Sábado. 27.07.2024
El tiempo
Abraham Trillo
08:37
13/05/24

Escribir sen escribir

Escribir sen escribir

Nunca poderei recordar os mellores textos que escribín, precisamente, por non facelo- por non escribilos, quero dicir-. Recreeime ao traballalos na cabeza, nese momento inspiracional no que quixeron vir, e doume pereza poñerme man ao boli. Pero, como tomar notas cando se está bebendo viño cos amigos, sacando o can a mexar, ou folgando- non penso dicir “facendo o amor”, esa expresión cursi déixolla aos poetas de Instagram- coa rapaza que un quere? Imposible.

A quen non lles teña pasado, resultaralles difícil de comprender. Pero, nesos momentos, un está escribindo aínda que non utilice ningún soporte nin instrumento ortodoxo para facelo - un folio, un bolígrafo, un ordeador...- . Está escribindo sen escribir, porque a cabeza non é capaz de parar de explicar a realidade literaturizándoa. Nestes intres, coma digo, un está escribindo a pesar de que non estea escribindo, o que xenera unha sensación de desaproveitamento do combustible literario coa que é moi difícil lidiar. Un, séntese culpable de non sacar o teléfono para anotar, aínda que sexa un par de frases para, logo, máis adiante, desenvolvelas e compoñer así o texto; porque, unha vez que o texto está creado, que a necesidade de ordear o que sucede e de expresalo a través da literatura, como dicía antes, foi satisfeita, xa está. Non hai máis nada. Pasada media hora, un intentará levar o mentalmente composto ao papel e non será capaz. Por que? Nin idea, tal vez a resposta estea naquel mandamento que Hemingway recolleu no seu “Decálogo del escritor”: “Calla, la palabra mata el instinto creador”.

O resume e que, se un pensa demasiado o que quere escribir- isto é, se o escribe antes na súa cabeza-, nunca será capaz de facelo materialmente. Parece maxia, máis é unha boa putada.
Así pois, se o que se pretende é poder releer, poder frecuentar o escrito- e traballar sobre el-, é fundamental facelo nun folio. Lóxico. Nun folio, nunha árbore, ou nunha pedra- onde sexa-, pero nunca na cabeza. Digamos, por lle dar un toque de bucolismo ao artigo e, xa de paso, para que saia algo máis longo- eu, por se non o sabedes, cobro por palabra-, que tomar notas na memoria é como tomalas nun río.

Entre algúns dos problemas mentais que teño, ou que debo de ter- todavía non fun a facer un test pero algo sospeito- , pensaba que tamén estaría este. Pero resulta que non estou tolo- ou, polo menos, non son único que o está. Isto consola moito- e o de escribir sen escribir é posible! Linllo a Manuel Vicent o outro día: “Escritor es aquel que escribe incluso cuando no escribe”. Que alivio... Acostumamos a desestimar o que pensamos nos mesmos, un mal moi español, por iso necesitamos que veñan de fora a dicirnos as cousas e a contarnos a nosa propia Historia. Así que si, eh... “Escritor es aquel que escribe incluso cuando no escribe”. Pois moitas grazas, Manolo. Xa podo anular a cita no psiquiatra. Ou será mellor que che pida outra para ti? De todos modos, o próximo día que che atope no Pazo, invítoche ao café.

MÁIS ARTIGOS DE ABRAHAM TRILLO

Comentarios