- Un entroido moi bailongo en Vimianzo.
- O Caietano protagonizou un entroido reivindicativo no mar de Laxe.
- Un entroido de Circo en Dumbría.
- Os coles, os primeiros en estrear o Entroido.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).