A morte do orzamento

Durante o primeiro trimestre de cada ano, os concellos “matan” o orzamento do exercicio anterior, aprobando a súa liquidación. Descanse en paz, pois, o orzamento de 2020, caracterizado por un escenario excepcional derivado da pandemia do Covid-19.
Nese contexto, de incuestionable problemática financeira e social, moitos dos nosos concellos relaxaron o control da sustentabilidade das contas públicas, grazas a que o Goberno do Estado suspendeu con carácter extraordinario as regras fiscais en canto ao cumprimento da estabilidade orzamentaria, límite de débeda e a regra de gasto, seguindo as recomendacións da Comisión Europea, que aplicou a cláusula xeral de salvagarda do Pacto de Estabilidade e Crecemento.
Agora que moitos dos nosos concellos están coa aprobación dos orzamentos para 2021, cómpre salientar que a interrupción das regras fiscais –tamén neste ano–, non implica a suspensión da normativa reguladora da actividade orzamentaria nin do resto de lexislación económico-financeira municipal. Polo que non se pode obviar que a aplicación dos principios contables e orzamentarios básicos seguen vixentes. Non quedaron en suspenso.
En consecuencia, o orzamento de 2021 debe aprobarse equilibrado e as novas operacións de crédito que se formalicen durante este ano estarán suxeitas aos límites legalmente establecidos. Tampouco significa a desaparición da responsabilidade fiscal, posto que o Goberno do Estado fixou unha taxa de déficit de referencia para as Corporacións Locais no exercicio 2021 do 0,1% do PIB, que servirá de guía para a actividade municipal. Por último, tamén se manteñen en vigor as obrigacións relativas ao período medio de pago a provedores, así como o control do seu cumprimento e, por suposto, os principios de transparencia e de boa xestión financeira aos que debe adecuar as súas actividades os nosos concellos.
Son cuestións que non convén esquecer, porque unha cousa é a relaxación das regras fiscais e outra moi distinta incumprir a Lei e poñer en risco a viabilidade económico financeira municipal de exercicios futuros.
- Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.com). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA
- Despois de xaneiro.
- Momento para o consenso e transparencia.
- Suspensión de regras fiscais.
- A detección de riscos na prevención da corrupción .
- Navegando na «chalana».
- As previsións do FMI
- Fraxilidade económica
- 2020, unha nova década
- Comezar de cero
- Arqueo e inventario.
- A factura electoral.
- Volver a votar.
- Autonomía fiscal.
- Auditores privados nas intervencións municipais.
- Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade.
- Debemos tributar máis?.
- A Tesourería Municipal.
- Cos deberes feitos.
- Perdemos poboación.
- A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto».